domingo, 17 de janeiro de 2010

Galiza Nova participará nun debate sobre o borrador do Decreto en Ferrol

Galiza Nova participará este martes 19 de xaneiro ás 16.15h nun debate no IES Concepción Arenal de Ferrol sobre o borrador do novo Decreto do ensino.

Este borrador, presentado polo goberno de Núñez Feijóo o pasado 30 de decembro, pretende reducir a presenza do galego no ensino, escenificando o maior retroceso de toda a democracia no que ten a ver coa normalización da nosa lingua.

Marcos Loureiro, Vicerresponsábel Comarcal de Galiza Nova, debatirá con María Torres, Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas e Javier Acosta, Presidente de Novas Xeracións de Narón

sábado, 16 de janeiro de 2010

Pegada de cartaces diante da Xunta

Hoxe, sábado 16 de xaneiro ás 17h, está previsto unha pegada de carteis da Plataforma Queremos Galego chamando á folga diante do edificio da Xunta de Galiza de Ferrol.

No acto participarán Iago Varela, Responsábel Comarcal de Galiza Nova, Mateo Verdeal, Responsábel dos Comités en Ferrol, Xiana Rico, Responsábel da Mocidade pola Normalización Lingüística, Carlos Outeiro, Voceiro da Plataforma Queremos Galego e Julián Reina, Secretario Xeral de Xuventudes Socialistas en Ferrol.

quinta-feira, 14 de janeiro de 2010

Nas aulas da Galiza, queremos galego!

Baixo o lema Nas aulas de Galiza, queremos galego, Galiza Nova está a distribuír material por toda a comarca e nomeadamente no Concello de Cabanas chamando á folga no ensino convocada para o vindeiro xoves 21 de xaneiro pola Plataforma Queremos Galego.

O propio día 21 está convocada unha manifestación nacional na defesa da lingua e contra o decretazo do PP. Será ás 11.30h da mañá e partirá da Alameda de Compostela.

Haberá autobuses dende a comarca para asistir ao acto en Santiago. Haberá un que sairá dende o Teatro Jofre de Ferrol ás 10h (chamar ao 981.358.750) e outro que cubrirá a zona As Pontes-Cabanas-Pontedeume (chamar ao 981.451.510).

segunda-feira, 4 de janeiro de 2010

Novos blogues locais

As compañeiras e compañeiros de Galiza Nova nas localidades de Valdoviño e Ferrol veñen de pór en marcha sendos blogues nas que nos manterán informados de todo o que ten a ver coa nosa organización en ditos concellos.

Podes visitalos nos seguintes enderezos:

- http://galizanovaferrol.blogspot.com
- http://galizanovavaldovinho.blogspot.com

terça-feira, 29 de dezembro de 2009

Galiza Nova participou hoxe do envío de postais a Feijóo

Galiza Nova participou hoxe no envío masivo de postais ao presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, nun acto convocado pola plataforma Queremos Galego.

Fran Rei e Carlos Outeiro, voceiros da Plataforma, fixeron entrega das máis de 700 postais reivindicativas na oficina central de Correos.

Galiza Nova participará mañá ademais na concentración que terá lugar ás 17.00h na Praza do Obradoiro.

segunda-feira, 28 de dezembro de 2009

Concentración en Ferrol e acto nacional en Compostela

Ante a posibilidade de que o goberno da Xunta de Galiza faga efectiva a súa intención de derrogar o Decreto 124/2007 nesta mesma semana, dende a Plataforma Queremos Galego, da que Galiza Nova forma parte, levaranse a cabo varias accións.

A primeira delas terá lugar mañá martes 29 de decembro ás 11.00h diante da oficina de Correos de Ferrol e consistirá nunha concentración previa ao envío masivo das postais de Nadal reivindicativas. O acto contará coa presenza de Fran Rei, Voceiro Nacional da Plataforma.

Ademais, e neste mesmo sentido, convócase para o mércores 30 ás 17.00h unha concentración nacional na Praza do Obradoiro de Compostela.

Acude!

quinta-feira, 24 de dezembro de 2009

A nosa nación, a nosa selección!

Baixo o lema "A nosa nación, a nosa selección", dende Galiza Nova pomos en marcha unha nova campaña coa que pretendemos reivindicar a oficialidade para as nosas seleccións deportivas ante a supresión dos partidos da seleccións galegas por parte do goberno do PP na Xunta de Galiza.

Temos claro que esta medida responde a unha estratexia do PP de anular politicamente á nosa nación en todos os ámbitos, ben sexa no lingüístico, o cultural ou o deportivo.

Antes esta medida, Galiza Nova participará na concentración convocada polo BNG o vindeiro luns 28 de decembro ás 12.00h na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Non faltes! E se tes camisola da selección, lévaa contigo!

