terça-feira, 30 de setembro de 2008

A Secretaría Xeral de Política Lingüística responde á pregunta do BNG sobre a toponimia en Cabanas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística ven de emitir resposta á pregunta formulada polos deputados nacionalistas Bieito Lobeira e Fernando Blanco Parga a propósito da denuncia que fixemos dende Galiza Nova de Cabanas sobre o uso da toponimia ilegal nunha marquesiña de nova instalación que o ADIF colocou no apeadoiro municipal.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) lamenta profundamente que aínda no 2008, na instalación de novas infraestructuras de servizos aos pasaxeiros, sigan aparecendo desaxustes, se ben anecdóticos, no reflexo da realidade toponímica de Galicia; desexamos e pulamos porque estas anécdotas desaparezan definitivamente no curto prazo, conseguindo así unha plena normalidade ndo idioma galego na área do transporte ferroviario. A SXPL adoptará tres medidas concretas para conseguir que se restitúan as fórmulas toponímicas legais no apeadoiro ferroviario de Cabanas.

Primeiro, dirixirémonos ao Ministerio de Fomento, de quen depende a empresa pública ADIF, para: a) poñer no seu coñecemento estes feitos; b) informarlle sobre a esixencia legal de que as formas toponímicas legais, e que deben figurar nas marquesiñas, é a galega, e c) solicitarlle a substitución, na rotulación das marquesiñas do apeadoiro de Cabanas, das formas toponímicas deturpadas por aquelas formas legais en galego.

Segundo, dirixirémonos a ADIF, tanto á súa presidencia como ás Direccións Xerais de Planificación Estratéxica e á de Desenvolvemento da Infraestructura, para: a) poñer no seu coñecemento estes feitos; b) informarlle sobre a esixencia legal de que as formas toponímicas legais, e que deben figurar nas marquesiñas, é a galega, e c) solicitarlle que en diante, na súa estratexia empresarial e no deseño das súas infraestructuras, observen escrupulosamente o cumprimento da lei en materia de toponimia.

E terceiro, trasladaremos ao Consello das Linguas Oficiais e á Oficina das Linguas Oficiais, dependentes do goberno central e órganos de cooperación interadministrativa para a construcción dunha política lingüística de Estado, a demanda de cumprir no máis breve prazo a esixencia legal e, por tanto, a obriga de cumprimento ética- da Lei que establece a galega como a forma toponímica propia. Propoñéndolles, ademais, o establecemento dunha única base de datos normalizada e adaptada a esta Lei para todas as administracións do Estado.

A SXPL garántelle á súa señoría, ademais, un seguimento directo desta cuestión, na busca dunha restitución da normalidade lingüística no máis breve plazo, como é a nosa intención e principal anhelo.

Dende Galiza Nova de Cabanas valoramos positivamente esta nova, e agardamos que non quede só nunha declaración de intencións e se poida así restablecer a normalidade no menor espazo de tempo posíbel. Por contra, dende o Concello de Cabanas segue sen haber resposta ao tema.

sexta-feira, 19 de setembro de 2008

O Concello de Cabanas desatende as queixas veciñais defendidas por Galiza Nova

Galiza Nova, organización das mocidades do BNG denunciou no rexistro municipal de Cabanas, mediante solicitude escrita con selo de entrada, o deterioro e abandono dos parques infantís do concello e o emprego da toponimia ilegal no apeadoiro desta localidade.

Segundo Galiza Nova, "presentouse a primeira das nosas queixas, relacionada co estado dos parques infantís o 14 de xullo e a referida ao uso da toponimia Cabañas-Arenal no canto da oficial, o 22 de xullo". Dende a organización xuvenil engadiron que "a día de hoxe, seguimos sen ter unha resposta do Concello, nin observamos que atenderan as nosas peticións".

Aclaran ademais que "mentre o alcalde popular Germán Castrillón permanece cos brazos cruzados, o BNG levou ao seo do Parlamento Galego, a través dos deputados Bieito Lobeira e Fernando Branco, dúas preguntas dirixidas á Secretaria Xeral de Política Lingüística solicitando a avaliación feita pola Secretaría sobre ou uso dos topónimos deturpados en Galiza, e as medidas concretas que se adoptarán no caso de Cabanas para garantir o cumprimento da lei".

quarta-feira, 27 de agosto de 2008

Un tren con destino Cabañas

Recolle hoxe o xornal La Opinión de A Coruña na súa edicción dixital un artigo que titula "Un tren con destino Cabañas", e no que se fai eco da denuncia que dende Galiza Nova fixemos do uso ilegal da toponimia na marquesiña do apeadoiro, cuestión que o BNG elevou ao Parlamento Galego.

