segunda-feira, 16 de agosto de 2010
Día da Galiza Mártir en Ferrol
domingo, 16 de maio de 2010
quarta-feira, 28 de abril de 2010
Por un Eume sen peaxe!
O BNG de Cabanas, xunto co de Pontedeume, convoca para o vindeiro venres 30 de abril ás 20h unha concentración na rotonda de Cabanas, co obxetivo de reclamar a fin dos problemas de tráfico que caracterizan á ponte do Eume.O BNG está a traballar arreo para que o Ministerio de Fomento retome a viablidade do enlace coa AP-9 en Vidreiro, o que daría unha solución definitiva ás retencións diarias de tráfico entre as dúas vilas eumesas.
Acude!
quinta-feira, 14 de janeiro de 2010
Nas aulas da Galiza, queremos galego!
Baixo o lema Nas aulas de Galiza, queremos galego, Galiza Nova está a distribuír material por toda a comarca e nomeadamente no Concello de Cabanas chamando á folga no ensino convocada para o vindeiro xoves 21 de xaneiro pola Plataforma Queremos Galego.O propio día 21 está convocada unha manifestación nacional na defesa da lingua e contra o decretazo do PP. Será ás 11.30h da mañá e partirá da Alameda de Compostela.
Haberá autobuses dende a comarca para asistir ao acto en Santiago. Haberá un que sairá dende o Teatro Jofre de Ferrol ás 10h (chamar ao 981.358.750) e outro que cubrirá a zona As Pontes-Cabanas-Pontedeume (chamar ao 981.451.510).
segunda-feira, 18 de maio de 2009
Ningún paso atrás co galego!
O acto, organizado por A Mesa pola Normalización Lingüística e apoiado por centos de organizacións, entre elas Galiza Nova e o BNG superou todas as espectativas de participación, servindo para demostrar a Feijóo que as galegas e galegos non queremos ningún paso atrás na defensa do galego e que estaremos dispostos a saír ás rúas cantas veces sexa necesario para que iso non aconteza.
![]() |
| Manifestación en defensa da lingua |
quarta-feira, 25 de fevereiro de 2009
A forza que Galiza precisa

No ano 2005, comezouse a escribir unha nova etapa na historia de Galiza. A chegada do BNG ao goberno da Xunta de Galiza, trouxo un cambio positivo que rachou con 16 anos de políticas nefastas para os intereses de Galiza e da súa mocidade.
Desterramos os discursos paternalistas e os prexuízos que criminalizaban as formas de expresión da xente nova. O BNG púxolle voz ás demandas de tantos anos do colectivo xuvenil e elevou o status das políticas xuvenís, poñéndoas no centro das prioridades do Goberno Galego. Ao longo destes tres anos e medio, o nacionalismo galego desenvolveu unha acción política transformadora encamiñada a defender os intereses da maioría social de Galiza e concretamente da xente nova, con medidas concretas:
Puxemos en marcha a Rede Galega de Locais de Ensaio (Nsaio), con máis de 30 locais en vilas e cidades para a creación musical da xente nova en Galiza.
Creamos a Rede de centros de Asesoramento Afectivo-Sexual, Quérote, nas 7 cidades e Burela, como espazos públicos que garanten o dereito de toda moza ou mozo a acceder de xeito gratuíto a un sistema de información e asesoramento en materia afectivo-sexual, rigoroso, científico e confidencial.
A través da Consellaría do Medio Rural facilitouse que máis de 4.400 mozas e mozos se incorporaran ao traballo no rural, o que supón tres veces máis que en toda a lexislatura anterior.
Desenvolvemos unha política de rehabilitación, alugueiro e construción de vivenda protexida destinada a facer realidade o dereito á vivenda digna.
Creamos axudas para a xente nova que estuda ciclos formativos a máis de 50km do seu domicilio, que até o de agora non existían.
Desenvolvemos políticas a través da Consellaría de Innovación e Industria facéndolle contratos de traballo ás novas e novos investigadores.
Impulsamos o desenvolvemento dos partidos das seleccións deportivas de Galiza tanto masculinos como femininos en fútbol, baloncesto, balonmán... e apoiamos o deporte de base a través das escolas deportivas onde participan milleiros de mozas e mozos.
