Mostrando postagens com marcador institucional. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador institucional. Mostrar todas as postagens

terça-feira, 30 de setembro de 2008

A Secretaría Xeral de Política Lingüística responde á pregunta do BNG sobre a toponimia en Cabanas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística ven de emitir resposta á pregunta formulada polos deputados nacionalistas Bieito Lobeira e Fernando Blanco Parga a propósito da denuncia que fixemos dende Galiza Nova de Cabanas sobre o uso da toponimia ilegal nunha marquesiña de nova instalación que o ADIF colocou no apeadoiro municipal.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) lamenta profundamente que aínda no 2008, na instalación de novas infraestructuras de servizos aos pasaxeiros, sigan aparecendo desaxustes, se ben anecdóticos, no reflexo da realidade toponímica de Galicia; desexamos e pulamos porque estas anécdotas desaparezan definitivamente no curto prazo, conseguindo así unha plena normalidade ndo idioma galego na área do transporte ferroviario. A SXPL adoptará tres medidas concretas para conseguir que se restitúan as fórmulas toponímicas legais no apeadoiro ferroviario de Cabanas.

Primeiro, dirixirémonos ao Ministerio de Fomento, de quen depende a empresa pública ADIF, para: a) poñer no seu coñecemento estes feitos; b) informarlle sobre a esixencia legal de que as formas toponímicas legais, e que deben figurar nas marquesiñas, é a galega, e c) solicitarlle a substitución, na rotulación das marquesiñas do apeadoiro de Cabanas, das formas toponímicas deturpadas por aquelas formas legais en galego.

Segundo, dirixirémonos a ADIF, tanto á súa presidencia como ás Direccións Xerais de Planificación Estratéxica e á de Desenvolvemento da Infraestructura, para: a) poñer no seu coñecemento estes feitos; b) informarlle sobre a esixencia legal de que as formas toponímicas legais, e que deben figurar nas marquesiñas, é a galega, e c) solicitarlle que en diante, na súa estratexia empresarial e no deseño das súas infraestructuras, observen escrupulosamente o cumprimento da lei en materia de toponimia.

E terceiro, trasladaremos ao Consello das Linguas Oficiais e á Oficina das Linguas Oficiais, dependentes do goberno central e órganos de cooperación interadministrativa para a construcción dunha política lingüística de Estado, a demanda de cumprir no máis breve prazo a esixencia legal e, por tanto, a obriga de cumprimento ética- da Lei que establece a galega como a forma toponímica propia. Propoñéndolles, ademais, o establecemento dunha única base de datos normalizada e adaptada a esta Lei para todas as administracións do Estado.

A SXPL garántelle á súa señoría, ademais, un seguimento directo desta cuestión, na busca dunha restitución da normalidade lingüística no máis breve plazo, como é a nosa intención e principal anhelo.

Dende Galiza Nova de Cabanas valoramos positivamente esta nova, e agardamos que non quede só nunha declaración de intencións e se poida así restablecer a normalidade no menor espazo de tempo posíbel. Por contra, dende o Concello de Cabanas segue sen haber resposta ao tema.

quarta-feira, 27 de agosto de 2008

Un tren con destino Cabañas

Recolle hoxe o xornal La Opinión de A Coruña na súa edicción dixital un artigo que titula "Un tren con destino Cabañas", e no que se fai eco da denuncia que dende Galiza Nova fixemos do uso ilegal da toponimia na marquesiña do apeadoiro, cuestión que o BNG elevou ao Parlamento Galego.

Podedes ler o artigo nesta ligazón

quarta-feira, 6 de agosto de 2008

O BNG eleva ao Parlamento a pregunta sobre toponimia proposta por Galiza Nova de Cabanas

Fernando Blanco e Bieito Lobeira, deputados do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego presentaron unha pregunta (solicitando resposta por escrito) en relación co uso de topónimos deturpados no apeadoiro de Cabanas, feito denunciado por Galiza Nova.

O ADIF (Administrador de Infraestructuras Ferroviarias), empresa pública estatal encargada da xestión do tránsito nos camiños de ferro, ven de instalar recentemente no apeadoiro do Concello de Cabanas, unha marquesiña na que figuran en grandes caracteres e nos dous sentidos de circulación os topónimos deturpados "Cabañas" e "Arenal".

É evidente que esta actuación vulnera a legalidade vixente, comezando pola Lei de Normalización Lingüística.

Estas son as razóns que levan ao BNG a formular as seguintes preguntas, para a súa resposta escrita:

1) Que avaliación realiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre a utilización de topónimos galegos deturpados por parte de ADIF, no noso propio país?