Podedes ler o artigo nesta ligazón

terça-feira, 26 de agosto de 2008

Éxito do concerto de Galiza Nova!

Como vos estivemos comentando dende este blogue e o das compañeiras e compañeiros de Galiza Nova de Pontedeume, o pasado venres 22 celebramos o concerto do 20 aniversario de fundación da organización xuvenil do BNG.

As actuacións musicais dos grupos The Arradios, chegados dende San Sadurniño, e Arenga, de Pontedeume, animaron a toda a mocidade da comarca que se achegou até a Sala Coliseo para desfrutar da música dos dous grupos.

E como cabía esperar, non defraudaron. O público estivo todo o tempo que durou o concerto animado e participando activamente da festa. Mesmo houbo quen se animou a facer os coros!

Dende Galiza Nova queremos agradecer á mocidade da comarca que este concerto fose un éxito, e que supón o primeiro dos actos lúdicos e políticos cos que Galiza Nova celebra o 20 aniversario da súa fundación na comarca!

quarta-feira, 20 de agosto de 2008

Galiza Nova de Cabanas solidarízase cos familiares das vítimas do accidente aéreo de Barajas

Galiza Nova de Cabanas quere manifestar as súas condoenzas ás familias das vítimas do tráxico accidente aéreo desta tarde en Madrid-Barajas, no cal, segundo as últimas informacións, perderon a vida máis de 150 persoas

quarta-feira, 13 de agosto de 2008

Acto en San Marcos, 21 de agosto

Co gallo do aniversario do Mitin de San Marco, en recordo do agrarismo solidario galego de Cabanas, o BNG celebrará unha serie de actos o vindeiro xoves 21 de agosto

ACTO POLÍTICO (Xunto á capela de San Marco).

16.30h. Intervencións dos representantes dos grupos municipais do BNG de Fene e Cabanas

ACTO VECIÑAL (Lavandeira, pavillón polideportivo)

18.40 h APERTURA DAS MESAS. Proxección de vídeos informativos: Unidades de Xestión Forestal e BANTEGAL.

19.00 h MESA RURAL

- Olga Mª García Agra (Delegada da Consellaría de Medio Rural). Avanzando cara a un novo rural galego. Achega de materiais informativos.

- Xoán Carlos Bascuas Xardón (Delegado da Consellaría de Vivenda e Solo). A vivenda, un dereito para tod@s. Achega de materiais informativos.

20.30 h MESA DO EUME

- O río Eume visto polos propietarios e pescadores

segunda-feira, 11 de agosto de 2008

Galiza Nova de Cabanas, As Pontes e Pontedeume denuncian a situación do Río Eume

NOTA DE PRENSA

Desde Galiza Nova queremos pór en coñecemento da mocidade da comarca do Eume a actual situación dos ríos Eume e Chamoselo, da súa morte.

Non somos capaces de entender o pasotismo dos concellos afectados nin o escurantismo que se está crear; a falta de información sobre o que acontece nos nosos ríos. En definitiva, estase a ocultar o desastre ecolóxico que está a ocorrer en As Pontes e que afecta negativamente a tódolos concellos situados ao marxe do Eume.

Uns análises feitos en diferentes partes do río a instancias do grupo de goberno do BNG de As Pontes en maio do 2007, deron como resultado a sospeita de contaminación das augas do río Chamoselo. Ditas análises chegaron ao Concello de As Pontes tras o cambio de goberno, e foron remitidos á Consellaría de Medio Ambiente (PSOE), polo actual grupo de goberno da vila (PSOE), sen ter máis novas ao respecto até a aparición dos reos mortos na zona baixa do río Eume, en Pontedeume, coa conseguinte denuncia da Sociedade de Pescadores de Caaveiro, aló polo 15 de xuño de 2008. A partires desa denuncia van aparecendo novas na prensa dos diarios da comarca que nun primeiro momento desminten calquer relación entre as obras da autovía e o desastre para, 20 días despois, darlle a volta e afirmar que nese problema fica a causa da mortalidade do río, causando a baixada do PH até límites que provocan a non potabilidade da auga para o consumo humano e a morte dos peixes.

Unhas análises feitas por un grupo de pescadores mostran como dende a confluencia do río Chamoselo co Eume, o PH oscila dende 3.4 até 5.0 na cola do pantano e 4.76 no coto de Ombre, cando o normal é preto de 7.0 Compre destacar que o BNG mantivo unha actitude de preocupación neste tema, catalogado como CATÁSTROFE, nos concellos do Eume.

Tamén fixo unha pregunta a través do deputado Fernando Blanco no Parlamento de Galiza, na que salientou que hai un informe de hai máis dun ano elaborado por un laboratorio privado sobre a situación do río.

Dende Galiza Nova de As Pontes, Pontedeume e Cabanas non se entende como se puido manter esa actitude de pasividade ante unha situación de degradación dos nosos ríos, constatada por informes en poder da Administración pública, e consideramos que urxe unha acción decidida e inmediata para pór freo aos verquidos continuados nesa zona, así como a esixencia de claridade das administracións locais e galega e a aplicación de solucións urxentes para devolver a vida aos ríos destruídos.

Agardamos tamén que tras esta catástrofe aparezan os responsábeis. Galiza Nova non vai ficar calada; a mocidade do Eume non pode deixar que se xogue co seu futuro. Todos sabemos a importancia económica e medioambiental dos nosos ríos, e loitaremos por ela.

Así o recolle a prensa

A nova en Radio Voz (11/08/08) (escoita aquí)

A nova en La Opinión (12/08/08) (ler)

A nova en La Voz de Galicia (12/08/08) (ler)

A nova en GZnación (12/08/08) (ler)

A nova en La Opinión (13/08/08) (ler)

sexta-feira, 8 de agosto de 2008

Concerto 20 aniversario


Dende Galiza Nova de Cabanas e Galiza Nova de Pontedeume organizamos para o vindeiro 22 de agosto ás 23.00h un concerto na Sala Coliseo de Pontedeume para celebrar o 20 aniversario da organización xuvenil na comarca de Ferrolterra.

As actuacións correrán a cargo dos grupos The Arradios e Arenga, de San Sadurniño e Pontedeume, respectivamente, sendo a entrada totalmente gratuíta!

Como chegar?

A Sala Coliseo atópase na Rúa dos Ferreiros de Pontedeume. É moi doado dar con ela! Na seguinte imaxe está marcada a súa posición. Para aparcar, o máis sinxelo e procurar un sitio na Avda Ricardo Sánchez ou na Zona Portuaria.

Máis info?

Se desexas máis información, non dubides en poñerte en contacto connosco deixando un comentario nos blogues de Galiza Nova ou enviando un correo electrónico a galizanovacabanas@gmail.com ou gznovapontedeume@gmail.com

Queres o cartaz?

Se queres ter o cartaz, fai clic co botón dereito na seguinte ligazón e selecciona "Gardar como" CLIC CO BOTÓN DEREITO AQUÍ

quinta-feira, 7 de agosto de 2008

Descarga un fondo de escritorio conmemorativo dos 20 anos de Galiza Nova!

Xa podes descargar un fondo de escritorio conmemorativo dos 20 anos de Galiza Nova!

Só tes que clicar co botón dereito na seguinte ligazón, e escoller a opción de "Gardar como..." para descargala!

CLIC AQUÍ CO BOTÓN DEREITO

quarta-feira, 6 de agosto de 2008

O BNG eleva ao Parlamento a pregunta sobre toponimia proposta por Galiza Nova de Cabanas

Fernando Blanco e Bieito Lobeira, deputados do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego presentaron unha pregunta (solicitando resposta por escrito) en relación co uso de topónimos deturpados no apeadoiro de Cabanas, feito denunciado por Galiza Nova.

O ADIF (Administrador de Infraestructuras Ferroviarias), empresa pública estatal encargada da xestión do tránsito nos camiños de ferro, ven de instalar recentemente no apeadoiro do Concello de Cabanas, unha marquesiña na que figuran en grandes caracteres e nos dous sentidos de circulación os topónimos deturpados "Cabañas" e "Arenal".

É evidente que esta actuación vulnera a legalidade vixente, comezando pola Lei de Normalización Lingüística.

Estas son as razóns que levan ao BNG a formular as seguintes preguntas, para a súa resposta escrita:

1) Que avaliación realiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre a utilización de topónimos galegos deturpados por parte de ADIF, no noso propio país?

2) Que medidas concretas se adoptarán para permitir que no apeadoiro de Cabanas se cumpra a legalidade lingüística?

Haberá que agardar agora cal vai ser a resposta do Parlamento de Galiza. Pola súa banda, dende o Concello de Cabanas inda non houbo resposta á pregunta presentada por escrito por parte de Galiza Nova...