Pero precisamos máis. No BNG aspiramos a continuar o proceso que comezamos para que as transformacións sexan máis profundas. Non queremos volver ao pasado, queremos máis avanzos. Como mozas e mozos queremos ter garantido o noso futuro, tamén o noso presente, e o dereito a poder traballar e vivir na nosa propia terra desenvolvendo todas as nosas aspiracións e potencialidades. Por iso precisamos de máis BNG no goberno galego. Precisamos do teu apoio para poder desenvolver integramente o noso programa:
Aprobar e desenvolver a Lei Galega da Mocidade, como instrumento que permita elevar o rango das políticas xuvenís.
Impulsar a elaboración dun Plano Plurianual de Emprego Xuvenil, para garantir o dereito da mocidade galega a ter un posto de traballo digno no país.
Crear o salario social, destinado a todas as persoas desempregadas, priorizando a aquelas que, após dun período de formación, bucscan o seu 1º emprego e que na actualidade non perciben ningún tipo de proteción social. Esta medida xeraría un chanzo mínimo por debaixo do cal ningún mozo ou moza estaría disposto a aceptar un traballo evitándose as contratacións en precario.
Incorporar a 5.000 investigadores e tecnólogas/os novos ao sistema galego de I+D+i, creando unha modalidade específica para persoas con titulación da Formación Profesional.
Incrementar a oferta pública de vivendas protexidas tanto en réxime de alugueiro como de compra, reservando unha porcentaxe do 35% con adxudicación preferente á mocidade.
Impulsar, a través de acordos coas Universidades e os Concellos, a construción de vivendas para o seu aluguer nos campus universitarios sen residencia pública, ou cunha oferta menor ao 10% do alumnado, primando as rendas máis baixas na súa adxudicación.
Aumento do financiamento dos centros públicos e eliminación dos concertos educativos co ensino privado.
Cumprimento do Decreto 124/2007 que regula o uso do galego no ensino e creación dun organismo entre a Xunta de Galiza e as tres universidades, tal e como establece o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, encargado da planificación, desenvolvemento e seguimento dunha política lingüística universitaria en Galiza.
Reorganización da oferta de formación profesional e bacharelatos a fin de adaptala ás necesidades de Galiza.
Elaboración dun novo Plan de financiamento plurianual das Universidades Galegas, que permita reducir o peso das taxas no financiamento e conxelalas nos vindeiros cursos.
Conquerir a transferencia da competencia plena en materia de bolsas para a Xunta de Galiza, redefinindo os criterios de concesión a fin de darlle máis peso aos criterios económicos que aos académicos e axilizando a súa concesión.
Establecemento de prezos públicos para os estudos de posgrao así como creación dunha política de bolsas públicas para cursalos.
Extensión da gratuidade do transporte ao estudantado de Bacharelato.
Reforzo do programa de transporte nocturno. Incremento de liñas e ampliación da cobertura ao conxunto do territorio galego non centrándoo exclusivamente en período vacacional.
Asinar convenios entre a Administración e as compañías aseguradoras co fin de abaratar os prezos dos seguros para a mocidade.
Consolidación e ampliación da Rede Galega de Locais de Ensaio creada na pasada lexislatura.
Remate e consolidación da Rede de Centros Quérote garantindo como mínimo a existencia dun Centro Quérote en todos os concellos de máis de 35.000 habitantes.
Ampliación do número de unidades especializadas para o tratamento de trastornos alimenticios dentro do SERGAS, proporcionando unha cobertura adecuada a todo o territorio galego.
Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, queremos que te sumes a nós para que Galiza teña máis avanzos. Para continuar a facer de Galiza un país máis xusto, máis próspero, con máis autogoberno e máis benestar para a xente nova. Unha Galiza orgullosa da nosa identidade pois só asó, sendo nós mesmos, poderemos ter un papel relevante no Estado e no mundo. Unha Galiza que crea na nosa capacidade para xerar riqueza e futuro para a sociedade galega, para as súas mozas e mozos. Unha Galiza para traballar, producir, e vivir con dignidade.
Hai catro anos, as mozas e mozos quizemos rachar co pasado en Galiza. Fomos decisivos para que o nacionalismo gobernase no noso país con capacidade e valentía. O día 1 de marzo temos que ir votar. Hai que non quere que sigamos a avanzar. Pero as mozas e mozos ímoslles contestar co noso voto. Non imos quedar caladas nen calados.
