sábado, 30 de maio de 2009

Para que Galiza conte, para que a mocidade conte! Vota BNG



O próximo 7 de Xuño celébranse unhas eleccións moi importantes para o futuro das galegas e galegos.

As eleccións europeas determinan as políticas que se van a aplicar en nacións como Galiza e que teñen consecuencias visíbeis na nosa vida diaria. A partir das eleccións de 2004, o BNG non tivo presenza a nivel europeo e Galiza deixou de estar representada directamente nas institucións europeas.

Agora temos a oportunidade de ter voz e voto en Europa a través do BNG porque só así garantimos a defensa dos intereses de Galiza e a aposta por unha Europa dos pobos, social e democrática.

POR UNHA EUROPA DOS POBOS, GALIZA UNHA NACIÓN EUROPEA.

O nacionalismo galego defede o pleno recoñecimento de Galiza como nación nun Estado Español plurinacional, pluricultural e plurilingüe e aposta tamén no seo da UE, polo recoñecemento da identidade política, cultural e lingüística do noso país, así como das outras nacións e pobos de Europa.

O modelo de construción europea ten servido para ignorar as nacións sen Estado como a nosa e para impedirnos o desenvolvimento das nosas potencialidades, respondendo unicamente aos dictames do capital transnacional a través dos grandes Estados europeos.

Despois do fracaso do Tratado Constitucional (co “non” de Francia e Holanda) e da súa nova versión co tratado de Lisboa (rexeitado por Irlanda) é necesario un modelo alternativo como o que defende o BNG. Un modelo democrático que aposte polo recoñecemento de todas as nacións e pobos de Europa en pé de igualdade, así como das culturas e linguas que como o galego aínda non teñen o recoñecemento oficial no seo da UE.

Só a través da participación de Galiza con voz propia e voto en Europa nos foros onde se traten as cuestións que nos afectan directamente, conseguiremos que Galiza conte e que os intereses e necesidades das galegas e galegos, especialmente as e os máis novos, estean defendidos.

O NACIONALISMO ALTERNATIVA AO MODELO ECONÓMICO NEOLIBERAL DA CRISE E DE BOLOÑA.

O nacionalismo galego sempre se manifestou contrario ao modelo económico e social da Unión Europea. Este modelo neoliberal sistemáticamente negou as nosas capacidades productivas, desmantelou os servizos públicos básicos e afondou na desregularización e a perda de dereitos das traballadoras e traballadores, especialmente na mocidade sufrindo hoxe as maiores taxas de precariedade, de baixos salarios e de paro en Galiza.

Para o BNG a crise económica que padecemos é consecuencia deste modelo tan negativo e por iso cremos que son necesarias políticas que non degraden as condicións laborais (como o intento de aprobar a Directiva do tempo de Traballo que pretendía ampliar a xornada laboral ás 65h semanais) así como políticas que defendan servizos públicos tan elementais como o ensino.

Nese sentido o BNG pulará por unha política univesitaria baseada na consideración da universidade como un servizo público e no dereito que temos como pobo a definirmos o noso sistema educativo en función das nosas condicións e necesidades, unha política antagónica á mercantilización, elitización, uniformización e españolización da universidade galega que supón o actual modelo do Plan Boloña.

Dende Galiza Nova tamén consideramos que é necesario o recoñecemento pleno do dereito da mocidade a traballar, estudar e vivir en Galiza, para combater a emigración xuvenil, mudando a actual consideración positiva da mobilidade xeográfica, que non é máis que emigración encuberta.

Así mesmo, dende o BNG defenderemos o noso dereito a desenvolver as nosas potencialidades nos sectores productivos básicos como creadores de riqueza e de emprego en concreto para moita xente nova. Galiza é un país con grandes potencialidades no sector pesqueiro, no sector agro-gandeiro ou no sector industrial, mais sempre se nos limitou a nosa capacidade productiva, desmantelando os piares básicos da economía galega.

Por parte do nacionalismo galego sempre acreditamos na capacidade productiva do país e por iso agora temos a oportunidade a través da presenza do BNG no Parlamento Europeo de que as galegas e galegos defendamos os nosos intereses.

A DEFENSA DA PAZ, DO ANTIIMPERIALISMO E DOS DEREITOS E LIBERDADES DEMOCRÁTICAS.

