quinta-feira, 23 de julho de 2009

Galiza Nova homenaxea a Rosalía e Castelao

Como vén sendo habitual, Galiza Nova celebrará o vindeiro 24 de xullo ás 17.30h no Panteón dos Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval (Compostela) unha homenaxe a Rosalía e Castelao.

Para lembralos, no acto leranse fragmentos das súa obra por parte de Anxo Angueira (profesor de lingua e literatura e escritor) Paula Carballeira (actriz), Carlos Blanco (actor) e Guadi Galego (artista e profesora da Central Folque).

Así mesmo tamén actuará o músico Miro Casabella e intervirán Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, e de Guillerme Vázquez, Portavoz Nacional do BNG.

Para rematar cantaremos o himno nacional acompañados de Iván Area e Pablo Carpintero.

Contamos coa túa asistencia!

segunda-feira, 13 de julho de 2009

Galiza Nova presenta ao novo responsábel local de Fene e as actividades do Festigal

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, presentou hoxe en rolda de prensa ao novo Responsábel Local de Galiza Nova en Fene, Alberto García, que estivo acompañado polo Responsábel Comarcal da organización, Iago Varela.

Na súa intervención, Alberto García fixo fincapé nos retos que Galiza Nova ten por diante no concello fenés, onde “non se está a dar unha resposta acaída ás necesidades da mocidade”. Segundo amosou o novo Responsábel Local, unha das primeiras demandas da organización xuvenil do BNG nesa localidade irá nese sentido, se ben precisou que tamén levarán a cabo actos lúdicos, como un concerto con bandas noveis.

“Estamos a cumprir as nosas espectativas de espallamento por toda a comarca” indicou Iago Varela, que se amosou satisfeito, xa que segundo afirmou “nos concellos onde Galiza Nova ten presenza, estase a defender á mocidade”.

Festigal

O Responsábel Comarcal, Iago Varela, tamén deu conta das actividades que se levarán a cabo no Festigal, o evento co que Galiza Nova celebra en Santiago o Día da Patria, entre as que destacan os concertos de varios grupos, os debates e as presentacións de libros.

“O Festigal segue a ser un referente da cultura galega e en galego” afirmou Varela, quen convidou a toda a mocidade da comarca a asistir

terça-feira, 7 de julho de 2009

Xa está aquí o Festigal 09!

Un ano máis, os vindeiros 24 e 25 de xullo Compostela será o cenario dunha nova edición do Festigal, organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre.

O Campus Sul da Universidade de Santiago será onde acampe o Festigal, que contará cunha zona de concertos, feira de asociacións, tendas, galerías artesanais, zona de xantar... e moito máis!

Entre as actuacións musicais, haberá dous concertos:

O 24 de xullo ás 23.00h actuarán Chámalle Xis (Galiza), Os John Deeres (Galiza), Som do Galpom (Galiza) e DJ Click Live (Franza).

O 25 de xullo a troula comezará a partires das 22.00h, coas actuacións de Descarga ao Vivo (Cuba/Galiza), Katembe Project (Angola), Os tres trebóns e amighos, a grande treboada (Galiza).

[Multimedia]: Vídeos musicais dos participantes nos concertos.

Chámalle Xis



Os John Deeres



Som do Galpom



DJ Click Live



Descarga ao Vivo



Os tres trebóns e amighos, a grande treboada






Alén das actuacións musicais...

Galería das Ideas: debates sobre O FUTURO DA MÚSICA GALEGA, a CRISE ECONÓMICA, o DEREITO AO ABORTO e A LINGUA GALEGA.

Galería das Letras:

Librarías e editoriais: Andel do Libro (Vigo), A palabra Perduda (Santiago), Pedreira (Santiago), OQO, Rinoceronte, Urco, A Nosa Terra, Galaxia.

Sinatura de libros e presentacións, entre outros:

"O natural e o político, de Teresa Moure.
"Nos camiños do entusiasmo", de Goretti Sanmartín.
"Una monarquía protegida por la censura", de Iñaki Anasagasti".
"A cociña de larpeiros", de Benigno Campos.
"Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro", de X. C. Garrido.
"Sobre o racismo lingüístico", da editorial Laiovento.
"O regreso de Ramón Lamote". Conversa con Paco Martin, Víctor F. Freixanes, Xosé A. Neira cruz e Xavier Senín.

Exposicións

"Crónicas da represión lingüística" Mostra gráfica e audiovisual de Xan Leira.