Porque se a mocidade vota BNG, Galiza gaña!
quinta-feira, 19 de fevereiro de 2009
Mitin en Cabanas
terça-feira, 17 de fevereiro de 2009
quinta-feira, 8 de janeiro de 2009
Convención Electoral do BNG
Neste acto, o Bloque Nacionalista Galego presentará á sociedade a súa candidatura ás Eleccións Autonómicas 2009.
Visualizar o mapa ampliado
Concentración en solidaridade co pobo palestino
Galiza Nova, xunto con outras moitas organizacións, participará mañá na concentración que baixo o lema "Deteñamos o terrorismo sionista" servirá para amosar a nosa solidaridade co pobo palestino.
Dita concentración terá lugar ás 20.00h diande do edificio da Xunta de Galiza de Ferrol. Agardamos contar coa túa presenza!
segunda-feira, 5 de janeiro de 2009
Resolución da Asemblea Comarcal do BNG de Ferrolterra

Perante a situación que está a sofrer o pobo palestino – nomeadamente na franxa de Gaza – nos últimos días, a Asemblea Comarcal do BNG quere expresar públicamente:
1.- O rexeitamento rotundo aos bombardeos levados a cabo por parte do exército de Israel – neste momento con perto de 500 mortos nas últimas accións – e que veñen a evindenciar que o colofón á blocaxe perpetrada polo Estado de Israel contra o pobo de Gaza constitúe verdadeiramente un crime de guerra.
2.- Reiteramos – como así se fixo xá por medio da correspondente iniciativa parlamentar – a petición de que o Estado Español suspenda as relacións diplomáticas e económicas co Estado de Israel ata que non se poña fin á agresión militar e blocaxe que o mesmo está a perpetrar na franxa de Gaza.
3.- Solicitamos, asimesmo, que o Estado Español inste oficialmente ao cumprimento das reiteradas resolucións da ONU relativas á retirada israelí dos territorios ocupados; ao tempo que se demande, no marco das Nacións Unidas, o envío inmediato dunha misión de observación e interposición co fin de garantir a fin da blocaxe e da agresión militar.
4.- A Asemblea Comarcal do BNG resolve, en liña cos apartados anteriores, remitir sendos escritos de condena da situación ao Presidente do Goberno Español, Ministerio de Asuntos Exteriores e Embaixada de Israel; ao tempo que transmitir a solidariedade e apoio á representación do pobo de Palestina en Galiza.
terça-feira, 30 de setembro de 2008
A Secretaría Xeral de Política Lingüística responde á pregunta do BNG sobre a toponimia en Cabanas
A Secretaría Xeral de Política Lingüística ven de emitir resposta á pregunta formulada polos deputados nacionalistas Bieito Lobeira e Fernando Blanco Parga a propósito da denuncia que fixemos dende Galiza Nova de Cabanas sobre o uso da toponimia ilegal nunha marquesiña de nova instalación que o ADIF colocou no apeadoiro municipal.A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) lamenta profundamente que aínda no 2008, na instalación de novas infraestructuras de servizos aos pasaxeiros, sigan aparecendo desaxustes, se ben anecdóticos, no reflexo da realidade toponímica de Galicia; desexamos e pulamos porque estas anécdotas desaparezan definitivamente no curto prazo, conseguindo así unha plena normalidade ndo idioma galego na área do transporte ferroviario. A SXPL adoptará tres medidas concretas para conseguir que se restitúan as fórmulas toponímicas legais no apeadoiro ferroviario de Cabanas.
Primeiro, dirixirémonos ao Ministerio de Fomento, de quen depende a empresa pública ADIF, para: a) poñer no seu coñecemento estes feitos; b) informarlle sobre a esixencia legal de que as formas toponímicas legais, e que deben figurar nas marquesiñas, é a galega, e c) solicitarlle a substitución, na rotulación das marquesiñas do apeadoiro de Cabanas, das formas toponímicas deturpadas por aquelas formas legais en galego.