Durante os últimos anos determinadas políticas impulsadas pola Unión Europea significaron unha clara involución democrática a respecto dos dereitos e liberdades. O nacionalismo apostará pola defensa das liberdades e a xustiza social especialmente no que se refire a extensión e recoñecemento de dereitos individuais e colectivos nos diferentes pobos de Europa.

Dende Galiza Nova consideramos necesario o recoñecemento da interrupción do embarazo libre e gratuíta, o respecto polas diferentes opcións sexuais, a derogación da Directiva de Retorno que establece criterios de expulsión e retención de inmigrantes e o impulso da laicidade nas nacións de Europa, entre outras cuestións.

Así mesmo o nacionalismo defenderá, como sempre fixo, unha política contraria ao imperialismo e o sometemento, expolio e ocupación dos pobos. Galiza Nova solidarizouse e mobilizouse, como tamén fixo o BNG, en contra da guerra no Iraque, do envío de tropas españolas a Afganistán, do exterminio do pobo Palestiniano por parte do Estado de Israel, entre outros, e consecuentemente en Europa defenderemos un modelo de relacións internacionais en pé de igualdade entre todos os pobos do mundo, baseado na xustiza e na soberanía política das nacións que como Galiza reclaman o dereito a poder decidir libremente o seu futuro.

Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, queremos que te sumes a nós para conseguir que Galiza estea representada en Europa. Sabemos que a través do presenza do nacionalismo galego avanzaremos na defensa dos intereses das mozas e mozos, no avance de dereitos, na construcción dun modelo social e económico altenativo ao neoliberal e no recoñecimento do que somos, unha nación con dereito a decidir.

Por iso convidámoste a que o próximo 7 de xuño, te sumes a nós para que Galiza estea en Europa. Para que non decidan por nós. Para sermos protagonistas. As mozas e mozos deste país somos decisivos para que Galiza avance a través do noso voto ao BNG e por iso temos que mobilizarnos para as vindeiras eleccións.

Para que ti contes, para que Galiza conte!

Non faltes e vota BNG!

Pola defensa do dereito ao aborto libre e gratuíto

A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova participará no Maio Reivindicativo que organiza a Marcha Mundial das Mulleres, o vindeiro domingo 31. Este acto está enmarcado dentro da campaña que baixo o lema: En Defensa Do Dereito ao Aborto, Na Sanidade Pública. Eu Decido! está alevar adiante a MMM ao longo do País.

Dende Galiza Nova queremos animarvos a que o domingo a partir das 11 vos acheguedes á Praza da Quintana en Compostela, para reclamarmos o noso dereito a un aborto libre e gratuito na sanidade pública.

A actividade consistirá na construcción dun maio feminista, a lectura de poemas e coplas reivindivativas para reclamar o dereito das mulleres a interrumpir libremente o seu embarazo na rede sanitaria pública, sobre todo no contexto de debate actual sobre a reforma da lei do aborto onde as organizacións da dereita máis reaccionaria teñen amosado ás claras as súas posicións contra os dereitos das mulleres. Así mesmo tamén podes amosar o teu apoio a esta demanda asinando en en www.feminismo.info.

sexta-feira, 29 de maio de 2009

Novo blogue de Galiza Nova Fene



A comarca de Ferrolterra conta xa cun novo blogue local de Galiza Nova. Trátase da localidade de Fene, onde as compañeiras e compañeiros da organización xuvenil do BNG veñen de pór en marcha un novo espazo virtual, no que irán publicando todas as novas que teñen a ver co concello veciño.

Podes visitar o seu espazo visitando http://galizanovafene.blogspot.com

Galiza Nova organiza en As Pontes un debate sobre o Plan Boloña

Que é Boloña? Privatízase a Universidade Pública?

Para dar resposta a estas e outras moitas cuestións, as compañeiras e compañeiros de Galiza Nova en As Pontes organizan hoxe unha charla-debate sobre este tema tan relevante e do que pouco se coñezo.

Para ilo, contarán coa presenza de Marcos Loureiro, Responsábel Nacional dos Comités, Elena Sierra, Vicerreitora de Novas Tecnoloxías e Calidade da Universidade da Coruña e Xulio Ferreiro, Responsábel Nacional da CIG-Ensino.

Terá lugar na Casa Dopeso de As Pontes a partir das 20.00h deste serán.

quinta-feira, 28 de maio de 2009

Mitin do BNG en Cabanas

O vindeiro luns, 1 de xuño, ás 20.00h, terá lugar o mitin do BNG no Concello de Cabanas.

Será na Escola de Laraxe.

