sexta-feira, 27 de fevereiro de 2009

Galiza Nova presenta en rolda de prensa o programa de mocidade

A organización xuvenil do Bloque desenvolverá estes días na comarca unha campaña orientada a que “o BNG lidere o goberno galego”.

O Responsábel Comarcal de Galiza Nova e Candidato ao Parlamento de Galiza, Iago Varela Martínez, presentou onte en rolda de prensa o programa de mocidade do Bloque Nacionalista Galego.

Iago Varela lembrou que a Xunta de Galiza impulsou nestes últimos anos medidas que viñan sendo demandadas pola poboación xuvenil. “Coa entrada do BNG no Goberno da Xunta, a mocidade comezou a ter un espazo propio e ben definido, mentres que cos gobernos do PP era un dos sectores máis desprotexidos”.

Tendo en conta a situación económica, para Galiza Nova é unha prioridade pular por un traballo digno. Por iso dende o BNG desenvolverase un Plano de Emprego Xuvenil, para materializar o dereito a un traballo no propio país, e o Salario Social, destinado á xente que procura o seu primeiro emprego tras un período de formación.

O traballo a prol dun ensino “realmente público”, a consolidación da Rede de Centros Quérote e Locais de Ensaio, a elaboración dun novo lano de Financiamento da Universidade ou a mellora do transporte público, son outros dos retos do BNG en materia de xuventude.

Esta presentación enmárcase dentro da campaña que Galiza Nova levará a cabo durante esta semana, “traballaremos para que o vindeiro un de marzo a xente nova aposte por Anxo Quintana para presidir a Xunta de Galiza, porque é o único candidato que porá á mocidade no centro da súa atención” sentenciou Iago Varela.

quarta-feira, 25 de fevereiro de 2009

A forza que Galiza precisa



No ano 2005, comezouse a escribir unha nova etapa na historia de Galiza. A chegada do BNG ao goberno da Xunta de Galiza, trouxo un cambio positivo que rachou con 16 anos de políticas nefastas para os intereses de Galiza e da súa mocidade.

Desterramos os discursos paternalistas e os prexuízos que criminalizaban as formas de expresión da xente nova. O BNG púxolle voz ás demandas de tantos anos do colectivo xuvenil e elevou o status das políticas xuvenís, poñéndoas no centro das prioridades do Goberno Galego. Ao longo destes tres anos e medio, o nacionalismo galego desenvolveu unha acción política transformadora encamiñada a defender os intereses da maioría social de Galiza e concretamente da xente nova, con medidas concretas:

Puxemos en marcha a Rede Galega de Locais de Ensaio (Nsaio), con máis de 30 locais en vilas e cidades para a creación musical da xente nova en Galiza.

Creamos a Rede de centros de Asesoramento Afectivo-Sexual, Quérote, nas 7 cidades e Burela, como espazos públicos que garanten o dereito de toda moza ou mozo a acceder de xeito gratuíto a un sistema de información e asesoramento en materia afectivo-sexual, rigoroso, científico e confidencial.

A través da Consellaría do Medio Rural facilitouse que máis de 4.400 mozas e mozos se incorporaran ao traballo no rural, o que supón tres veces máis que en toda a lexislatura anterior.

Desenvolvemos unha política de rehabilitación, alugueiro e construción de vivenda protexida destinada a facer realidade o dereito á vivenda digna.

Creamos axudas para a xente nova que estuda ciclos formativos a máis de 50km do seu domicilio, que até o de agora non existían.

Desenvolvemos políticas a través da Consellaría de Innovación e Industria facéndolle contratos de traballo ás novas e novos investigadores.

Impulsamos o desenvolvemento dos partidos das seleccións deportivas de Galiza tanto masculinos como femininos en fútbol, baloncesto, balonmán... e apoiamos o deporte de base a través das escolas deportivas onde participan milleiros de mozas e mozos.

Pero precisamos máis. No BNG aspiramos a continuar o proceso que comezamos para que as transformacións sexan máis profundas. Non queremos volver ao pasado, queremos máis avanzos. Como mozas e mozos queremos ter garantido o noso futuro, tamén o noso presente, e o dereito a poder traballar e vivir na nosa propia terra desenvolvendo todas as nosas aspiracións e potencialidades. Por iso precisamos de máis BNG no goberno galego. Precisamos do teu apoio para poder desenvolver integramente o noso programa:

Aprobar e desenvolver a Lei Galega da Mocidade, como instrumento que permita elevar o rango das políticas xuvenís.