Galería audiovisual: programación continua de curtametraxes e documentais.

Galería do Software Libre

Galería da cultura tradicional

Galería infantil /espazo de animación

Galería artesanal

Feira de asociacións: postos con material de asociacións, ONGs e colectivos diversos.

Tendas

Zona de acampada de balde

Zona de xantar

[Máis información]: Festigal

quarta-feira, 10 de junho de 2009

Consulta da Xunta de Galiza sobre o galego no ensino

O venres 5 de Xuño, a Xunta de Galiza presentou a enquisa que se vai remitir ás familias dos 350.000 alumnos e alumnas escolarizados en Galiza nos niveis de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional e que en teoría ten como propósito inquirir a pais e nais sobre en que lingua prefiren que lles sexa impartido o ensino aos seus fillos e fillas.

Estudado o contido desta enquisa e analizadas as motivacións que levan ao Goberno galego a elaborala, o BNG ten que facer as seguintes valoracións:

1.- Estamos perante unha auténtica “consulta trampa”, inaceptábel quer na forma quer no fondo. Con ela non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino. O PP decidiu no seu día afastarse do consenso sobre o galego (Plano Galego de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego en 2004). Anunciou en campaña a derrogación do decreto e xa no goberno reiterou esa intención. A enquisa tenta lexitimar cun suposto manto de apoio social unha decisión de carácter político tomada antes de chegar ao Goberno e adoptada co único propósito de contentar os sectores máis extremistas do electorado do Partido Popular.

2.- A consulta, que é de carácter voluntario, carece da menor fiabilidade, tanto por como están enunciadas as preguntas como polo feito de que será a Administración, controlada politicamente polo Partido Popular, quen custodie todo o proceso de recolla dos datos. Non existen suficientes garantías de que os resultados non poden ser mesmo manipulados se non fosen do agrado do partido no goberno.

3.- Coa enquisa vaise criar unha tensión innecesaria nos centros de ensino e na propia sociedade galega, innecesaria porque, sexa cal for o resultado do inquérito, o Goberno xa ten anunciado que vai derrogar o decreto nun sentido claramente contrario ao uso da lingua galega no ensino.

4.- Tal e como están enunciadas as preguntas da consulta, todo o máis que poderían demandar os sectores favorábeis ao galego no ensino sería que se mantivese o galego como lingua na que se imparten as materias troncais. En ningún caso se pregunta ás familias se serían partidarias de que o conxunto das materias, e non só as troncais, se impartisen en galego.

Isto significa que coa enquisa os sectores favorábeis á españolización do ensino si poden conseguir avances a respecto da situación actual -reducir a presenza do galego nas troncais-, mentres que aqueles que son partidarios de avanzar na galeguización só poden aspirar a que, como moito, se manteña o actual statu quo, que vén consagrado precisamente polo decreto que o Goberno anunciou que vai derrogar.

5.- O mesmo Goberno que fai proclamas populistas e demagóxicas en favor da austeridade e o control do gasto público vai dilapidar 200.000 euros na realización desta “consulta trampa”, un dispendio impresentábel no actual contexto de precariedade de medios humanos e materiais que caracteriza a situación do ensino público en Galiza.

6.- Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.

7.- Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes ás que expresamos a continuación:

1.-Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.

2.-Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.

3.-Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

segunda-feira, 1 de junho de 2009

Galiza Nova chama á mocidade da comarca a votar “masivamente” ao BNG


Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, fixo hoxe un chamamento a toda a mocidade da comarca para que acudan ás urnas o próximo domingo a votar polo BNG por ser "a única alternativa para que Galiza conte en Europa".

Iago Varela, Responsábel Comarcal de Galiza Nova explicou que "o tempo deu á razón ao nacionalismo galego, que dende sempre criticou o fracaso do actual modelo económico e social da Unión Europea".

Neste sentido, dende Galiza Nova cren que é preciso apostar por políticas que non degraden as condicións laborais das traballadoras e traballadores e que defendan os servizos públicos, como o ensino ou a sanidade.

En palabras do Responsábel Comarcal, "O BNG traballará a prol dunha política antagónica á mercantilización e elitización da universidade pública que supón a implantación do Plan Boloña, así como tamén para que os nosos estaleiros volvan construír barcos".

"A única alternativa para avanzar en dereitos e na creación dun novo modelo social e económico alternativo ao neoliberal é a lista encabezada por Ana Miranda", sentencia Varela.

sábado, 30 de maio de 2009

Para que Galiza conte, para que a mocidade conte! Vota BNG



O próximo 7 de Xuño celébranse unhas eleccións moi importantes para o futuro das galegas e galegos.

