segunda-feira, 16 de agosto de 2010

Día da Galiza Mártir en Ferrol

Galiza Nova de Ferrolterra, en colaboración co Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, levará a cabo unha homenaxe a todas as persoas asasinadas polo fascismo, coincidindo co Día da Galiza Mártir, que se celebra mañá, 17 de agosto.

O acto terá lugar no busto a Camilo Díaz Baliño, sito no Cantón de Molíns (Ferrol) ás 12.30h da mañá e contará coas intervencións de Iago Varela, Responsábel Comarcal de Galiza Nova e Xoan Xosé Pita, candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol.

segunda-feira, 9 de agosto de 2010

Concurso Pop - Rock Galiza Nova

Galiza Nova de Narón está a organizar un concurso pop-rock para o vindeiro mes de setembro, para dar a coñecer grupos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Bases do concurso:

1. A Asociación Xuvenil Galiza Nova, co fin de apoiar, promover e difundir a creación musical en lingua galega convoca un concurso musical nos ámbitos de pop-rock, que se rexerá polas bases seguintes:

2. Poderán participar todos aqueles grupos que teñan o seu local de ensaio nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e como mínimo un dos membros do grupo estea censado nalgún dos concellos que integran estas 3 comarcas:
2.1.- Ferrolterra: Ferrol, Ares, Fene, Mugardos, Neda, Narón, Valdoviño, As Somozas, Moeche, San Sadurniño, Cedeira.
2.2.- Eume: Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume, As Pontes.
2.3.- Ortegal: Cariño, Cerdido, Mañón, Ortigueira.

3. Non poderán participar aqueles grupos que na actualidade teñan un contrato discográfico en vigor.

4. A media de idade das formacións terá que estar comprendida entre os 16 e 35 anos, establecéndose os 16 anos como idade mínima.

5. Os grupos deberán interpretar temas propios nun tempo comprendido entre 15 e 30 minutos.

6. Para optar ao concurso, cada grupo deberá interpretar dous temas en lingua galega, que serán o principal criterio de valoración para optar aos premios.

7. Os temas en galego deben ser remitidos por escrito ao mesmo correo que se indica posteriormente para formalizar a inscrición, cando menos tres días antes da celebración do concurso.

8. A participación está limitada a un número máximo de 20. En caso de que este número sexa superado, crearase unha lista de espera por rigorosa orde de inscrición. Se a organización o estimase oportuno, poderase modificar o nº de prazas para garantir o bo desenvolvemento do concurso.

9. A organización asume a responsabilidade da admisión dos grupos que participarán no concurso e constituirá, mesmamente, o xurado que elixirá aos gañadores.

10. O xurado estará composto por membros da entidade organizadora e persoas relacionadas co mundo da música.

11. A data de para a celebración deste concurso é o sábado 25 de setembro a partir das 18h.

12. A orde de actuación dos distintos grupos será determinada pola organización.

13. Para formalizar a inscrición cada grupo deberá completar o formulario de inscrición proporcionado pola entidade organizadora e enviado ao seguinte correo electrónico narongalizanova@gmail.com.

14. Os premios consistirán en:
a. 1º clasificado: 1000 €. e a gravación dun videoclip.
b. 2º clasificado: 600 €
c. 3º clasificado: 400 €.

15. O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se o estimase oportuno.

16. O fallo do xurado será inapelábel e farase público ao remate do concurso.

17. Os participantes eximen á organización deste concurso de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da normativa vixente en materia de propiedade intelectual.

18. Os grupos participantes, na súa condición de autores e intérpretes, dan a súa autorización e ceden os seus dereitos para a utilización dos temas e do videoclip por parte da entidade organizadora, nunca tendo un uso comercial.

19. A participación neste concurso implica a aceptación da totalidade das bases por parte dos grupos participantes e das decisións da organización e do xurado mencionados, con renuncia expresa a todo recurso que se opoña a estas. Mesmamente, implica a íntegra aceptación das características do evento, da súa estrutura e da súa organización.

[Descarga]: Bases