domingo, 17 de janeiro de 2010
Galiza Nova participou onte da pegada de Queremos Galego en Ferrol
terça-feira, 7 de julho de 2009
Xa está aquí o Festigal 09!
Un ano máis, os vindeiros 24 e 25 de xullo Compostela será o cenario dunha nova edición do Festigal, organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre.O Campus Sul da Universidade de Santiago será onde acampe o Festigal, que contará cunha zona de concertos, feira de asociacións, tendas, galerías artesanais, zona de xantar... e moito máis!
Entre as actuacións musicais, haberá dous concertos:
O 24 de xullo ás 23.00h actuarán Chámalle Xis (Galiza), Os John Deeres (Galiza), Som do Galpom (Galiza) e DJ Click Live (Franza).
O 25 de xullo a troula comezará a partires das 22.00h, coas actuacións de Descarga ao Vivo (Cuba/Galiza), Katembe Project (Angola), Os tres trebóns e amighos, a grande treboada (Galiza).
[Multimedia]: Vídeos musicais dos participantes nos concertos.
Chámalle Xis
Os John Deeres
Som do Galpom
DJ Click Live
Descarga ao Vivo
Os tres trebóns e amighos, a grande treboada
Alén das actuacións musicais...
Galería das Ideas: debates sobre O FUTURO DA MÚSICA GALEGA, a CRISE ECONÓMICA, o DEREITO AO ABORTO e A LINGUA GALEGA.
Galería das Letras:
Librarías e editoriais: Andel do Libro (Vigo), A palabra Perduda (Santiago), Pedreira (Santiago), OQO, Rinoceronte, Urco, A Nosa Terra, Galaxia.
Sinatura de libros e presentacións, entre outros:
"O natural e o político, de Teresa Moure.
"Nos camiños do entusiasmo", de Goretti Sanmartín.
"Una monarquía protegida por la censura", de Iñaki Anasagasti".
"A cociña de larpeiros", de Benigno Campos.
"Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro", de X. C. Garrido.
"Sobre o racismo lingüístico", da editorial Laiovento.
"O regreso de Ramón Lamote". Conversa con Paco Martin, Víctor F. Freixanes, Xosé A. Neira cruz e Xavier Senín.
Exposicións
"Crónicas da represión lingüística" Mostra gráfica e audiovisual de Xan Leira.
Galería audiovisual: programación continua de curtametraxes e documentais.
Galería do Software Libre
Galería da cultura tradicional
Galería infantil /espazo de animación
Galería artesanal
Feira de asociacións: postos con material de asociacións, ONGs e colectivos diversos.
Tendas
Zona de acampada de balde
Zona de xantar
[Máis información]: Festigal
domingo, 28 de dezembro de 2008
Éxito do I Campionato de Futbolín Unha Nación Unha Selección!
O I Campionato de Futbolín do Eume organizado polas asembleas locais de Galiza Nova en Cabanas e Pontedeume, que tivo lugar o pasado venres no bar El Griego foi todo un éxito.Un total de 16 parellas participaron deste campionato, pero foron máis as que quixeron inscribirse a última hora, ás que non puidemos acoller por razóns de organización.
Dado o éxito e interese mostrado pola mocidade dos arredores, o vindeiro ano celebrarase unha nova edición na que teremos en conta estas peculiaridades para que todo o mundo que quixer poida participar.
Resultados
As parellas foron divididas mediante sorteo en catro grupos de catro parellas cada un. Clasificouse a primeira de cada grupo tras xogar unha liga. Os catro clasificados loitaron polo primeiro posto mediante eliminatorias.
Os vencedodres desta edición foron Iago Castro e Fran Iglesias. O segundo posto copáronno Raúl Calvo e Luís Tenreiro. En terceiro lugar quedaron Carlos Cernadas e Damián Amado.
As tres parellas foron agasalladas con 2 entradas para o partido Galiza-Irán. Ademais os terceiros clasificados levaron 2 fundas de móbil. A segunda e a primeira parella levaron tamén 2 camisolas e, esta última, un trofeo.
Podes descargar na seguinte ligazón todos os resultados do I Campionato de Futbolín do Eume "Unha Nación, Unha Selección": CLIC AQUÍ
terça-feira, 26 de agosto de 2008
Éxito do concerto de Galiza Nova!
As actuacións musicais dos grupos The Arradios, chegados dende San Sadurniño, e Arenga, de Pontedeume, animaron a toda a mocidade da comarca que se achegou até a Sala Coliseo para desfrutar da música dos dous grupos.
E como cabía esperar, non defraudaron. O público estivo todo o tempo que durou o concerto animado e participando activamente da festa. Mesmo houbo quen se animou a facer os coros!
Dende Galiza Nova queremos agradecer á mocidade da comarca que este concerto fose un éxito, e que supón o primeiro dos actos lúdicos e políticos cos que Galiza Nova celebra o 20 aniversario da súa fundación na comarca!
sexta-feira, 8 de agosto de 2008
Concerto 20 aniversario
As actuacións correrán a cargo dos grupos The Arradios e Arenga, de San Sadurniño e Pontedeume, respectivamente, sendo a entrada totalmente gratuíta!