Falarán Ana Luísa Bouza, Pablo Villamar e Xosé Manuel P. Sardiña

Imos a Europa... vés!

As JERC, Iratzarri e Galiza Nova asinan un manifesto conxunto para as Eleccións Europeas

De cara ás próximas eleccións europeas, Galiza Nova, xunto coas organizacións xuvenís doutras forzas da coalición, elaborou un manifesto que afonda na Europa dos Pobos, social e democrática que defendemos, dende a perspectiva xuvenil. No manifesto expóñense as críticas ao modelo neoliberal que está a causar a crise e o deterioro e recurte dos dereitos laborais, así como a precariedade, o paro e a emigración xuvenil. Tamén se critica o Plan Boloña que está a desenvolver a reforma do ensino universitario de xeito antidemocrático, causando unha pivatización, elitización e españolización da Universidade. Así mesmo, tamén se defenden os nosos dereitos lingüísticos e a necesidade de contarmos con soberanái política en Galiza, os Països Cataláns e Euskal Herría para poder decidir libremente o noso futuro.

Manifesto conxunto:

O próximo mes de xuño todas as cidadás e todos os cidadáns maiores de 18 anos dos 27 Estados integrantes da Unión Europea estamos chamados ás urnas coa finalidade de renovar a representación das deputadas e dos deputados que integran o Parlamento Europeo.

Ao longo da súa historia o mapa político europeo sufriu múltiples modificacións debido aos novos contextos políticos, económcios e sociais que mudaron a realidade política dos estados europeos e as súas fronteiras. De feito, vemos coma nos últimos 20 anos foron creados até 17 novos estados. O exemplo máis actual atopámolo en Montenegro, país non integrante da UE, que no ano 2008 exerceu un proceso de autodeterminación a partir das regras que fixou a propia UE.

A UE non pode continar obviando esta realidade dinámica negando o recoñecemento da identidade política, cultural e lingüística de todos os pobos de Europa a través de mecanismos claros e transparentes baseados nun proceso político de autodeterminación, dereito colectivo fundamental recollido na Carta das Nacións Unidas, mediante o cal a poboación dun territorio sexa soberana para decidid o seu futuro.

É necesario insistir en que a UE recoñeza o dereito a decidir dos pobos como un dereito básico elemental e un instrumento que asegure a democratización das institucións europeas e a adecuación da realidade política europea, incluídas as fronteiras, coa vontade dos pobos que a conforman.

Polo xeral, as eleccións europeas non suscitaron moito interese na cidadanía europea. Os factores que explican esta situación son diversos, mais un determinante é a sensación entre a cidadanía de que todo aquilo que se fala e se aproba no Parlamento Europeo parece non ter ningunha repercusión directa sobre as súas vidas, sumado a unha sensación de lonxanía debido á pouca importancia e seriedade coa que se aborda por parte dos medios de comunicación e a escasa información sobre as súas funcións e acordos políticos.

O Parlamento Europeo, que conxuntamente co Consello da UE forma a pola bicameral lexislativa das institucións da Unión é un parlamento de carácter consultivo sen iniciativa lexislativa, pero pode presentar emendas e posee dereito de veto en cuestións relacionadas coas competencias cedidas polos estados, relativas, por exemplo, á protección do medio ambiente, dereitos dos consumidores/as, igualdade de oportunidades, política de transportes e dereitos das traballadoras e dos traballadores, políticas sobre capitais, bens e servizos. Porén, as propostas de leis e directivas da comisión teñen que ser aprobadas polo parlamento e polo consello para poder entrar en vigor. Deste xeito podemos ver que é certo que a influencia directa do parlamento europeo sobre as regulacións da vida pública e privada son, en relación cos parlamentos estatais, limitadas.

As diferentes organizacións xuvenís que conformamos a Europa dos Pobos cremos que é moi importante a implicación da mocidade das nosas nacións nas eleccións europeas para conquerir unha maior representación da coalición no parlamento europeo, coa finalidade de orientar Europa cara outro sentido. Desde o seu inicio, o requisito indispensábel dun territorio para formar parte da Unión Europea foi estar conformado como un estado. Deste xeito imposibilítase a participación das nacións sen estruturas estatais na discusión dos asuntos públicos europeos nun marco de igualdade co resto das nacións. Os Països Catalans, Galiza, e Euskal Herria son hoxe nacións sen estado, e polo tanto non teñen representación por si mesmos no Consello de Europa, senón que son os presidentes e ministros dos estados Español e Francés os que os representan, non respostando así ás arelas, desexos e necesidades que como pobos diferenciados temos. Por isto dende a candidatura da Europa dos Pobos, Galiza Nova, Iratzarri e as JERC cremos que é necesaria a construción dunha Europa respectuosa coa diversidade nacional, cultural e lingüística.