2) Que medidas concretas se adoptarán para permitir que no apeadoiro de Cabanas se cumpra a legalidade lingüística?

Haberá que agardar agora cal vai ser a resposta do Parlamento de Galiza. Pola súa banda, dende o Concello de Cabanas inda non houbo resposta á pregunta presentada por escrito por parte de Galiza Nova...

quarta-feira, 23 de julho de 2008

Galiza Nova de Cabanas pregunta pola toponimia


Galiza Nova de Cabanas presentou onte no rexistro municipal un texto dirixido ao alcalde na que se preguntaba pola instalación da nova marquesiña que RENFE instalou no apeadoiro de Cabanas-Areal.

Nesa marquesiña de nova instalación, estase a empregar ilegalmente a toponimia en español, xa que tanto a Lei de Normalización Lingüística coma dous decretos aprobados posteriormente (pódese atopar máis información ao respecto clicando aquí) establecen que a a única forma legal da toponimia de Galiza é a galega.

Agardemos que o concello esixa ás autoridades competentes a reparación dese erro grave, asi como tamén que vele polo cumprimento da lei no ámbito toponímico

segunda-feira, 14 de julho de 2008

Galiza Nova pregunta polo estado dos parques infantís

Galiza Nova de Cabanas entregou hoxe no rexistro do Concello de Cabanas un escrito dirixido ao alcalde, o popular Germán Castrillón, no que se da conta do estado de abandono que sofren os distintos parques infantís do Concello.


Porén, dende Galiza Nova de Cabanas esíxese que se repare de inmediato os desperfectos, co fin de garantir a seguridade dos meniños que usan eses parques, así como tamén o establecemento de visitas periódicas de persoal laboral do concello, para velar pola limpeza e o bo estado das instalacións.





sexta-feira, 28 de março de 2008

Apróbase por unanimidade a moción de transporte presentada por Galiza Nova en Cabanas

No pleno ordinario celebrado o pasado mércores 26 de marzo no concello de Cabanas, aprobouse por unanimidade dos grupos a moción de transporte presentada por Galiza Nova.

En dita moción pedíanse acadar os seguintes acordos:

1.-Solicitar da Xunta de Galiza que inste ao goberno do Estado ao estabelecemento do servizo ferroviario de proximidade en Galiza, nomeadamente no Eixo Atlántico, e a súa posterior transferencia a esta comunidade.

2.-Instar á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte a que revisen as concesións das liñas que afectan ao noso concello para a que se aumenten as seguintes frecuencias:

Soaserra - A Coruña (Arriva), con dous servizos de luns a venres (8.30h e 17.00h), un os sábados (17.00h) e un os domingos (20.10h) de ida e dous servizos de luns a sábado (13.30h e 18.00h) e un o domingo (14.00h) de volta

Soaserra – Salto – Regoela – Ferrol (Autos Capela) con cinco servizos de luns a venres (7.30h, 9.45h, 12.15h, 15.40h e19.30h), catro os sábados (7.30h, 12.15h, 15.40h e 19.30h) e ningún os domingos de ida e con catro servizos de luns a sábado (11.30h, 14.30h, 18.30h e 20.30h) e ningún os domingos de volta.

Laraxe – Ferrol (Arriva) con cinco servizos de luns a venres (7.15h, 7.40h, 12.20h, 16.20h e 20.20h) e catro os sábados e domingos (7.40h, 12.20h, 16.20h e 20.20h)

Laraxe – A Coruña (Arriva) con seis servizos de luns a venres (9.20h, 13.20h, 14.40h, 17.20h, 22.05h e 22.45h), cinco os sábados (9.20h, 13.20h, 17.20h, 22.05h e 22.45h) e catro os domingos (13.20h, 17.20h, 22.05h e 22.45h)

Cabanas (Areal) – Ferrol (RENFE) con tres servizos de luns a venres (7.28h, 15.37h e 21.26h) e tres os sábados e domingos (11.52h, 15.37h e 21.26h)

Cabanas (Areal) – A Coruña (RENFE) con tres servizos de luns a venres (7.17h, 14.51h e 20.41h) e tres os sábados e domingos (10.15h, 14.51h e 20.41h)

3.-Instar á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte a que se rebaixe o prezo dos billetes tanto do transporte ferroviario coma no de transporte por estrada nos traxectos con orixe ou destino ao noso concello.

4. -Instar á Consellaría de Política Territorial Obras Públicas e Transporte á potenciación da intermodalidade entre o transporte colectivo por estrada e o transporte ferroviario, conectando as estacións e os apeadeiros ferroviarios coas liñas de autobuses.