segunda-feira, 30 de junho de 2008

Galiza Nova participa nos actos do Día do Orgullo LGTB'08

Galiza Nova estavo este sábado na manifestación que percorreu as rúas da capital de Galiza con motivo do día do orgullo LGTB 08.

Esta manifestación que saiu ás 18:00h da alameda compostelana estivo convocada pola federación Aturuxo que agrupa ás diferentes organizacións de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais de Galiza.

Ademais desta manifestación tamén houbo ás 13:00 un Maripicnic-Foliada no Parque de Belvis (Barrio de S. Pedro) e ao remate da manifestación ás 22:30 unha festa concerto na Praza da Quintana con Alive, Opperetta Mix, La Kinky Beat.

sexta-feira, 27 de junho de 2008

Posición do BNG ante o Tratado de Lisboa



Falouse moito estes días do Tratado de Lisboa. Dende Galiza Nova de Cabanas queremos facervos chegar as razóns do NON do BNG a dito tratado:

A) CUESTIÓNS PREVIAS:

As Cortes Xerais do Estado debaten o Tratado de Lisboa, asinado na capital portuguesa o 13 de decembro de 2007 polos Xefes de Estado ou de Goberno dos 27 estados membros da Unión. Este Documento modifica o Tratado da Unión Europea e o Tratado Constitucional da Unión Europea.

Este proceso realizado exclusivamente pola vía parlamentar, é froito dun acordo adoptado durante a Presidencia Alemana co que se pretende retomar a mal chamada “Constitución” Europea.

Ante este debate o BNG defende, en coherencia coas resolucións adoptadas na XI Asemblea Nacional (2003) e no Programa para as eleccións ao Parlamento Europeo (2004), unha posición, tendo en conta o contido do Tratado, contraria á ratificación do mesmo.ç

B) AS RAZÓNS DA OPOSICIÓN DO BNG Á RATIFICACIÓN DO TRATADO:

1. O deficit democrático

O procedemento seguido escapando do referendo, en base a diversos pretextos, revela o medo ao sentido de voto dos cidadáns europeos. Saben que o contido do “Tratado de Lisboa” é a copia da referida constitución europea, á que mudaron o nome para tentar de enganar á poboación europea, o que representa un auténtico fraude político.

No que atinxe á arquitectura institucional, o Tratado de Lisboa reforza os poderes da Comisión (o executivo da UE) en detrimento do Parlamento.

O empobrecemento da democracia tamén é visíbel na Carta dos Dereitos Fundamentais, máis restrinxida, aínda, que a estabelecida no Tratado Constitucional.

2. O deficit de soberanía: O esquecemento da europa dos pobos

O “Tratado de Lisboa”, esixe o respecto á “integridade territorial” de cada Estado, polo que a a plasmación práctica do dereito de autodeterminación queda impedido.

O “Comité das Rexións” ao sumo non pasa dunha cifra de “representantes rexionais” que expresan o peso político dos estados membros da Unión sen atender a articulación territorial e institucional de cada un deles conforme a criterios dunha mínima democracia.

O Tratado de Lisboa consolida unha estructura de poder baseada na combinatoria de estados xerarquizados, coa mudanza no procedemento de adopción de moitas decisións, que lle outorga aos estados centrais un papel determinante.

O proceso de construción da UE é a concreción en Europa da dialéctica mundialización-rexionalización, antitética ás formulacións do nacionalismo galego.

O Tratado de Lisboa representa un paso atrás no recoñecemento na esfera internacional da lingua galega. As únicas linguas oficiais son as dos estados, estabelecéndose unha división ou xerarquización entre as mesmas atendendo unicamente a criterios políticos administrativos. Isto é, o elemento para determinar a visibilidade dunha lingua é o Estado; é dicir, o corsé estatal determina a existencia ou non dun idioma.

3. Unha política económica ao servizo do capital

No contido do Tratado institucionalizase a Estratexia de Lisboa e o Pacto de Estabilidade insistindo nas políticas que están a ser practicadas, con consecuencias xa coñecidas: recortes nos salarios reais e nas pensións, menores investimentos nos servizos públicos e maiores ganancias para os grupos económicos.

Por outra banda, convén lembrar que, mália o que digan os defensores da UE, Galiza non recibiu tantos fondos europeos. Do total de recursos comunitarios destinados ao Estado Español, entre 1986 e 2006, a porcentaxe galega non pasou do 6%, inferior ao seu peso poboacional no conxunto do Estado.