As eleccións europeas determinan as políticas que se van a aplicar en nacións como Galiza e que teñen consecuencias visíbeis na nosa vida diaria. A partir das eleccións de 2004, o BNG non tivo presenza a nivel europeo e Galiza deixou de estar representada directamente nas institucións europeas.

Agora temos a oportunidade de ter voz e voto en Europa a través do BNG porque só así garantimos a defensa dos intereses de Galiza e a aposta por unha Europa dos pobos, social e democrática.

POR UNHA EUROPA DOS POBOS, GALIZA UNHA NACIÓN EUROPEA.

O nacionalismo galego defede o pleno recoñecimento de Galiza como nación nun Estado Español plurinacional, pluricultural e plurilingüe e aposta tamén no seo da UE, polo recoñecemento da identidade política, cultural e lingüística do noso país, así como das outras nacións e pobos de Europa.

O modelo de construción europea ten servido para ignorar as nacións sen Estado como a nosa e para impedirnos o desenvolvimento das nosas potencialidades, respondendo unicamente aos dictames do capital transnacional a través dos grandes Estados europeos.

Despois do fracaso do Tratado Constitucional (co “non” de Francia e Holanda) e da súa nova versión co tratado de Lisboa (rexeitado por Irlanda) é necesario un modelo alternativo como o que defende o BNG. Un modelo democrático que aposte polo recoñecemento de todas as nacións e pobos de Europa en pé de igualdade, así como das culturas e linguas que como o galego aínda non teñen o recoñecemento oficial no seo da UE.

Só a través da participación de Galiza con voz propia e voto en Europa nos foros onde se traten as cuestións que nos afectan directamente, conseguiremos que Galiza conte e que os intereses e necesidades das galegas e galegos, especialmente as e os máis novos, estean defendidos.

O NACIONALISMO ALTERNATIVA AO MODELO ECONÓMICO NEOLIBERAL DA CRISE E DE BOLOÑA.

O nacionalismo galego sempre se manifestou contrario ao modelo económico e social da Unión Europea. Este modelo neoliberal sistemáticamente negou as nosas capacidades productivas, desmantelou os servizos públicos básicos e afondou na desregularización e a perda de dereitos das traballadoras e traballadores, especialmente na mocidade sufrindo hoxe as maiores taxas de precariedade, de baixos salarios e de paro en Galiza.

Para o BNG a crise económica que padecemos é consecuencia deste modelo tan negativo e por iso cremos que son necesarias políticas que non degraden as condicións laborais (como o intento de aprobar a Directiva do tempo de Traballo que pretendía ampliar a xornada laboral ás 65h semanais) así como políticas que defendan servizos públicos tan elementais como o ensino.

Nese sentido o BNG pulará por unha política univesitaria baseada na consideración da universidade como un servizo público e no dereito que temos como pobo a definirmos o noso sistema educativo en función das nosas condicións e necesidades, unha política antagónica á mercantilización, elitización, uniformización e españolización da universidade galega que supón o actual modelo do Plan Boloña.

Dende Galiza Nova tamén consideramos que é necesario o recoñecemento pleno do dereito da mocidade a traballar, estudar e vivir en Galiza, para combater a emigración xuvenil, mudando a actual consideración positiva da mobilidade xeográfica, que non é máis que emigración encuberta.

Así mesmo, dende o BNG defenderemos o noso dereito a desenvolver as nosas potencialidades nos sectores productivos básicos como creadores de riqueza e de emprego en concreto para moita xente nova. Galiza é un país con grandes potencialidades no sector pesqueiro, no sector agro-gandeiro ou no sector industrial, mais sempre se nos limitou a nosa capacidade productiva, desmantelando os piares básicos da economía galega.

Por parte do nacionalismo galego sempre acreditamos na capacidade productiva do país e por iso agora temos a oportunidade a través da presenza do BNG no Parlamento Europeo de que as galegas e galegos defendamos os nosos intereses.

A DEFENSA DA PAZ, DO ANTIIMPERIALISMO E DOS DEREITOS E LIBERDADES DEMOCRÁTICAS.

Durante os últimos anos determinadas políticas impulsadas pola Unión Europea significaron unha clara involución democrática a respecto dos dereitos e liberdades. O nacionalismo apostará pola defensa das liberdades e a xustiza social especialmente no que se refire a extensión e recoñecemento de dereitos individuais e colectivos nos diferentes pobos de Europa.