Para isto tense que posibilitar un maior prtagonismo das nacións que están na mesma situación cás nosas a través do recoñecemento do dereito á autodeterminación dos pobos que xa forman parte da Unión Europea. Deste xeito as nosas organizacións apostamos polo recoñecemento político dos Països Catalans, Galiza e Euskal Herria no seo da UE a partir do exercicio do dereito á autodeterminación, para poder decidir libremente o noso futuro.

Neste sentido, Iratzarri, Galiza Nova e as JERC tamén queremos manifestar o noso compromiso cunha Europa respectuosa cos dereitos e liberdades democráticas, cunhas relacións internacionais baseadas na paz e na relación igualitaria entre todos os pobos do mundo, opoñéndonos ao imperialismo e pulando por un modelo social que poña por encima dos intereses económicos o benestar das persoas.

Reivindicamos un modelo social que se basee na xustiza social e que faga posíbel a cobertura das necesidades das cidadás e dos cidadáns mediante a protección social e os servizos públicos (atención sanitaria, vivenda, educación...).

As políticas neoliberais están acabando cos dereitos sociais conqueridos a través da mobilización da clase traballadora e da sociedade en xeral, procurando eliminar o mínimo de seguridade e estabilidade a todas as cidadás e cidadáns.

Cremos que se demostrou o fracaso do modelo neoliberal e que é necesario un modelo alternativo a favor das clases populares, compartindo no seo da Unión en contraste a outros sistemas de “protección” onde a individualidade é a característica propia das políticas (como o dos Estados Unidos de América).

En consecuencia, as organizacións asinantes deste manifesto fan unha aposta por unha orde económica e social xusta e solidaria, contraria ao imperialismo, que condena o sometemento, expolio, marxinación, negación e incluso ocupación de moitos pobos do mundo. Apostamos por unha Europa das e dos traballadores, que democratice a economía e redistribúa a riqueza, unha Europa con xustiza social.

Así mesmo, desde a perspectiva xuvenil e tendo en conta a crise económica actual, fai falla unha coordinación na protección social da mocidade como un dos colectivos máis afectados polo desemprego, a inestabilidade e a precariedade laboral e a imposibilidade de desenvolver un proxecto de vida propio libremente.

Por todo isto, Galiza Nova, Iratzarri e as JERC, como organizacións xuvenís da coalición da Europa dos Pobos, propoñemos as seguintes propostas programáticas conxuntas que van nos respectivos programas electorais que fixeron as diferentes formacións xuvenís:

-A adopción de medidas concretas a favor do emprego digno e estábel cuns salarios dignos para a mocidade que teñan como obxectivos:

a) Eliminar a estrutural precariedade do emprego xuvenil, limitando de xeito garantista as modalidade de contrato temporale poñendo en marcha medidas para a supresión das Empresas de Traballo Temporal a nivel europeo.

b) A defensa dunha política de creación de postos de traballo sobre a base do desenvolvemento endóxeno das diferentes economías nacionais que garantan as posibilidades de traballo no propio territorio, especialmente nos sectores produtivos básicos das diferentes nacións.

c) Pularemos para o estabelecemento das 35 horas semanais a nivel europeo para repartir o traballo e mellorar a produtividade.

d) Estabelecer unha fórmula común de cálculo do salario mínimo a nivel europeo para garantir a percepción dun salario digno.

-Recoñecemento pleno do dereito da mocidade a traballar, estudar e vivir no seu propio territorio, como principio rector das políticas para facer fronte ao fenómeno da emigración xuvenil, mudando a actual consideración positiva da mobilidade xeográfica, emigración encuberta, no seo da UE.

-As organizacións xuvenís das forzas políticas da coalición apostamos por unha política universitaria baseada na consideración da universidade como un sevizo público esencial e o dereito como pobo a definir o noso sistema educativo en función das nosas condicións e necesidades, unha política claramente antagónica á mercantilización, elitización, uniformización e españolización da universidade, que supón o actual modelo de EEES.

-Defensa dunha política lingüística e cultural europea que garantice realmente a defensa, igualdade e normalización das culturas e oficialización das linguas minorizadas de todas as nacións sen estado existentes na UE, prestando especial atención á situación desas linguas e culturas entre a xente nova e a garantía dos dereitos lingüísticos e culturais, sobre todo en eidos como o ensino.

