quarta-feira, 14 de outubro de 2009

Galiza Nova QUERE GALEGO!

Galiza Nova de Cabanas, como non podería ser doutro xeito, participará o vindeiro domingo 18na manifestación que convoca a plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela.

Para facilitar a asistencia á mesma, haberá autobuses cara Santiago, que podes consultar clicando aquí.

Alén da manifestación, dende Queremos Galego proponse a seguinte Iniciativa Lexislativa Popular, que podes apoiar aquí:

Proposta de Iniciativa Lexislativa Popular
pola Garantía dos Dereitos Lingüísticos

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Estatuto de autonomía de Galicia estabelece no seu artigo 5.º que “a lingua propia de Galicia é o galego” e que “os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”. Para facer efectivos estes dereitos a lei sinala que “os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, acadando así que ninguén sexa “discriminado por causa da lingua”.

A pesar do sinalado nesta norma, a realidade é que a lingua propia do país continúa sen ter garantida a presenza mínima do seu recoñecemento de oficialidade hai tres décadas, situándose a súa posición pública e institucional lonxe do mandado estatutario. Así, está ausente de boa parte da documentación e sinalizacións públicas, o dereito a recibir atención neste idioma carece de garantías reais e o sistema educativo non só non garante as competencias lingüísticas suficientes en galego, senón que incide no abandono do galego por parte de moitas nenas e moitos nenos.

Para rematar con este incumprimento estatutario é necesario que o Goberno galego adopte medidas para romper con esta situación tan inxusta e avanzar na normalización. As galegas e os galegos teñen que ter garantido o dereito a poderen vivir con normalidade na súa lingua na súa terra, sen discriminacións de ningún tipo, como prevé o Estatuto de autonomía no art. 5.

A liberdade das persoas que integran a sociedade galega só poderá ser efectiva cando o Poder Público dispoña os medios no sistema educativo para que todos e todas coñezan axeitadamente o galego e a Administración estea en condicións de dispensar os seus servizos na nosa lingua.

A Administración debe cumprir ademais o deber de fomento do uso do galego na vida pública para que mediante a súa visualización a lingua propia acceda a ámbitos institucionais e privados dos que tradicionalmente estivo excluída, transmitindo a mensaxe á sociedade de que a nosa lingua é válida para calquera situación da vida diaria. Cúmprese así co deber constitucional previsto no art. 9.2. da Constitución española de crear as condicións para facer efectiva a igualdade das persoas, promovendo a lingua que está en condicións de desvantaxe social –como amosa a evolución dos Mapas sociolingüísticos elaborados pola Real Academia Galega–, fundamento das leis protectoras e fomentadoras do galego.

Estas medidas teñen que ir no camiño dos consensos acadados nestes anos, como a aprobación en 1996 da Declaración universal de dereitos lingüísticos, a ratificación en 2001 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, monitorizada polo Consello de Europa, e a aprobación en 2004 do Plan xeral de normalización da lingua galega.

TÍTULO ÚNICO

Artigo 1.- O Goberno galego, en cumprimento da obriga estabelecida no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, fará plenamente efectivos os dereitos das galegas e dos galegos a utilizaren o idioma propio do país.

Artigo 2.- O Goberno galego garantirá que toda a sinaléctica, información e documentación administrativa que reciban os cidadáns e as cidadás en todos os ámbitos administrativos da Xunta, ou en calquera ámbito participado por ela, incluídas todas aquelas entidades xurídicas que prestan servizos dependentes daquela, estean en galego.

Artigo 3.- O Goberno galego garantirá que todos os seus servizos, e os de calquera entidade participada por el, incluídas todas aquelas que os prestan dependendo da Xunta, serán prestados en galego a todos os cidadáns e cidadás. O persoal das entidades dependentes da Xunta ha tomar a iniciativa dirixíndose e manténdose en galego cara ao público, coa excepción daquelas ou daqueles que soliciten seren atendidos en castelán. Así mesmo, todos os cargos públicos e os dos organismos e entes autonómicos, sociedades públicas e institucións dela dependentes farán uso público, tanto oral como escrito, de xeito sistemático, da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade.

Artigo 4.- O Goberno galego garantirá que o dereito a usar e recibir información, documentación etc na lingua propia do país non supoña ningún tipo de discriminación, demora na prestación do servizo ou deturpación lingüística por parte da Administración galega ou os seus representantes.

Artigo 5.- O Goberno galego adoptará as medidas necesarias para garantir o dereito a recibir o ensino en galego por parte de todo o alumnado ao menos nun 50% do horario escolar en cada curso en todas as etapas educativas, de acordo co sinalado no Plan xeral de normalización da lingua galega.

Disposición Transitoria.- O Goberno galego deberá adoptar cantas medidas sexan precisas para lle dar cumprimento ao disposto nos artigos 2 e 3 nun prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición Final.- A presente lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.