Segundo, dirixirémonos a ADIF, tanto á súa presidencia como ás Direccións Xerais de Planificación Estratéxica e á de Desenvolvemento da Infraestructura, para: a) poñer no seu coñecemento estes feitos; b) informarlle sobre a esixencia legal de que as formas toponímicas legais, e que deben figurar nas marquesiñas, é a galega, e c) solicitarlle que en diante, na súa estratexia empresarial e no deseño das súas infraestructuras, observen escrupulosamente o cumprimento da lei en materia de toponimia.
E terceiro, trasladaremos ao Consello das Linguas Oficiais e á Oficina das Linguas Oficiais, dependentes do goberno central e órganos de cooperación interadministrativa para a construcción dunha política lingüística de Estado, a demanda de cumprir no máis breve prazo a esixencia legal e, por tanto, a obriga de cumprimento ética- da Lei que establece a galega como a forma toponímica propia. Propoñéndolles, ademais, o establecemento dunha única base de datos normalizada e adaptada a esta Lei para todas as administracións do Estado.
A SXPL garántelle á súa señoría, ademais, un seguimento directo desta cuestión, na busca dunha restitución da normalidade lingüística no máis breve plazo, como é a nosa intención e principal anhelo.
Dende Galiza Nova de Cabanas valoramos positivamente esta nova, e agardamos que non quede só nunha declaración de intencións e se poida así restablecer a normalidade no menor espazo de tempo posíbel. Por contra, dende o Concello de Cabanas segue sen haber resposta ao tema.
quarta-feira, 27 de agosto de 2008
Un tren con destino Cabañas
Recolle hoxe o xornal La Opinión de A Coruña na súa edicción dixital un artigo que titula "Un tren con destino Cabañas", e no que se fai eco da denuncia que dende Galiza Nova fixemos do uso ilegal da toponimia na marquesiña do apeadoiro, cuestión que o BNG elevou ao Parlamento Galego.Podedes ler o artigo nesta ligazón
quarta-feira, 13 de agosto de 2008
Acto en San Marcos, 21 de agosto
Co gallo do aniversario do Mitin de San Marco, en recordo do agrarismo solidario galego de Cabanas, o BNG celebrará unha serie de actos o vindeiro xoves 21 de agosto
ACTO POLÍTICO (Xunto á capela de San Marco).
16.30h. Intervencións dos representantes dos grupos municipais do BNG de Fene e Cabanas
ACTO VECIÑAL (Lavandeira, pavillón polideportivo)
18.40 h APERTURA DAS MESAS. Proxección de vídeos informativos: Unidades de Xestión Forestal e BANTEGAL.
19.00 h MESA RURAL
- Olga Mª García Agra (Delegada da Consellaría de Medio Rural). Avanzando cara a un novo rural galego. Achega de materiais informativos.
- Xoán Carlos Bascuas Xardón (Delegado da Consellaría de Vivenda e Solo). A vivenda, un dereito para tod@s. Achega de materiais informativos.
20.30 h MESA DO EUME
- O río Eume visto polos propietarios e pescadores
quarta-feira, 6 de agosto de 2008
O BNG eleva ao Parlamento a pregunta sobre toponimia proposta por Galiza Nova de Cabanas
Fernando Blanco e Bieito Lobeira, deputados do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego presentaron unha pregunta (solicitando resposta por escrito) en relación co uso de topónimos deturpados no apeadoiro de Cabanas, feito denunciado por Galiza Nova.
O ADIF (Administrador de Infraestructuras Ferroviarias), empresa pública estatal encargada da xestión do tránsito nos camiños de ferro, ven de instalar recentemente no apeadoiro do Concello de Cabanas, unha marquesiña na que figuran en grandes caracteres e nos dous sentidos de circulación os topónimos deturpados "Cabañas" e "Arenal".
É evidente que esta actuación vulnera a legalidade vixente, comezando pola Lei de Normalización Lingüística.
Estas son as razóns que levan ao BNG a formular as seguintes preguntas, para a súa resposta escrita:
1) Que avaliación realiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre a utilización de topónimos galegos deturpados por parte de ADIF, no noso propio país?
2) Que medidas concretas se adoptarán para permitir que no apeadoiro de Cabanas se cumpra a legalidade lingüística?
Haberá que agardar agora cal vai ser a resposta do Parlamento de Galiza. Pola súa banda, dende o Concello de Cabanas inda non houbo resposta á pregunta presentada por escrito por parte de Galiza Nova...
domingo, 27 de julho de 2008
Galiza Nova de Cabanas participa da manifestación do Día da Patria
quinta-feira, 24 de julho de 2008
EMISIÓN EN DIRECTO DO DÍA DA PATRIA!