-As organizacións xuvenís da coalición apostamos pola extensión de dereitos e liberdades en todos os territorios europeos especialmente no recoñecemento e garantía á interrupción voluntaria do embarazo libre e gratuíta. Tamén consideramos necesarios programas de fomento e respecto das diferentes opcións sexuais, identidade de xénero-sexual, contra o racismo e a xenofobia, o fomento da paz, a non violencia e o antiimperialismo, e a aposta por un modelo económico e social sustentábel.

As organizacións xuvenís da coalición apoiamos a presenza das nosas nacións nas actuais redes de información xuvenil a nivel europeo e instamos á modificación das súas funcións de xeito que deixen de ser instrumentos propagandísticos de politización no modelo actual da UE.

Neste senso, apostamos por garantir o pluralismo, a eficiencia e as facilidades no acceso á información de maior interese xuvenil por parte do asociacionismo xuvenil, prestando especial atención á difusión e perticipación das organizacións xuvenís das nacións sen estado.

Porque outra Europa é necesaria, para levar a voz da mocidade de Galiza, Països Cataláns e Euskal Herria, facemos un chamamento á xente nova das nosas nacións a que apoie a candidatura impulsada por ERC, BNG e Aralar: Europa dos Pobos – Verdes e para que o próximo día 7 de xuño se mobilicen e participen nas eleccións votando por unha Europa dos pobos, social e democrática.

terça-feira, 26 de maio de 2009

Europeas09: Mitin do BNG en Ferrol

Acode ao mitin do BNG en Ferrol o vindeiro xoves 28 de maio ás 20.30h! Será no Teatro Jofre e falarán Manolo Pazo, Helena Veiguela, Guillerme Vázquez e Ana Miranda

Europeas09: Vídeo electoral do BNG



Europeas09: Como votar por correo

O vindeiro 7 de Xuño celébranse as eleccións Europeas. Para Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, estas son unhas eleccións moi importantes porque durante estes anos Galiza non estivo representada directamente, nunhas institucións onde se van tomar decisións fundamentais para o futuro do noso país. Queremos contar co teu apoio para facer que Galiza, a través da representación do BNG, teña voz e voto en Europa. Para que as galegas e galegos esteamos representados e poidamos defender unha Europa dos pobos e democrática, que recoñeza a diversidade nacional, cultural e lingüística. Para impulsar unha Europa social e xusta contraria ao modelo neoliberal que causou a actual crise económica e a reforma do ensino a través do Plan Boloña. Para defender os nosos sectores productivos (o agro, a pesca, o naval…) como xeradores de emprego e riqueza en Galiza. É por iso que precisamos do teu apoio ao BNG, para avanzar nas necesidades e aspiracións da xente nova: no dereito a un traballo digno na propia Terra, no dereito a un ensino público, galego e de calidade, no recoñecemento oficial do galego na UE… Por iso che pedimos o teu apoio: para que ti contes, para que Galiza conte!!

Se vas estar noutra localidade do Estado Español diferente de onde che corresponde votar, podes votar por correo:

1. Ata o 28 de maio, vai a calquera oficina de correos co Documento de Identidade, e cubre o modelo para solicitar o certificado de inscrición no censo electoral. O enderezo que indiques será a onde che envíen toda a documentación.

2. Do 18 ao 31 de maio, remitiranche a documentación para poder votar ao enderezo que indicaches (certificado de inscrición, papeletas e sobre electoral, enderezo da mesa onde che corresponde votar e folla explicativa de todo o proceso).

3. Con esta documentación elixe a papeleta de voto e introdúcea no sobre de votación, logo métea noutro sobre co enderezo da mesa electoral, xunto coa inscrición no censo.

4. Ata o 3 de xuño tes de prazo para enviala por correo certificado e urxente.


*TODO O PROCESO É DE BALDE.

*UNHA VEZ QUE SOLICITAS O VOTO POR CORREO (AÍNDA QUE DESPOIS DESISTAS) IMPIDE O VOTO PRESENCIAL NA MESA ELECTORAL O DÍA DAS ELECCIÓNS.


segunda-feira, 18 de maio de 2009

Ningún paso atrás co galego!

Máis de 50.000 persoas participaron onte na maior manifestación da historia en defensa da nosa lingua.

