Mostrando postagens com marcador prensa. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador prensa. Mostrar todas as postagens

sexta-feira, 19 de setembro de 2008

O Concello de Cabanas desatende as queixas veciñais defendidas por Galiza Nova

Galiza Nova, organización das mocidades do BNG denunciou no rexistro municipal de Cabanas, mediante solicitude escrita con selo de entrada, o deterioro e abandono dos parques infantís do concello e o emprego da toponimia ilegal no apeadoiro desta localidade.

Segundo Galiza Nova, "presentouse a primeira das nosas queixas, relacionada co estado dos parques infantís o 14 de xullo e a referida ao uso da toponimia Cabañas-Arenal no canto da oficial, o 22 de xullo". Dende a organización xuvenil engadiron que "a día de hoxe, seguimos sen ter unha resposta do Concello, nin observamos que atenderan as nosas peticións".

Aclaran ademais que "mentre o alcalde popular Germán Castrillón permanece cos brazos cruzados, o BNG levou ao seo do Parlamento Galego, a través dos deputados Bieito Lobeira e Fernando Branco, dúas preguntas dirixidas á Secretaria Xeral de Política Lingüística solicitando a avaliación feita pola Secretaría sobre ou uso dos topónimos deturpados en Galiza, e as medidas concretas que se adoptarán no caso de Cabanas para garantir o cumprimento da lei".

quarta-feira, 27 de agosto de 2008

Un tren con destino Cabañas

Recolle hoxe o xornal La Opinión de A Coruña na súa edicción dixital un artigo que titula "Un tren con destino Cabañas", e no que se fai eco da denuncia que dende Galiza Nova fixemos do uso ilegal da toponimia na marquesiña do apeadoiro, cuestión que o BNG elevou ao Parlamento Galego.

Podedes ler o artigo nesta ligazón

segunda-feira, 11 de agosto de 2008

Galiza Nova de Cabanas, As Pontes e Pontedeume denuncian a situación do Río Eume

NOTA DE PRENSA

Desde Galiza Nova queremos pór en coñecemento da mocidade da comarca do Eume a actual situación dos ríos Eume e Chamoselo, da súa morte.

Non somos capaces de entender o pasotismo dos concellos afectados nin o escurantismo que se está crear; a falta de información sobre o que acontece nos nosos ríos. En definitiva, estase a ocultar o desastre ecolóxico que está a ocorrer en As Pontes e que afecta negativamente a tódolos concellos situados ao marxe do Eume.

Uns análises feitos en diferentes partes do río a instancias do grupo de goberno do BNG de As Pontes en maio do 2007, deron como resultado a sospeita de contaminación das augas do río Chamoselo. Ditas análises chegaron ao Concello de As Pontes tras o cambio de goberno, e foron remitidos á Consellaría de Medio Ambiente (PSOE), polo actual grupo de goberno da vila (PSOE), sen ter máis novas ao respecto até a aparición dos reos mortos na zona baixa do río Eume, en Pontedeume, coa conseguinte denuncia da Sociedade de Pescadores de Caaveiro, aló polo 15 de xuño de 2008. A partires desa denuncia van aparecendo novas na prensa dos diarios da comarca que nun primeiro momento desminten calquer relación entre as obras da autovía e o desastre para, 20 días despois, darlle a volta e afirmar que nese problema fica a causa da mortalidade do río, causando a baixada do PH até límites que provocan a non potabilidade da auga para o consumo humano e a morte dos peixes.

Unhas análises feitas por un grupo de pescadores mostran como dende a confluencia do río Chamoselo co Eume, o PH oscila dende 3.4 até 5.0 na cola do pantano e 4.76 no coto de Ombre, cando o normal é preto de 7.0 Compre destacar que o BNG mantivo unha actitude de preocupación neste tema, catalogado como CATÁSTROFE, nos concellos do Eume.

Tamén fixo unha pregunta a través do deputado Fernando Blanco no Parlamento de Galiza, na que salientou que hai un informe de hai máis dun ano elaborado por un laboratorio privado sobre a situación do río.

Dende Galiza Nova de As Pontes, Pontedeume e Cabanas non se entende como se puido manter esa actitude de pasividade ante unha situación de degradación dos nosos ríos, constatada por informes en poder da Administración pública, e consideramos que urxe unha acción decidida e inmediata para pór freo aos verquidos continuados nesa zona, así como a esixencia de claridade das administracións locais e galega e a aplicación de solucións urxentes para devolver a vida aos ríos destruídos.

Agardamos tamén que tras esta catástrofe aparezan os responsábeis. Galiza Nova non vai ficar calada; a mocidade do Eume non pode deixar que se xogue co seu futuro. Todos sabemos a importancia económica e medioambiental dos nosos ríos, e loitaremos por ela.

Así o recolle a prensa

A nova en Radio Voz (11/08/08) (escoita aquí)

A nova en La Opinión (12/08/08) (ler)

A nova en La Voz de Galicia (12/08/08) (ler)

A nova en GZnación (12/08/08) (ler)

A nova en La Opinión (13/08/08) (ler)

sexta-feira, 18 de julho de 2008

Iago Varela, novo Responsábel Comarcal de Galiza Nova

Galiza Nova, organización das mocidades do BNG, e organización maioritaria do nacionalismo xuvenil galego, presentou esta mañá no local comarcal do BNG de Ferrol ao novo Responsábel Comarcal de Galiza Nova, Iago Varela Martínez, un mozo de 22 anos de Cabanas, que foi elixido para desempeñar tal cargo na asemblea que a formación nacionalista celebrou o pasado luns.

Iago Varela, que estivo acompañado do Responsábel Comarcal de Organización, Marcos Sánchez, destacou o traballo de Galiza Nova na comarca na defensa do sector naval (Plan Ferrol, que supuña a volta de ASTANO á construcción naval civil).

A nivel local, Varela precisou que Galiza Nova conta na comarca con “presenza activa” en concellos coma Narón, Ferrol, As Pontes, Pontedeume, Cabanas, Cerdido e Cedeira, e engadiu “o obxectivo que nos marcamos, é o de seguir ampliando a nosa base social, para poder incidir en maior medida na vida política da comarca, en beneficio da mocidade”.

En palabras do novo Responsábel Comarcal, “O cambio no goberno galego supuxo unha renovación nas políticas xuvenís, que por primeira vez foron feitas con, e para a mocidade”. Varela pensa que “en Ferrolterra é preciso acadar unha maior implicación dos concellos na ampliación de espazos para uso xuvenil, na mellora do transporte inter e intramunicipal, nas políticas de lecer, nas participativas, etc.”.

Galiza Nova comeza pois unha nova etapa na comarca, que nun futuro inmediato vai estar marcado polo 20 aniversario da formación, motivo polo cal se organizarán distintas actividades (charlas, concertos...).

Os mozos do BNG informaron, asimesmo, da súa participación activa no Festigal e na manifestación do Día da Patria.

Podes escoitar unha parte das súas declaracións AQUÍ.