terça-feira, 29 de abril de 2008

Por que lle tes medo ao galego? Atrévete!

Galiza Nova ven de pór en marcha unha campaña a nível nacional sobre o galego, baixo o lema: "Por que lle tes medo ao galego? Atrévete!"


Un ano máis chega o día das Letras Galegas e moitas institucións, medios de comunicación e mesmo a nível social, económico, político e cultural e moitos e moitas lembran que en Galiza existe unha lingua propia e deciden adicarlle un espazo, tratándoa coma unha reliquia que non merece máis ca unha mención nese día nos medios de comunicación ou noutros ámbitos de onde fica totalmente ausente o resto do ano.


Que pasa coas lectoras e lectores galegofalantes que temos dereito á información na lingua de noso? Que pasa cando queremos estudar en galego? Que pasa cando queremos ver cinema en galego? Que pasa cando uns pais queren educar ás súas fillas e fillos na lingua propia? Que pasa cando calquera de nós quere dirixirse na nosa lingua á administración galega ou estatal con sede en Galiza?


Estas preguntas son o exemplo de que a día de hoxe vivimos nun país no que non se garante o dereito a poder desenvolver a nosa vida integramente e con naturalidade en galego. A raquítica lexislación a respecto da lingua fica totalmente incumprida na maioría dos casos e as e os galegofalantes vense desprezados e obrigados a esixir o respecto polos nosos dereitos lingüísticos ou a facer uso do español para axilizar determinados trámites coma un casamento, a realización de exames sen opción en galego para traballar en empresas coma Correos...


Por moito que na Carta Europea das Linguas ou na Constitución Española se recolle que ningunha persoa será discriminada por razón de lingua o certo é que tódolos días no noso país coñecemos casos de discriminación polo uso do galego. Malia que nos últimos naos se tivese avanzado na aprobación de leis que camiñaran cara a normalización do noso idioma a realidade é que son poucos os mecanismos que se veñan articulado para que se leven á práctica e é pouca a vontade política de quen ten a responsabilidade de efectivizalas e velar polo seu cumprimento. Despois do cambio de goberno na Xunta do Partido Popular seguimos sen visualizar un compromiso claro de non repetir os erros da anterior política lingüística pro parte do PSOE na Dirección Xeral de Política Lingüística que é o departamento competente para impulsa-la normalización do galego. Consideramos que a aprobación de decretos como o Decreto do uso da lingua galega no ensino 124/2007 son positivos pero non son suficientes, pois o cumprimento de que no ensino secundario se imparta como mínimo a metade do horario lectivo en galego dista moito de ser realidade na práctica totalidade dos centros de ensino. Medidas como a creación das Galescolas para a escolarización en galego de nenas e nenos de 0-3 anos ou outras iniciativas impulsadas polo BNG deben ser o camiño a seguir para o impulso do galego dende as administracións públicas.

Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, sempre defendimos o nosos dereito a poder desenvolve-la nosa vida en galego e reivindicamos o dereito de todas e todos os galegos a utiliza-la nosa lingua en calquera ámbito sen ningunha traba ou discriminación, no ensino, no lecer, no traballo, no deporte, nos medios de comunicación, na rede... Por iso, convidámoste a que participes connosco deste obxectivo porque o mellor xeito de contribuír á normalización da nosa lingua a nível colectivo é tamén o compromiso de cada un de nós a nível individual durante tódolos días do ano, utilizando o glaego de xeito consciente e esixindo o cumprimento da lexislación para a súa normalización. Xa que logo, animámoste a que te sumes a nós.

Atrévete coa nosa lingua. Na Galiza, sempre en galego!

Domingo 18: MANIFESTACIÓN

Polo dereito a vivirmos en galego

12.00h na Alameda de Santiago

O BNG leva ao Congreso o debate do aborto

O Bloque Nacionalista Galego levou ao Congreso dos Deputados unha proposición de lei para modifica-la actual lexislación sobre a interrupción voluntaria do embarazo e aprobar unha lei de prazos que garanta o dereito ao aborto libre durante as 16 primeiras semanas de xestación, así como o feito de que se poda realizar de xeito totalmente gratuíto na rede de centros sanitarios públicos e contando con persoal e medios técnicos necesarios.

Con esta iniciativa cúmprese unha das principais porpostas programáticas do BNG nas últimas eleccións xerais, así como da asemblea de Mulleres de Gaiza Nova, facéndose máis imprescindíbel ca nunca a súa aprobación debido ás últimas persecucións de mulleres que no seu día decidiran interrumpi-lo embarazo

sexta-feira, 18 de abril de 2008

GZCrea 2008

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade convida a tódalas mozas e mozos de Galiza a participar no GZcrea, un certame orientado a novos creadores, que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, moda, música, relato, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, cartaces, videoclips, composicións para banda de música e deseño de xoias.

Poden participar os mozos e mozas galegos/as ou residentes en Galiza, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no 2008. Non poden participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio na mesma especialidade no anterior certame.

Podedes atopar máis información dende aquí

sexta-feira, 11 de abril de 2008

segunda-feira, 7 de abril de 2008

29 de abril, folga estudantil!


Galiza Nova de Cabanas quer apoia-la convocatoria de folga estudantil convocada polos Comités Abertos de Escola e Facultade (CAF) para o vindeiro 29 de abril.

Os CAF mobilizan unha vez máis ao estudantado galego polos seguintes motivos:

1. Porque a Consellaría de Educación ten intención de volver subi-las taxas para o vindeiro curso, o sétimo por riba do IPC, e mante-los recargos por sucesivas matrículas.

2. Porque as bolsas non están sendo efectivas nun acceso igualitario ao ensino superior.

3. Porque pagamos máis por menos e peores servizos.

4. Porque é mentira que estas subidas non se noten: en tan só 5 anos subiu máis de 120 euros.

5. Porque o Estado segue a ser quen fixa o incremento mínimo do IPC estatal.

6. Porque o financiamento das universidades ten que incrementarse con cargo a un PLANO DE FINANCIAMENTO e non aos prezos públicos.

Ante as continuas agresións que está a sufri-la nosa Universidade como servizo público, o mecanismo máis efectivo para para-las consecuencias máis nocivas da creación do Espazo Europeo de Educación Superior son: a conxelación das taxas de matrícula, que os posgraos teñan o mesmo prezo que os graos e a garantía dun financiamento público suficiente para as universidades galegas.

terça-feira, 1 de abril de 2008

Homenaxe a Curros Enríquez

O próximo sábado 5 de abril, Galiza Nova participará no acto cívico de Homenaxe a Curros Enríquez na Coruña.

O acto consistirá nun cortexo de honra que partirá dende o cemiterio de San Amaro até os Xardíns de Méndez Núñez para comemorarr o centenario da morte do ilustre patriota celanovés.

No mesmo, actuarán as corais Follas Novas, Cántigas da Terra, El Eco, Toxos e Frores e organizao a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.