O “Tratado de Lisboa” vai fixar competencias exclusivas ou compartidas cos Estados, socavando a capacidade de planificar ou intervir na economía pola diferentes nacións ou estados, o que fará inviábel que se poida enfrentar unha situación como a da actual crise económica ao servizo dos pobos e da maiorías sociais.

O Tratado vai deixar en mans da Comisión a política enerxética, a de transporte e a comercial común, o que afondará nas desigualdades rexionais no espazo comunitario.

4. Un retroceso nos dereitos sociais

O “Tratado de Lisboa” significa un novo avance no ataque aos dereitos laborais, poñendo en cuestión o despedimento sen causa xusta, a negociación colectiva ou a limitación horaria da xornada laboral, da que é claro exemplo a directiva que promove a ampliación da xornada laboral semanal a 65 horas.

O dereito ao traballo e ao emprego non existen, simplemente aparece o “dereito a traballar”. O dereito á protección social é substituído por un mero “dereito de acceso ás prestacións da seguranza social e aos servizos sociais”.

Por outra banda, o Tratado non recoñece o dereito ao aborto e á anticoncepción.

Así mesmo, a UE sitúase á cabeza do mundo en represión en materia de inmigración nunha dirección contraria aos dereitos humanos.

5. A concepción dunha europa subalterna

O Tratado de Lisboa non deixa dúbidas sobre a natureza do modelo europeo e do seu carácter subalterno e complementario ao bloque norteamericano, actuando como unha mera sucursal do proxecto político estadounidense.

Un exemplo palpábel deste papel subalterno é a nova formulación que se fixa en Lisboa, que estabelece que a Organización do Tratado do Atlántico Norte “para os Estados que son membros desta organización, continúa a ser o fundamento da súa defensa colectiva e a instancia apropiada para a concretizar”.

C) A POSICIÓN DO BNG: A DEFENSA DUN MODELO DE CONSTRUCIÓN EUROPEA ALTERNATIVO.

En coherencia co seu programa estratéxico e o seu proxecto nacional, o BNG propugna unha Unión Europea defensora dunha política que preserve a democracia, a economía sustentábel como obxectivo, a sociedade do benestar como elemento de xustiza social e a relación en pe de igualdade entre os gobernos nacionais como expresión das demandas dos pobos. Unha democracia que afortale a capacidade de control e impulso das institucións elixidas democraticamente, respectando as competencias dos Parlamentos nacionais, entre eles o Parlamento de Galiza, incrementando a transparencia na toma de decisións, e corrixindo o déficit democrático existente nas institucións da Unión Europea.

O BNG defende unha Unión Europea participativa, plenamente democrática, baseada na integración e non na exclusión, como conxunto e suma das identidades nacionais e do respecto á pluralidade económica, cultural e lingüística. Unha Unión Europea dotada de mecanismos e garantías de participación política, baseada na paz, na defensa do medio ambiente e no dereito ao traballo digno. Unha Unión Europea dos pobos, na que se recoñezan os dereitos de Galiza como nación. Unha Unión Europea política, social e cultural, e non só económica e monetaria.

En síntese, é hora de mudar o curso do proceso europeo, de pór a economía ao servizo das persoas, de atopar un encadre no continente para as nacións sen estado, de artellar estratexias que contribúan a construír un mundo multipolar, de espertar esperanzas. Non se trata dunha mera construción doutrinal. Ao pobo galego, á maioría social de Europa e do mundo, vailles a vida nisto, por todo isto, o BNG non pode apoiar a ratificación do Tratado de Lisboa porque non contribúe á construcción desa Europa pola que traballamos.

domingo, 15 de junho de 2008

Acto: Cremos no noso Pais


O BNG de Cabanas celebrará o vindeiro venres 20 de xuño ás 20.00h no Hotel Sarga un acto enmarcado dentro da campaña que o Bloque Nacionalista Galego está a levar a cabo a nível nacional.

No acto de Cabanas, participarán Xosé Manuel Sardiña, Voceiro do Grupo Municipal do BNG no Concello de Cabanas, Ana Rúa, Directora Xeral de Comercio e Alberte Ansede, Secretario de Organización na Executiva do BNG.

Agardámoste!

domingo, 1 de junho de 2008