quarta-feira, 16 de junho de 2010

Mobilízate o 17 de xuño! Contra o paro xuvenil, a precariedade e a reforma laboral!

Tal e como fixemos o pasado 8 de xuño apoiando a folga no sector público contra o Plan de Axuste presentado polo goberno do Estado, co que se pretende recortar o déficit público a cambio de facer recaer as consecuencias da crise entre as maiorías sociais con medidas contraproducentes e inxustas, Galiza Nova estará presente nas mobilizacións convocadas pola CIG para o vindeiro xoves 17 de xuño nas diferentes cidades do país, saíndo a da nosa comarca da Avenida de Esteiro (local da CIG) (Ferrol) ás 20.00 horas.

Con esta convocatoria queremos amosar o noso rexeitamento ao decreto de reforma laboral presentado desde o goberno do Estado, que será refrendado polo Consello de Ministros do mércores 16 de xuño. Desde o goberno do Estado, ameázannos agora cunha nova reforma laboral regresiva que ten como eixos centrais o abaratamento do despido e a perda dos dereitos do conxunto das traballadoras e traballadores e, co aplauso da patronal, propóñense medidas como a ampliación dos 21 aos 24 anos os contratos de formación, condenando a milleiras de mozas e mozos a condicións de traballo de miseria, sen tan sequera garantías laborais, ao mesmo tempo que propoñen potenciar o papel das ETT's de xeito escandaloso, en detrimento dos servizos públicos de emprego.

Do mesmo xeito, o PSOE propón seguir coa política de bonificacións á contratación de xente nova, sen que se tiveran producido melloras no emprego xuvenil nos últimos anos e pola contra se desbaldiran millóns de cartos públicos.

Asi mesmo, na nosa nación o Partido Popular desde o goberno da Xunta de Galiza, está a aplicar as mesmas medidas de recortes impulsadas a nivel estatal, acompañándoas do desmantelamento dos servizos públicos como a sanidade, o ensino ou o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, dilapidando millóns de cartos públicos, e sen poñer en marcha nin unha soa medida a nivel laboral, en máis dun ano de goberno.

Desde Galiza Nova consideramos que o futuro de Galiza e da xente nova pasa por un cambio nas políticas sociais e económicas, de maneira que se aposte por un modelo produtivo que xere riqueza e emprego a partir da potencialidade da base produtiva e industrial de Galiza. Así, opoñémonos ás medidas de axuste e á reforma laboral propostas polo Goberno do Estado, que xogan en contra da clase traballadora.

Por todo isto estaremos na rúa apoiando as mobilizacións do sindicalismo nacionalista e apoiaremos a convocatoria dunha Folga Xeral en defensa do traballo digno e na Terra e contra as actuais medidas económicas! Súmate a nós!

terça-feira, 1 de junho de 2010

Concentración de solidariedade con Palestina

Galiza Nova condena o ataque israelí que tivo lugar a pasada madrugada contra os barcos dunha expedición humanitaria que levaba axuda á poboación palestina, rompendo o bloqueo do estado de Israel á franxa de Gaza. Este ataque, contra civís desarmados, no que máis unha vez o estado sionista de Israel vulnera o direito internacional e os direitos humanos tivo como resultado máis dunha ducia de vítimas mortais ademais de perto de 30 feridos.

Por iso, facemos un chamamento á mocidade galega a participar das concentracións que terán lugar este martes 1 de xuño nas diferentes cidades do país para defender unha vez máis o dereito do pobo palestino á súa soberanía e para demandar a actuación urxente da UE e da comunidade internacional para pór freo ás agresións do estado de Israel esixíndolle responsabilidades polos seus actos criminais. En Ferrol será ás 20.30h diante do Edificio da Xunta.

Ademais, á mesma hora terán lugar as concentracións de A Coruña (no Obelisco), Santiago de Compostela (Praza do Toural), Lugo (diante do Concello), Pontevedra (Praza da Peregrina) e Vigo (diante do Marco).