Dende Galiza Nova consideramos necesario o recoñecemento da interrupción do embarazo libre e gratuíta, o respecto polas diferentes opcións sexuais, a derogación da Directiva de Retorno que establece criterios de expulsión e retención de inmigrantes e o impulso da laicidade nas nacións de Europa, entre outras cuestións.

Así mesmo o nacionalismo defenderá, como sempre fixo, unha política contraria ao imperialismo e o sometemento, expolio e ocupación dos pobos. Galiza Nova solidarizouse e mobilizouse, como tamén fixo o BNG, en contra da guerra no Iraque, do envío de tropas españolas a Afganistán, do exterminio do pobo Palestiniano por parte do Estado de Israel, entre outros, e consecuentemente en Europa defenderemos un modelo de relacións internacionais en pé de igualdade entre todos os pobos do mundo, baseado na xustiza e na soberanía política das nacións que como Galiza reclaman o dereito a poder decidir libremente o seu futuro.

Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, queremos que te sumes a nós para conseguir que Galiza estea representada en Europa. Sabemos que a través do presenza do nacionalismo galego avanzaremos na defensa dos intereses das mozas e mozos, no avance de dereitos, na construcción dun modelo social e económico altenativo ao neoliberal e no recoñecimento do que somos, unha nación con dereito a decidir.

Por iso convidámoste a que o próximo 7 de xuño, te sumes a nós para que Galiza estea en Europa. Para que non decidan por nós. Para sermos protagonistas. As mozas e mozos deste país somos decisivos para que Galiza avance a través do noso voto ao BNG e por iso temos que mobilizarnos para as vindeiras eleccións.

Para que ti contes, para que Galiza conte!

Non faltes e vota BNG!

Pola defensa do dereito ao aborto libre e gratuíto

A Asemblea de Mulleres de Galiza Nova participará no Maio Reivindicativo que organiza a Marcha Mundial das Mulleres, o vindeiro domingo 31. Este acto está enmarcado dentro da campaña que baixo o lema: En Defensa Do Dereito ao Aborto, Na Sanidade Pública. Eu Decido! está alevar adiante a MMM ao longo do País.

Dende Galiza Nova queremos animarvos a que o domingo a partir das 11 vos acheguedes á Praza da Quintana en Compostela, para reclamarmos o noso dereito a un aborto libre e gratuito na sanidade pública.

A actividade consistirá na construcción dun maio feminista, a lectura de poemas e coplas reivindivativas para reclamar o dereito das mulleres a interrumpir libremente o seu embarazo na rede sanitaria pública, sobre todo no contexto de debate actual sobre a reforma da lei do aborto onde as organizacións da dereita máis reaccionaria teñen amosado ás claras as súas posicións contra os dereitos das mulleres. Así mesmo tamén podes amosar o teu apoio a esta demanda asinando en en www.feminismo.info.

sexta-feira, 29 de maio de 2009

Novo blogue de Galiza Nova Fene



A comarca de Ferrolterra conta xa cun novo blogue local de Galiza Nova. Trátase da localidade de Fene, onde as compañeiras e compañeiros da organización xuvenil do BNG veñen de pór en marcha un novo espazo virtual, no que irán publicando todas as novas que teñen a ver co concello veciño.

Podes visitar o seu espazo visitando http://galizanovafene.blogspot.com

Galiza Nova organiza en As Pontes un debate sobre o Plan Boloña

Que é Boloña? Privatízase a Universidade Pública?

Para dar resposta a estas e outras moitas cuestións, as compañeiras e compañeiros de Galiza Nova en As Pontes organizan hoxe unha charla-debate sobre este tema tan relevante e do que pouco se coñezo.

Para ilo, contarán coa presenza de Marcos Loureiro, Responsábel Nacional dos Comités, Elena Sierra, Vicerreitora de Novas Tecnoloxías e Calidade da Universidade da Coruña e Xulio Ferreiro, Responsábel Nacional da CIG-Ensino.

Terá lugar na Casa Dopeso de As Pontes a partir das 20.00h deste serán.

quinta-feira, 28 de maio de 2009

Mitin do BNG en Cabanas

O vindeiro luns, 1 de xuño, ás 20.00h, terá lugar o mitin do BNG no Concello de Cabanas.

Será na Escola de Laraxe.

Falarán Ana Luísa Bouza, Pablo Villamar e Xosé Manuel P. Sardiña

Imos a Europa... vés!