Fran Rei e Carlos Outeiro, voceiros da Plataforma, fixeron entrega das máis de 700 postais reivindicativas na oficina central de Correos.
Galiza Nova participará mañá ademais na concentración que terá lugar ás 17.00h na Praza do Obradoiro.
É evidente que Galiza é unha nación, mais que non conta con dereitos políticos para poder decidir libremente o seu futuro. O marco constitucional e autonómico vixente nega os nosos dereitos colectivos. Isto impide que poidamos artellar políticas propias a nivel económico na defensa dos nosos sectores produtivos, no desenvolvemento dun marco galego de relacións laborais, no ordenamento e protección do noso medio natural, no impulso das seleccións deportivas propias ou no desenvolvemento da nosa lingua e cultura con normalidade no noso propio territorio.
Hoxe, como vén facendo o nacionalismo galego durante toda a súa historia, opoñémonos á Constitución española porque nega a existencia da nación galega e o dereito de autodeterminación, imprescindíbel para o desenvolvemento do noso futuro e para non estar sometidos á presión ou ás inxerencias alleas á propia vontade das galegas e galegos.
As mozas e mozos galegos non imos celebrar unha Constitución sacralizada polo PP e polo PSOE que, despois de máis de 30 anos, só serve para agravar os nosos problemas: desmantela as bases da nosa economía, provoca uns niveis de paro e precariedade escandalosos entre a xente nova, favorece a destrución dos nosos recursos naturais ou deteriora o ensino público.
Non imos celebrar unha Constitución que lles atribúe ás forzas armadas “a misión de defender a integridade territorial de España”. Non imos celebrar unha Constitución que nos priva de liberdade e dos nosos dereitos democráticos máis elementais, como o dereito a vivirmos en galego. No Estado español non todas e todos somos iguais, nin tampouco todas as linguas e culturas gozan dos mesmos dereitos. Só hai unha lingua, o español, que todas as cidadás e todos os cidadáns “teñen o deber de coñecer e o dereito de usar”.
A nosa lingua propia, o galego, non conta con este recoñecemento e padece unha discriminación a nivel social e xurídico evidente. Os ataques que a lingua galega está a sufrir por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza veñen amparados por esta desigualdade xurídica da nosa lingua e favorecen a situación de racismo lingüístico que se vive na Galiza. A modificación da Lei de función pública, o uso deturpado da nosa toponimia ou a derrogación do Decreto 124/07 no ensino son algunhas das consecuencias desta desigualdade legal do galego fronte ao español.
Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, somos conscientes de que en Galiza non estamos de aniversario e de que só avanzaremos nos nosos dereitos coa mobilización e a implicación de todas e todos. A defensa da lingua galega significa a defensa de Galiza como nación e, por iso, nas vindeiras semanas as mozas e mozos sairemos á rúa en contra do Partido Popular e das políticas que buscan a eliminación da nosa lingua propia. Así que súmate á defensa da nosa lingua, súmate á defensa de Galiza!