Para máis información sobre este acto podes dirixirte a nós en galizanovacabanas@gmail.com

[Descarga]: Panfleto da campaña

sábado, 5 de dezembro de 2009

A nosa lingua, a nosa nación, autodeterminación!

Alfonso Daniel R. Castelao afirmaba na súa obra Sempre en Galiza que: “unha nación é unha comunidade estábel, historicamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos psicolóxicos reflexados nunha comunidade de cultura. Somentes a existencia de todos estes signos distintivos, en conxunto, pode formar a nación”.

É evidente que Galiza é unha nación, mais que non conta con dereitos políticos para poder decidir libremente o seu futuro. O marco constitucional e autonómico vixente nega os nosos dereitos colectivos. Isto impide que poidamos artellar políticas propias a nivel económico na defensa dos nosos sectores produtivos, no desenvolvemento dun marco galego de relacións laborais, no ordenamento e protección do noso medio natural, no impulso das seleccións deportivas propias ou no desenvolvemento da nosa lingua e cultura con normalidade no noso propio territorio.

Hoxe, como vén facendo o nacionalismo galego durante toda a súa historia, opoñémonos á Constitución española porque nega a existencia da nación galega e o dereito de autodeterminación, imprescindíbel para o desenvolvemento do noso futuro e para non estar sometidos á presión ou ás inxerencias alleas á propia vontade das galegas e galegos.

As mozas e mozos galegos non imos celebrar unha Constitución sacralizada polo PP e polo PSOE que, despois de máis de 30 anos, só serve para agravar os nosos problemas: desmantela as bases da nosa economía, provoca uns niveis de paro e precariedade escandalosos entre a xente nova, favorece a destrución dos nosos recursos naturais ou deteriora o ensino público.

Non imos celebrar unha Constitución que lles atribúe ás forzas armadas “a misión de defender a integridade territorial de España”. Non imos celebrar unha Constitución que nos priva de liberdade e dos nosos dereitos democráticos máis elementais, como o dereito a vivirmos en galego. No Estado español non todas e todos somos iguais, nin tampouco todas as linguas e culturas gozan dos mesmos dereitos. Só hai unha lingua, o español, que todas as cidadás e todos os cidadáns “teñen o deber de coñecer e o dereito de usar”.

A nosa lingua propia, o galego, non conta con este recoñecemento e padece unha discriminación a nivel social e xurídico evidente. Os ataques que a lingua galega está a sufrir por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza veñen amparados por esta desigualdade xurídica da nosa lingua e favorecen a situación de racismo lingüístico que se vive na Galiza. A modificación da Lei de función pública, o uso deturpado da nosa toponimia ou a derrogación do Decreto 124/07 no ensino son algunhas das consecuencias desta desigualdade legal do galego fronte ao español.

Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, somos conscientes de que en Galiza non estamos de aniversario e de que só avanzaremos nos nosos dereitos coa mobilización e a implicación de todas e todos. A defensa da lingua galega significa a defensa de Galiza como nación e, por iso, nas vindeiras semanas as mozas e mozos sairemos á rúa en contra do Partido Popular e das políticas que buscan a eliminación da nosa lingua propia. Así que súmate á defensa da nosa lingua, súmate á defensa de Galiza!

domingo, 15 de novembro de 2009

Galiza Nova participa activamente da Plataforma a prol do ferrocarril na comarca

Galiza Nova vén de participar na constitucón da Plataforma a prol da modernización da infraestrutura e dos servizos ferroviarios, xurdida na nosa comarca para dar resposta ao desleixo do goberno español en materia ferroviaria.

A táboa reivindicativa inicial incluía as esixencias ao Ministerio de Fomento de executar as obras de duplicación da vía entre a Ponte das Cabras e a estación de Ferrol (xa comprometidas nos orzamentos deste ano) a licitación do tramo Ferrol-Betanzos, a reclamación do by pass para salvar a estación de Betanzos-Infesta ou os accesos ao porto interior e ao polígono do Río do Pozo, entre outras cuestións.

Dende Galiza Nova solicitamos a potenciación de novos servizos Ferrol-Santiago, nomeadamente nas fins de semana, cando hai máis movemento de estudantado, así como tamén a implantación do billete único tren/bus, o aumento das frecuencias Ferrol-A Coruña, o mantemento das paradas actuais en núcleos pequenos e a adecuación do tipo de tren ás horas de maior demanda.

Estas demandas non son novas para a nosa organización. O 26 de marzo de 2008 aprobábase por unanimidade no Concello de Cabanas unha moción que instaba a Xunta de Galiza a mellorar o transporte no concello.

quarta-feira, 14 de outubro de 2009

Galiza Nova QUERE GALEGO!