Impulsar a elaboración dun Plano Plurianual de Emprego Xuvenil, para garantir o dereito da mocidade galega a ter un posto de traballo digno no país.

Crear o salario social, destinado a todas as persoas desempregadas, priorizando a aquelas que, após dun período de formación, bucscan o seu 1º emprego e que na actualidade non perciben ningún tipo de proteción social. Esta medida xeraría un chanzo mínimo por debaixo do cal ningún mozo ou moza estaría disposto a aceptar un traballo evitándose as contratacións en precario.

Incorporar a 5.000 investigadores e tecnólogas/os novos ao sistema galego de I+D+i, creando unha modalidade específica para persoas con titulación da Formación Profesional.

Incrementar a oferta pública de vivendas protexidas tanto en réxime de alugueiro como de compra, reservando unha porcentaxe do 35% con adxudicación preferente á mocidade.

Impulsar, a través de acordos coas Universidades e os Concellos, a construción de vivendas para o seu aluguer nos campus universitarios sen residencia pública, ou cunha oferta menor ao 10% do alumnado, primando as rendas máis baixas na súa adxudicación.

Aumento do financiamento dos centros públicos e eliminación dos concertos educativos co ensino privado.

Cumprimento do Decreto 124/2007 que regula o uso do galego no ensino e creación dun organismo entre a Xunta de Galiza e as tres universidades, tal e como establece o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, encargado da planificación, desenvolvemento e seguimento dunha política lingüística universitaria en Galiza.

Reorganización da oferta de formación profesional e bacharelatos a fin de adaptala ás necesidades de Galiza.

Elaboración dun novo Plan de financiamento plurianual das Universidades Galegas, que permita reducir o peso das taxas no financiamento e conxelalas nos vindeiros cursos.

Conquerir a transferencia da competencia plena en materia de bolsas para a Xunta de Galiza, redefinindo os criterios de concesión a fin de darlle máis peso aos criterios económicos que aos académicos e axilizando a súa concesión.

Establecemento de prezos públicos para os estudos de posgrao así como creación dunha política de bolsas públicas para cursalos.

Extensión da gratuidade do transporte ao estudantado de Bacharelato.

Reforzo do programa de transporte nocturno. Incremento de liñas e ampliación da cobertura ao conxunto do territorio galego non centrándoo exclusivamente en período vacacional.

Asinar convenios entre a Administración e as compañías aseguradoras co fin de abaratar os prezos dos seguros para a mocidade.

Consolidación e ampliación da Rede Galega de Locais de Ensaio creada na pasada lexislatura.

Remate e consolidación da Rede de Centros Quérote garantindo como mínimo a existencia dun Centro Quérote en todos os concellos de máis de 35.000 habitantes.

Ampliación do número de unidades especializadas para o tratamento de trastornos alimenticios dentro do SERGAS, proporcionando unha cobertura adecuada a todo o territorio galego.

Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, queremos que te sumes a nós para que Galiza teña máis avanzos. Para continuar a facer de Galiza un país máis xusto, máis próspero, con máis autogoberno e máis benestar para a xente nova. Unha Galiza orgullosa da nosa identidade pois só asó, sendo nós mesmos, poderemos ter un papel relevante no Estado e no mundo. Unha Galiza que crea na nosa capacidade para xerar riqueza e futuro para a sociedade galega, para as súas mozas e mozos. Unha Galiza para traballar, producir, e vivir con dignidade.

Hai catro anos, as mozas e mozos quizemos rachar co pasado en Galiza. Fomos decisivos para que o nacionalismo gobernase no noso país con capacidade e valentía. O día 1 de marzo temos que ir votar. Hai que non quere que sigamos a avanzar. Pero as mozas e mozos ímoslles contestar co noso voto. Non imos quedar caladas nen calados.

Porque se a mocidade vota BNG, Galiza gaña!

quinta-feira, 19 de fevereiro de 2009

Mitin en Cabanas

Mañá venres 20, ás 20.00h na Escola de Lavandeira, mitin do Bloque Nacionalista Galego.

Contará coas intervencións de

Xosé Manuel Pérez Sardiña, Voceiro do Grupo Municipal do BNG

Xoán Carlos Bascuas, Delegado da Consellaría de Vivenda

Iago Varela Martínez, Candidato por A Coruña

terça-feira, 17 de fevereiro de 2009

sexta-feira, 13 de fevereiro de 2009