Se por calquer motivo non puideses asistir este ano á manifestación nacional do Día da Patria Galega que terá lugar mañá polas rúas compostelás, o BNG émitirá en directo a partires das 13.00h dende a Praza da Quintana os discursos de Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, e de Anxo Quintana, Voceiro Nacional do BNG.sexta-feira, 27 de junho de 2008
Posición do BNG ante o Tratado de Lisboa

Falouse moito estes días do Tratado de Lisboa. Dende Galiza Nova de Cabanas queremos facervos chegar as razóns do NON do BNG a dito tratado:
A) CUESTIÓNS PREVIAS:
As Cortes Xerais do Estado debaten o Tratado de Lisboa, asinado na capital portuguesa o 13 de decembro de 2007 polos Xefes de Estado ou de Goberno dos 27 estados membros da Unión. Este Documento modifica o Tratado da Unión Europea e o Tratado Constitucional da Unión Europea.
Este proceso realizado exclusivamente pola vía parlamentar, é froito dun acordo adoptado durante a Presidencia Alemana co que se pretende retomar a mal chamada “Constitución” Europea.
Ante este debate o BNG defende, en coherencia coas resolucións adoptadas na XI Asemblea Nacional (2003) e no Programa para as eleccións ao Parlamento Europeo (2004), unha posición, tendo en conta o contido do Tratado, contraria á ratificación do mesmo.ç
B) AS RAZÓNS DA OPOSICIÓN DO BNG Á RATIFICACIÓN DO TRATADO:
1. O deficit democrático
O procedemento seguido escapando do referendo, en base a diversos pretextos, revela o medo ao sentido de voto dos cidadáns europeos. Saben que o contido do “Tratado de Lisboa” é a copia da referida constitución europea, á que mudaron o nome para tentar de enganar á poboación europea, o que representa un auténtico fraude político.
No que atinxe á arquitectura institucional, o Tratado de Lisboa reforza os poderes da Comisión (o executivo da UE) en detrimento do Parlamento.
O empobrecemento da democracia tamén é visíbel na Carta dos Dereitos Fundamentais, máis restrinxida, aínda, que a estabelecida no Tratado Constitucional.
2. O deficit de soberanía: O esquecemento da europa dos pobos
O “Tratado de Lisboa”, esixe o respecto á “integridade territorial” de cada Estado, polo que a a plasmación práctica do dereito de autodeterminación queda impedido.
O “Comité das Rexións” ao sumo non pasa dunha cifra de “representantes rexionais” que expresan o peso político dos estados membros da Unión sen atender a articulación territorial e institucional de cada un deles conforme a criterios dunha mínima democracia.
O Tratado de Lisboa consolida unha estructura de poder baseada na combinatoria de estados xerarquizados, coa mudanza no procedemento de adopción de moitas decisións, que lle outorga aos estados centrais un papel determinante.
O proceso de construción da UE é a concreción en Europa da dialéctica mundialización-rexionalización, antitética ás formulacións do nacionalismo galego.
O Tratado de Lisboa representa un paso atrás no recoñecemento na esfera internacional da lingua galega. As únicas linguas oficiais son as dos estados, estabelecéndose unha división ou xerarquización entre as mesmas atendendo unicamente a criterios políticos administrativos. Isto é, o elemento para determinar a visibilidade dunha lingua é o Estado; é dicir, o corsé estatal determina a existencia ou non dun idioma.
3. Unha política económica ao servizo do capital
No contido do Tratado institucionalizase a Estratexia de Lisboa e o Pacto de Estabilidade insistindo nas políticas que están a ser practicadas, con consecuencias xa coñecidas: recortes nos salarios reais e nas pensións, menores investimentos nos servizos públicos e maiores ganancias para os grupos económicos.
Por outra banda, convén lembrar que, mália o que digan os defensores da UE, Galiza non recibiu tantos fondos europeos. Do total de recursos comunitarios destinados ao Estado Español, entre 1986 e 2006, a porcentaxe galega non pasou do 6%, inferior ao seu peso poboacional no conxunto do Estado.
