sexta-feira, 14 de novembro de 2008

26 de novembro, folga estudantil: PAREMOS AS AGRESIÓNS CONTRA O GALEGO

Hai dous anos xa houbo un paro xeral nos institutos para reivindicarlle á Consellaría de Educación que tomase medidas en defensa do galego no ensino. O éxito desa folga, coa participación de máis de 60.000 estudantes segundo datos oficiais, foi fundamental para que a Consellaría de Educación tivese que elaborar unha nova norma de galeguización do ensino, o decreto 124/2007.

Comezado un novo curso, vemos con preocupación como se esfarelan as boas expectativas que había sobre a aplicación deste decreto. A realidade é que:

  • Na maior parte dos centros non se cumpre coa lexislación;
  • a Consellaría de Educación aínda non fixo públicos datos nin avaliacións reais sobre o grao de aplicación do decreto no curso pasado (malia o propio decreto indicar que ten que facerse);
  • seguen sen pórse en funcionamento as medidas e os medios demandados desde a comunidade educativa.

Todos os adiantos experimentados pola nosa lingua foron sempre froito da reivindicación, moitas veces protagonizada pola xente nova. Visto que é a saída que nos deixan, dende Galiza Nova, a Mocidade pola Normalización Lingüística e os Comités facemos un chamamento a parar as aulas o vindeiro 26 de novembro. Pararemos a inactividade da Consellaría de Educación. Pararemos as agresións ao idioma de Galiza.

Preocúpanos moito tamén a vaga de declaracións e accións contra a lingua do país que se están producindo case a diario desde os sectores máis reaccionarios. Teledirixidos por poderosos grupos económicos, políticos e mediáticos de fóra de Galiza, din defender cinicamente o “bilingüismo” e a “liberdade” cando na realidade só pretenden seguir marxinando o noso idioma, mantelo desamparado e, finalmente, facelo desaparecer.

Pararemos os institutos para dicirlle a eses grupos que os estudantes de Galiza defendemos o noso idioma. Falemos castelán ou falemos galego, queremos que se tomen medidas de apoio a un vínculo que nos une como galegas e galegos, que é unha riqueza común e un patrimonio para a humanidade.

Contra estes ataques que nos queren negar a voz e os dereitos tamén é necesario que nos movamos. Digámoslles que a inmensa maioría das galegas e dos galegos desexamos para o galego o mellor dos futuros. Porque garantir o futuro da nosa lingua é garantirmos o noso propio futuro.

segunda-feira, 3 de novembro de 2008

Galiza Nova mobilizarase coa CIG contra a crise

Galiza Nova que durante os seus vinte anos de existencia sempre defendeu a necesidade do cambio do actual modelo socioeconómico por outro máis xusto amosa o seu apoio á campaña posta en marcha pola CIG para denunciar aos responsábeis da actual situación da crise económica e as nefastas repercusións que as medidas tomadas polo goberno do Estado terán sobre as traballadoras e traballadores. Neste sentido Galiza Nova tamén secundará as manifestacións convocadas o 13 de novembro pola CIG en diferentes puntos do país. Vai a ler máis:

A Mariña: Saída ás 19:30 da Praza Maior de Viveiro
A Coruña: Saída ás 20:00 horas da Praza da Palloza.
Ferrol: Saída ás 19:30 da Avenida de Esteiro, diante do sindicato.
Lugo: Saída ás 20:00 h da Ronda da Muralla, diante do sindicato.
Ourense: Saída, ás 20:00 h do pavillón dos Remedios.
Pontevedra: Saída ás 20:30 h da Praza da ferrería.
Santiago: Saída ás 20:00 h da Praza Roxa.
Vigo: Saída ás 20:00 da Vía Norte.