O Responsábel Comarcal de Galiza Nova e Candidato ao Parlamento de Galiza, Iago Varela Martínez, presentou onte en rolda de prensa o programa de mocidade do Bloque Nacionalista Galego.
Iago Varela lembrou que a Xunta de Galiza impulsou nestes últimos anos medidas que viñan sendo demandadas pola poboación xuvenil. “Coa entrada do BNG no Goberno da Xunta, a mocidade comezou a ter un espazo propio e ben definido, mentres que cos gobernos do PP era un dos sectores máis desprotexidos”.
Tendo en conta a situación económica, para Galiza Nova é unha prioridade pular por un traballo digno. Por iso dende o BNG desenvolverase un Plano de Emprego Xuvenil, para materializar o dereito a un traballo no propio país, e o Salario Social, destinado á xente que procura o seu primeiro emprego tras un período de formación.
O traballo a prol dun ensino “realmente público”, a consolidación da Rede de Centros Quérote e Locais de Ensaio, a elaboración dun novo lano de Financiamento da Universidade ou a mellora do transporte público, son outros dos retos do BNG en materia de xuventude.
Esta presentación enmárcase dentro da campaña que Galiza Nova levará a cabo durante esta semana, “traballaremos para que o vindeiro un de marzo a xente nova aposte por Anxo Quintana para presidir a Xunta de Galiza, porque é o único candidato que porá á mocidade no centro da súa atención” sentenciou Iago Varela.
Nenhum comentário:
Postar um comentário