A Sala Coliseo atópase na Rúa dos Ferreiros de Pontedeume. É moi doado dar con ela! Na seguinte imaxe está marcada a súa posición. Para aparcar, o máis sinxelo e procurar un sitio na Avda Ricardo Sánchez ou na Zona Portuaria.
Se desexas máis información, non dubides en poñerte en contacto connosco deixando un comentario nos blogues de Galiza Nova ou enviando un correo electrónico a galizanovacabanas@gmail.com ou gznovapontedeume@gmail.com
Queres o cartaz?
Se queres ter o cartaz, fai clic co botón dereito na seguinte ligazón e selecciona "Gardar como" CLIC CO BOTÓN DEREITO AQUÍ
terça-feira, 5 de agosto de 2008
Nace www.nsaio.org, un foro de encontro e intercambio arredor dos novos talentos musicais do país

O novo espazo web complementará na internet o labor que se desenvolve desde a Dirección Xeral de Xuventude coa posta en marcha da Rede Galega de Locais de Ensaio. O portal www.nsaio.org estrutúrase arredor dun corpo central deseñado para que os grupos noveis galegos dispoñan da súa propia microweb. Trátase dun espazo autoxestionable que lles permitirá aos grupos e artistas introducir todo tipo de información sobre o seu traballo logo dun sinxelo proceso de alta gratuíta. En cada un dos espazos particulares poderase introducir diversa información: desde os datos do artista ou grupo musical ata vídeos ou arquivos en mp3 para a súa escoita ou descarga, entre outros. Ademais, a alta daralles acceso a un servizo en liña de asesoría xurídica en materia de dereitos, propiedade intelectual e outros aspectos legais relacionados coa actividade musical.
Dentro do portal web haberá tamén un espazo destacado para a información relacionada coa Rede Galega de Locais de Ensaio, promovida pola Dirección Xeral de Xuventude. Cada local en funcionamento disporá do seu propio apartado con información de contacto, localización, normas de uso, datos dos usuarios, novas, eventos en axenda e documentación descargable. Neste apartado tamén se farán visibles as microwebs dos grupos que se adscriban a un determinado local.
Espazo Escoita!
Segundo explicou o director xeral de Xuventude no decurso do acto, outro apartado da http://www.nsaio.org/ estará ocupado pola información e servizos que se ofrecen no marco desta rede de locais de ensaio. Os internautas que se acheguen a este punto poderán coñecer os locais de ensaio en funcionamento e as vindeiras aperturas, así como os grupos que usan estes espazos. A actualidade ocupará tamén un lugar destacado deste apartado, xunto co espazo Escoita!, un novidoso punto no que se poderán escoitar en liña as cancións dos grupos e que os internautas poderán valorar e votar, ademais de descargar ao seu ordenador. Para poder acceder a este apartado de votación aos grupos e cancións favoritos os internautas deberán rexistrarse previamente. Unha vez feito terán acceso ás votacións, á inserción de comentarios e opinións e á descarga da música.
Cómpre salientar que a web acollerá tamén un servizo de radio coñecido como radionsaio, no que os internautas poderán escoitar a música do portal.
Galiza, potencia cultural
Na súa intervención o director xeral de Xuventude afirmou que hoxe por hoxe Galiza é "unha auténtica potencia cultural" e explicou que coa posta en marcha do proxecto Nsaio trátase de abrir unha nova etapa de relación entre o Goberno galego e os novos talentos do país. Así, lembrou que a Rede Galega de Locais de Ensaio é hoxe en día un referente a nivel do Estado, xa que se trata do único espazo do país de carácter público e gratuíto acondicionado de xeito profesional e no que os artistas teñen libre acceso. "Pero Nsaio é moito máis", apuntou Rubén Cela, xa que se trata dunha iniciativa transversal en plena sintonía cos concellos do país e cos grupos e solistas que participan no proxecto.
Pola súa banda, o director xeral de Creación e Difusión Cultural salientou o carácter pioneiro e vangardista desta iniciativa, coa que o Goberno galego dá resposta a unha gran necesidade que había no país no eido musical. Neste punto, avanzou que un dos vindeiros obxectivos do programa é facer que os novos talentos do programa Nsaio teñan acceso aos circuítos culturais do país e que a súa creación acade difusión e presenza pública. Así, apuntou a modo de exemplo as posibilidades que ofrece a Rede Galega de Música ao Vivo como punto de difusión da creatividade galega ao longo de toda a xeografía do país. De feito, un total de 47 salas de programación do país participan nesta iniciativa, que ao longo do 2008 ten programadosarredor de 600 concertos de máis de 80 grupos musicais noveis de Galiza. Ademais, apuntou tamén aos festivais como un importante espazo no que os novos creadores poidan a dar a coñecer o seu traballo ao lado de outros grupos ou solistas xa consolidados. "Vivimos un gran momento para a música galega que dará grandes froitos nos vindeiros anos", manifestou Luís Bará ao peche das súas palabras.