Comezado un novo curso, vemos con preocupación como se esfarelan as boas expectativas que había sobre a aplicación deste decreto. A realidade é que:
- Na maior parte dos centros non se cumpre coa lexislación;
- a Consellaría de Educación aínda non fixo públicos datos nin avaliacións reais sobre o grao de aplicación do decreto no curso pasado (malia o propio decreto indicar que ten que facerse);
- seguen sen pórse en funcionamento as medidas e os medios demandados desde a comunidade educativa.
Todos os adiantos experimentados pola nosa lingua foron sempre froito da reivindicación, moitas veces protagonizada pola xente nova. Visto que é a saída que nos deixan, dende Galiza Nova, a Mocidade pola Normalización Lingüística e os Comités facemos un chamamento a parar as aulas o vindeiro 26 de novembro. Pararemos a inactividade da Consellaría de Educación. Pararemos as agresións ao idioma de Galiza.
Preocúpanos moito tamén a vaga de declaracións e accións contra a lingua do país que se están producindo case a diario desde os sectores máis reaccionarios. Teledirixidos por poderosos grupos económicos, políticos e mediáticos de fóra de Galiza, din defender cinicamente o “bilingüismo” e a “liberdade” cando na realidade só pretenden seguir marxinando o noso idioma, mantelo desamparado e, finalmente, facelo desaparecer.
Pararemos os institutos para dicirlle a eses grupos que os estudantes de Galiza defendemos o noso idioma. Falemos castelán ou falemos galego, queremos que se tomen medidas de apoio a un vínculo que nos une como galegas e galegos, que é unha riqueza común e un patrimonio para a humanidade.
Contra estes ataques que nos queren negar a voz e os dereitos tamén é necesario que nos movamos. Digámoslles que a inmensa maioría das galegas e dos galegos desexamos para o galego o mellor dos futuros. Porque garantir o futuro da nosa lingua é garantirmos o noso propio futuro.
Nenhum comentário:
Postar um comentário