Galiza Nova de Cabanas, como non podería ser doutro xeito, participará o vindeiro domingo 18na manifestación que convoca a plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela.

Para facilitar a asistencia á mesma, haberá autobuses cara Santiago, que podes consultar clicando aquí.

Alén da manifestación, dende Queremos Galego proponse a seguinte Iniciativa Lexislativa Popular, que podes apoiar aquí:

Proposta de Iniciativa Lexislativa Popular
pola Garantía dos Dereitos Lingüísticos

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Estatuto de autonomía de Galicia estabelece no seu artigo 5.º que “a lingua propia de Galicia é o galego” e que “os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”. Para facer efectivos estes dereitos a lei sinala que “os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, acadando así que ninguén sexa “discriminado por causa da lingua”.

A pesar do sinalado nesta norma, a realidade é que a lingua propia do país continúa sen ter garantida a presenza mínima do seu recoñecemento de oficialidade hai tres décadas, situándose a súa posición pública e institucional lonxe do mandado estatutario. Así, está ausente de boa parte da documentación e sinalizacións públicas, o dereito a recibir atención neste idioma carece de garantías reais e o sistema educativo non só non garante as competencias lingüísticas suficientes en galego, senón que incide no abandono do galego por parte de moitas nenas e moitos nenos.

Para rematar con este incumprimento estatutario é necesario que o Goberno galego adopte medidas para romper con esta situación tan inxusta e avanzar na normalización. As galegas e os galegos teñen que ter garantido o dereito a poderen vivir con normalidade na súa lingua na súa terra, sen discriminacións de ningún tipo, como prevé o Estatuto de autonomía no art. 5.

A liberdade das persoas que integran a sociedade galega só poderá ser efectiva cando o Poder Público dispoña os medios no sistema educativo para que todos e todas coñezan axeitadamente o galego e a Administración estea en condicións de dispensar os seus servizos na nosa lingua.

A Administración debe cumprir ademais o deber de fomento do uso do galego na vida pública para que mediante a súa visualización a lingua propia acceda a ámbitos institucionais e privados dos que tradicionalmente estivo excluída, transmitindo a mensaxe á sociedade de que a nosa lingua é válida para calquera situación da vida diaria. Cúmprese así co deber constitucional previsto no art. 9.2. da Constitución española de crear as condicións para facer efectiva a igualdade das persoas, promovendo a lingua que está en condicións de desvantaxe social –como amosa a evolución dos Mapas sociolingüísticos elaborados pola Real Academia Galega–, fundamento das leis protectoras e fomentadoras do galego.

Estas medidas teñen que ir no camiño dos consensos acadados nestes anos, como a aprobación en 1996 da Declaración universal de dereitos lingüísticos, a ratificación en 2001 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, monitorizada polo Consello de Europa, e a aprobación en 2004 do Plan xeral de normalización da lingua galega.

TÍTULO ÚNICO

Artigo 1.- O Goberno galego, en cumprimento da obriga estabelecida no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, fará plenamente efectivos os dereitos das galegas e dos galegos a utilizaren o idioma propio do país.

Artigo 2.- O Goberno galego garantirá que toda a sinaléctica, información e documentación administrativa que reciban os cidadáns e as cidadás en todos os ámbitos administrativos da Xunta, ou en calquera ámbito participado por ela, incluídas todas aquelas entidades xurídicas que prestan servizos dependentes daquela, estean en galego.

Artigo 3.- O Goberno galego garantirá que todos os seus servizos, e os de calquera entidade participada por el, incluídas todas aquelas que os prestan dependendo da Xunta, serán prestados en galego a todos os cidadáns e cidadás. O persoal das entidades dependentes da Xunta ha tomar a iniciativa dirixíndose e manténdose en galego cara ao público, coa excepción daquelas ou daqueles que soliciten seren atendidos en castelán. Así mesmo, todos os cargos públicos e os dos organismos e entes autonómicos, sociedades públicas e institucións dela dependentes farán uso público, tanto oral como escrito, de xeito sistemático, da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade.

Artigo 4.- O Goberno galego garantirá que o dereito a usar e recibir información, documentación etc na lingua propia do país non supoña ningún tipo de discriminación, demora na prestación do servizo ou deturpación lingüística por parte da Administración galega ou os seus representantes.

Artigo 5.- O Goberno galego adoptará as medidas necesarias para garantir o dereito a recibir o ensino en galego por parte de todo o alumnado ao menos nun 50% do horario escolar en cada curso en todas as etapas educativas, de acordo co sinalado no Plan xeral de normalización da lingua galega.

Disposición Transitoria.- O Goberno galego deberá adoptar cantas medidas sexan precisas para lle dar cumprimento ao disposto nos artigos 2 e 3 nun prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición Final.- A presente lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.