O “Tratado de Lisboa” vai fixar competencias exclusivas ou compartidas cos Estados, socavando a capacidade de planificar ou intervir na economía pola diferentes nacións ou estados, o que fará inviábel que se poida enfrentar unha situación como a da actual crise económica ao servizo dos pobos e da maiorías sociais.
O Tratado vai deixar en mans da Comisión a política enerxética, a de transporte e a comercial común, o que afondará nas desigualdades rexionais no espazo comunitario.
4. Un retroceso nos dereitos sociais
O “Tratado de Lisboa” significa un novo avance no ataque aos dereitos laborais, poñendo en cuestión o despedimento sen causa xusta, a negociación colectiva ou a limitación horaria da xornada laboral, da que é claro exemplo a directiva que promove a ampliación da xornada laboral semanal a 65 horas.
O dereito ao traballo e ao emprego non existen, simplemente aparece o “dereito a traballar”. O dereito á protección social é substituído por un mero “dereito de acceso ás prestacións da seguranza social e aos servizos sociais”.
Por outra banda, o Tratado non recoñece o dereito ao aborto e á anticoncepción.
Así mesmo, a UE sitúase á cabeza do mundo en represión en materia de inmigración nunha dirección contraria aos dereitos humanos.
5. A concepción dunha europa subalterna
O Tratado de Lisboa non deixa dúbidas sobre a natureza do modelo europeo e do seu carácter subalterno e complementario ao bloque norteamericano, actuando como unha mera sucursal do proxecto político estadounidense.
Un exemplo palpábel deste papel subalterno é a nova formulación que se fixa en Lisboa, que estabelece que a Organización do Tratado do Atlántico Norte “para os Estados que son membros desta organización, continúa a ser o fundamento da súa defensa colectiva e a instancia apropiada para a concretizar”.
C) A POSICIÓN DO BNG: A DEFENSA DUN MODELO DE CONSTRUCIÓN EUROPEA ALTERNATIVO.
En coherencia co seu programa estratéxico e o seu proxecto nacional, o BNG propugna unha Unión Europea defensora dunha política que preserve a democracia, a economía sustentábel como obxectivo, a sociedade do benestar como elemento de xustiza social e a relación en pe de igualdade entre os gobernos nacionais como expresión das demandas dos pobos. Unha democracia que afortale a capacidade de control e impulso das institucións elixidas democraticamente, respectando as competencias dos Parlamentos nacionais, entre eles o Parlamento de Galiza, incrementando a transparencia na toma de decisións, e corrixindo o déficit democrático existente nas institucións da Unión Europea.
O BNG defende unha Unión Europea participativa, plenamente democrática, baseada na integración e non na exclusión, como conxunto e suma das identidades nacionais e do respecto á pluralidade económica, cultural e lingüística. Unha Unión Europea dotada de mecanismos e garantías de participación política, baseada na paz, na defensa do medio ambiente e no dereito ao traballo digno. Unha Unión Europea dos pobos, na que se recoñezan os dereitos de Galiza como nación. Unha Unión Europea política, social e cultural, e non só económica e monetaria.
En síntese, é hora de mudar o curso do proceso europeo, de pór a economía ao servizo das persoas, de atopar un encadre no continente para as nacións sen estado, de artellar estratexias que contribúan a construír un mundo multipolar, de espertar esperanzas. Non se trata dunha mera construción doutrinal. Ao pobo galego, á maioría social de Europa e do mundo, vailles a vida nisto, por todo isto, o BNG non pode apoiar a ratificación do Tratado de Lisboa porque non contribúe á construcción desa Europa pola que traballamos.
domingo, 15 de junho de 2008
Acto: Cremos no noso Pais
O BNG de Cabanas celebrará o vindeiro venres 20 de xuño ás 20.00h no Hotel Sarga un acto enmarcado dentro da campaña que o Bloque Nacionalista Galego está a levar a cabo a nível nacional.
No acto de Cabanas, participarán Xosé Manuel Sardiña, Voceiro do Grupo Municipal do BNG no Concello de Cabanas, Ana Rúa, Directora Xeral de Comercio e Alberte Ansede, Secretario de Organización na Executiva do BNG.
Agardámoste!
sexta-feira, 23 de maio de 2008
Manifestación 18 de maio
Para ver as fotos, só tes que facer clic aquí.



