segunda-feira, 5 de janeiro de 2009

Resolución da Asemblea Comarcal do BNG de Ferrolterra



Perante a situación que está a sofrer o pobo palestino – nomeadamente na franxa de Gaza – nos últimos días, a Asemblea Comarcal do BNG quere expresar públicamente:

1.- O rexeitamento rotundo aos bombardeos levados a cabo por parte do exército de Israel – neste momento con perto de 500 mortos nas últimas accións – e que veñen a evindenciar que o colofón á blocaxe perpetrada polo Estado de Israel contra o pobo de Gaza constitúe verdadeiramente un crime de guerra.

2.- Reiteramos – como así se fixo xá por medio da correspondente iniciativa parlamentar – a petición de que o Estado Español suspenda as relacións diplomáticas e económicas co Estado de Israel ata que non se poña fin á agresión militar e blocaxe que o mesmo está a perpetrar na franxa de Gaza.

3.- Solicitamos, asimesmo, que o Estado Español inste oficialmente ao cumprimento das reiteradas resolucións da ONU relativas á retirada israelí dos territorios ocupados; ao tempo que se demande, no marco das Nacións Unidas, o envío inmediato dunha misión de observación e interposición co fin de garantir a fin da blocaxe e da agresión militar.

4.- A Asemblea Comarcal do BNG resolve, en liña cos apartados anteriores, remitir sendos escritos de condena da situación ao Presidente do Goberno Español, Ministerio de Asuntos Exteriores e Embaixada de Israel; ao tempo que transmitir a solidariedade e apoio á representación do pobo de Palestina en Galiza.

Nenhum comentário: