domingo, 30 de março de 2008

Axudas ao autoemprego

Dentro do marco de axudas ao autoemprego de persoas con discapacidade, ven de haber unha actualización que inclúe novas axudas.

Para saber máis, descárgate o arquivo pdf con toda a información facendo clic aquí

sábado, 29 de março de 2008

Acción de Verán (de 18 a 35 anos)

Dende a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, no marco da campaña de Verán 2008, queremos presentarvos unha serie de actividades de tempo libre específicas para maiores de 18 anos e até os 35 como máximo.

Condicións

- Os/as posuidores/as do carné xove ou carné máis terán un 25% de desconto sobre os prezos de folleto

- Os/as posuidores/as de título de familia numerosa teredes un 50% de desconto.

- Ambos descontos non son acumulábeis.

- Os desprazamentos até as instalacións correrán pola conta dos interesados.

Reserva de prazas

Só se poden reservar 2 prazas.

As reservas pódense facer a partir do 25 de marzo, ben persoalmente ou ben por teléfono na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e nos servizos de xuventude nas delegacións provincias da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Unha vez efectuada a reserva, teredes 24 horas para presentar en calquera das devanditas oficinas admistrativas a seguinte documentación:

- Xustificante do pagamento

- Fotocopia do Documento de Identidade

- Fotocopia do carné xove/máis, se procede

- Xustificante de familia numerosa, se procede

Naturalmente Galiza

Naturalmente Galiza é un programa ambiental de saídas de fin de semana que inclúe itinerarios de sendeirismo de dificultade media, roteiros en kaiak e en bicicleta, actividades multiaventura e de interpretación do noso patrimonio natural, arqueolóxico e etnográfico. O obxectivo é fomentar o coidado do ambiente e gozar da paisaxe e do contacto coa natureza.

Destinatarios

Programa dirixido a persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos

Número de prazas

22 persoas por grupo cada fin de semana, agás na Ruta do Ouro, na que serán só 16 os participantes

Cota de inscrición

30 euros, agás para os/as pouidores/as do carné xove ou carné máis, que obterán un 25% de desconto

Os prezos inclúen aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, actividades con monitor-guía, seguros de accidentes e de responsabilidade civil. Non inclúen o desprazamento até o punto de partida e o lugar onde se desenvolve a actividade

Inscricións

As preinscricións poderanse efectuar persoalmente na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade ou chamando aos teléfonos 981.545.702, 981.545.937 ou 981.544.869.

Documentación necesaria

- Fotocopia do Documento de Identidade

- Xustificante do pagamento

- Fotocopia do carné xove/máis, se procede

Máis información sobre as rutas

En formato pdf, para descargar

En formato web, para visualizar en liña

sexta-feira, 28 de março de 2008

Apróbase por unanimidade a moción de transporte presentada por Galiza Nova en Cabanas

No pleno ordinario celebrado o pasado mércores 26 de marzo no concello de Cabanas, aprobouse por unanimidade dos grupos a moción de transporte presentada por Galiza Nova.

En dita moción pedíanse acadar os seguintes acordos:

1.-Solicitar da Xunta de Galiza que inste ao goberno do Estado ao estabelecemento do servizo ferroviario de proximidade en Galiza, nomeadamente no Eixo Atlántico, e a súa posterior transferencia a esta comunidade.

2.-Instar á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte a que revisen as concesións das liñas que afectan ao noso concello para a que se aumenten as seguintes frecuencias:

Soaserra - A Coruña (Arriva), con dous servizos de luns a venres (8.30h e 17.00h), un os sábados (17.00h) e un os domingos (20.10h) de ida e dous servizos de luns a sábado (13.30h e 18.00h) e un o domingo (14.00h) de volta

Soaserra – Salto – Regoela – Ferrol (Autos Capela) con cinco servizos de luns a venres (7.30h, 9.45h, 12.15h, 15.40h e19.30h), catro os sábados (7.30h, 12.15h, 15.40h e 19.30h) e ningún os domingos de ida e con catro servizos de luns a sábado (11.30h, 14.30h, 18.30h e 20.30h) e ningún os domingos de volta.

Laraxe – Ferrol (Arriva) con cinco servizos de luns a venres (7.15h, 7.40h, 12.20h, 16.20h e 20.20h) e catro os sábados e domingos (7.40h, 12.20h, 16.20h e 20.20h)

Laraxe – A Coruña (Arriva) con seis servizos de luns a venres (9.20h, 13.20h, 14.40h, 17.20h, 22.05h e 22.45h), cinco os sábados (9.20h, 13.20h, 17.20h, 22.05h e 22.45h) e catro os domingos (13.20h, 17.20h, 22.05h e 22.45h)

Cabanas (Areal) – Ferrol (RENFE) con tres servizos de luns a venres (7.28h, 15.37h e 21.26h) e tres os sábados e domingos (11.52h, 15.37h e 21.26h)

Cabanas (Areal) – A Coruña (RENFE) con tres servizos de luns a venres (7.17h, 14.51h e 20.41h) e tres os sábados e domingos (10.15h, 14.51h e 20.41h)

3.-Instar á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte a que se rebaixe o prezo dos billetes tanto do transporte ferroviario coma no de transporte por estrada nos traxectos con orixe ou destino ao noso concello.

4. -Instar á Consellaría de Política Territorial Obras Públicas e Transporte á potenciación da intermodalidade entre o transporte colectivo por estrada e o transporte ferroviario, conectando as estacións e os apeadeiros ferroviarios coas liñas de autobuses.

Galiza Nova pregunta pola aula de informática da Escola Laica

Galiza Nova pregunta sobre o peche da aula de informática da Escola Laica

A organización nacionalista faise eco do malestar da mocidade cabanesa ante o peche da aula de informática polo goberno do PP

Galiza Nova vén de trasladarlle ao BNG de Cabanas as queixas das mozas e mozos do Concello en relación co peche inxustificábel da Aula de Informática ao uso público coa que conta o Concello, xa que deixa sen os servizos de Internet e de equipos informáticos á mocidade cabanesa. Estes recursos achegounos a Deputación Provincial da Coruña a través dunha subvención hai dúas lexislaturas, nun proxecto de "Alfabetización Dixital", iniciativa que ten como obxectivo a achega das novas tecnoloxías a tódolos cidadáns por igual.

Iago Varela, representante de Galiza Nova, pensa que "Situados de pleno no mundo dixital, o acceso a Internet ten que ser un dereito universal, e non só un privilexio ao alcance duns poucos". Recorda ademais, que "nun Concello no que a implantación da banda ancha é moi limitada, o peche dun ponto de acceso á rede supón que a mocidade teña que pagar ou usar os servizos doutras localidades do contorno".

Malia que se anuncie na páxina web do local (http://escolalaica.concellodecabanas.com) que "Todo o que se achegue as nosas instalacións pode ter acceso a internet a través dos equipos cos que contamos", a realidade afástase desa información, xa que o Concello non conta con persoal para permitir o acceso libre á aula de informática fóra dos cursos programados.

O Grupo municipal do BNG, a través do seu portavoz, Xosé Manuel Pérez Sardiña, valora positivamente esta demanda social achegada por Galiza Nova xa que se trata dun servizo básico que na pasada lexislatura foi aproveitado pola veciñanza de Cabanas para ampliar os seus coñecementos informáticos, buscar emprego, realizar traballos académicos e consultar sobre información diversa. Sardiña di que "o goberno do Partido Popular practica a 'política do peche' e do recorte de servizos demandados pola poboación, estamos ante un novo despilfarro e estrago dos recursos achegados pola Deputación". O portavoz municipal do BNG coida que o PP improvisou nos orzamentos de 2008, posto que non prevé persoal para a atención permanente da aula fóra das actividades docentes e non tivo en conta que "a difusión das novas tecnoloxías é fundamental nos tempos de hoxe". Recalcou ademais que "resulta prioritario para o BNG atender a xusta demanda da sociedade e propoñer a apertura da Escola Laica ao público".

Esta é a vosa casa: pasade

Benvidas e benvidos a este novo espazo na rede!


Resúltanos enormemente grato darvos a benvida a este recuncho da rede, que nace co propósito de facer chegar a toda a xuventude en xeral, e á do concello de Cabanas en particular, toda a información sobre as nosas actividades e iniciativas, así como tamén sobre outras cuestións que poidan ser de interese para a mocidade.

De seguro, moitos de vós xa coñecedes o que é Galiza Nova, pero por se acaso alguén se despista, recordarvos que Galiza Nova é a organización da mocidade do Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Galiza Nova é unha organización ampla, plural e democrática, que adopta as súas decisións tras un amplo proceso de debate aberto a toda a militancia. O noso funcionamento, baséase no asemblearismo, estructurándonos en agrupacións locais e comarcais.

O máximo órgano de goberno é a Asemblea Nacional, que se celebra cada dous anos, e á que ten direito a asistir toda a afiliación.

Reivindicamos unha Galiza soberana, aspiramos a unha sociedade cualitativamente distinta, que supere as inxustizas da actual, e onde a igualdade e a democracia sexan reais. Queremos garantir unha mellora nas condicións de vida e benestar social para a mocidade e para o conxunto das galegas e dos galegos.

Defendemos que as relacións entre as diferetes nacións do mundo se fundamenten na igualdade e solidariedade internacionalista. Unha política anti-imperialista é o garante dun futuro mellor para a humanidade. Por todo o dito é o momento de que todos e todas botemos unha man a esta importante tarefa.

Tal e como se expresa no título desta primeira entrada, esta é a vosa casa. Animámosvos a participar activamente aportando suxerencias e facéndonos chegar as vosas inquedanzas, para lograr que Cabanas avance.

Adiante!