segunda-feira, 11 de agosto de 2008

Galiza Nova de Cabanas, As Pontes e Pontedeume denuncian a situación do Río Eume

NOTA DE PRENSA

Desde Galiza Nova queremos pór en coñecemento da mocidade da comarca do Eume a actual situación dos ríos Eume e Chamoselo, da súa morte.

Non somos capaces de entender o pasotismo dos concellos afectados nin o escurantismo que se está crear; a falta de información sobre o que acontece nos nosos ríos. En definitiva, estase a ocultar o desastre ecolóxico que está a ocorrer en As Pontes e que afecta negativamente a tódolos concellos situados ao marxe do Eume.

Uns análises feitos en diferentes partes do río a instancias do grupo de goberno do BNG de As Pontes en maio do 2007, deron como resultado a sospeita de contaminación das augas do río Chamoselo. Ditas análises chegaron ao Concello de As Pontes tras o cambio de goberno, e foron remitidos á Consellaría de Medio Ambiente (PSOE), polo actual grupo de goberno da vila (PSOE), sen ter máis novas ao respecto até a aparición dos reos mortos na zona baixa do río Eume, en Pontedeume, coa conseguinte denuncia da Sociedade de Pescadores de Caaveiro, aló polo 15 de xuño de 2008. A partires desa denuncia van aparecendo novas na prensa dos diarios da comarca que nun primeiro momento desminten calquer relación entre as obras da autovía e o desastre para, 20 días despois, darlle a volta e afirmar que nese problema fica a causa da mortalidade do río, causando a baixada do PH até límites que provocan a non potabilidade da auga para o consumo humano e a morte dos peixes.

Unhas análises feitas por un grupo de pescadores mostran como dende a confluencia do río Chamoselo co Eume, o PH oscila dende 3.4 até 5.0 na cola do pantano e 4.76 no coto de Ombre, cando o normal é preto de 7.0 Compre destacar que o BNG mantivo unha actitude de preocupación neste tema, catalogado como CATÁSTROFE, nos concellos do Eume.

Tamén fixo unha pregunta a través do deputado Fernando Blanco no Parlamento de Galiza, na que salientou que hai un informe de hai máis dun ano elaborado por un laboratorio privado sobre a situación do río.

Dende Galiza Nova de As Pontes, Pontedeume e Cabanas non se entende como se puido manter esa actitude de pasividade ante unha situación de degradación dos nosos ríos, constatada por informes en poder da Administración pública, e consideramos que urxe unha acción decidida e inmediata para pór freo aos verquidos continuados nesa zona, así como a esixencia de claridade das administracións locais e galega e a aplicación de solucións urxentes para devolver a vida aos ríos destruídos.

Agardamos tamén que tras esta catástrofe aparezan os responsábeis. Galiza Nova non vai ficar calada; a mocidade do Eume non pode deixar que se xogue co seu futuro. Todos sabemos a importancia económica e medioambiental dos nosos ríos, e loitaremos por ela.

Así o recolle a prensa

A nova en Radio Voz (11/08/08) (escoita aquí)

A nova en La Opinión (12/08/08) (ler)

A nova en La Voz de Galicia (12/08/08) (ler)

A nova en GZnación (12/08/08) (ler)

A nova en La Opinión (13/08/08) (ler)

2 comentários:

Luisinho disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
Anônimo disse...

ben rapaces!! Os delitos medioambienteis deben ser denunciados e castigados! Coa vosa laboura conseguiredes un Eume máis limpo e unha Galiza mellor!