O acto, organizado por A Mesa pola Normalización Lingüística e apoiado por centos de organizacións, entre elas Galiza Nova e o BNG superou todas as espectativas de participación, servindo para demostrar a Feijóo que as galegas e galegos non queremos ningún paso atrás na defensa do galego e que estaremos dispostos a saír ás rúas cantas veces sexa necesario para que iso non aconteza.

[Imaxes do acto]: Fonte: Gznación, Vieiros, A Nosa Terra, CIG, La voz de Galicia

Manifestación en defensa da lingua

sexta-feira, 15 de maio de 2009

Non deixes que esmaguen a nosa lingua!

A día de hoxe na nosa nación, o galego, a nosa lingua propia, vive unha situación de desigualdade a nível público e social, de perda de falantes xeración tras xeración e de discriminación das e dos galegofalantes cando queren exercer o seu dereito básico a poder desenvolver a súa vida integrametne e con naturalidade en galego.

Froito dos intentos de avanzo na normalización da nosa lingua que impulsou o BNG durante a súa participación do goberno da Xunta, determinados grupos sociais minoritarios, apoiados dende sectores do poder, teñen lanzado a idea, nos últimos meses, de que en Galiza se estaba a vivir unha situación de "imposición del gallego" que nada se corresponde coa realidade.

Onde están as películas en galego nas salas de cinema? Onde están os videoxogos en galego? Canta prensa diaria podemos ler en galego? Cantas emisoras de música para xente nova podemos escoitar onde as e os locutores falen galego? Por que non temos dereito a recibir un ensino en galego e aprender a nosa lingua? A resposta a calquera destas preguntas mostra a situación real e evidencia que minten os que non recoñecen que é o galego o que vive unha situación de indefensión e marxinación.

Mais temos que denunciar tamén que o PP, que durante este tempo estivo dando cobertura a estes grupos antigalegos, pretenda a través do goberno da Xunta de Galiza retroceder na normalización do galego e eliminar as medidas que procuraban un avanzo nos usos da lingua, en concreto en ámbitos coma o ensino. É por iso que as mozas e mozos galegos nos opoñemos a estes ataques contra o galego e defendemos o dereito que temos de recibir un ensino na lingua propia de Galiza. Así mesmo, apostamos pola posta en marcha de novas medidas para o avanzo da lingua galega, ademais de no ámbito educativo, en sectores tan importantes coma os servizos públicos, os medios de comunicación, o lecer e as novas tecnoloxías... e chamamos a toda a sociedade e, especialmente á mocidade, a mobilizarnos contras as agresións ao galego, porque non son máis que unha agresión cara a nosa nación, cara todas e todos os galegos e o que nos une. É por iso que necesitamos o teu compromiso para frealos e que non esmaguen a nosa lingua: defende con nós o idioma que nos une!

[Descarga]: Clic aquí para baixar o panfleto da campaña

terça-feira, 12 de maio de 2009

Galiza Nova participa na manifestación a prol do galego!

Galiza Nova participará na manifestación que este vindeiro domingo percorrerá as rúas de Santiago de Compostela na defensa do galego fronte aos ataques que está a recibir dende distintos grupos.

Baixo o título "O galego, a nosa columna vertebral", a manifestación convocada por A Mesa pola Normalización Lingüística partirá ás 12.00h da Alameda de Santiago.

Haberá servizo de autobuses dende varios puntos de Galiza.

Dende a nosa comarca, serán os seguintes:

10.00h Saída de Ferrol (Jofre) con parada na gasolineira do Polígono Vilar do Colo e regreso unha hora após da manifestación.

10.00h Saída do local comarcal da CIG (Avda Esteiro, Ferrol). Regresa ás 14.30h

9.15h Saída de Cedeira con parada en Valdoviño. Regresa ás 17.00h.

10.00h Saída de As Pontes e parada en Pontedeume. Regresa ás 17.00h.

10.00h Saída do Concello de Fene. Regreso ás 17.00h

Para máis información, chamar ao 981.563.885

domingo, 3 de maio de 2009

ORFEU: O voceiro comarcal de Galiza Nova

Xa está na rúa ORFEU, o primeiro número do voceiro comarcal de Galiza Nova, que recolle no seu nome a esencia das tres comarcas naturais ORtegal, Ferrolterra e EUme.

Neste primeiro texto abórdanse temas como a situación dos ríos Eume e Chamoselo, o transporte público na comarca ou o proceso de Boloña.

[Descarga]: Clic aquí para descargar o ORFEU