Galiza Nova vén de participar na constitucón da Plataforma a prol da modernización da infraestrutura e dos servizos ferroviarios, xurdida na nosa comarca para dar resposta ao desleixo do goberno español en materia ferroviaria.A táboa reivindicativa inicial incluía as esixencias ao Ministerio de Fomento de executar as obras de duplicación da vía entre a Ponte das Cabras e a estación de Ferrol (xa comprometidas nos orzamentos deste ano) a licitación do tramo Ferrol-Betanzos, a reclamación do by pass para salvar a estación de Betanzos-Infesta ou os accesos ao porto interior e ao polígono do Río do Pozo, entre outras cuestións.
Dende Galiza Nova solicitamos a potenciación de novos servizos Ferrol-Santiago, nomeadamente nas fins de semana, cando hai máis movemento de estudantado, así como tamén a implantación do billete único tren/bus, o aumento das frecuencias Ferrol-A Coruña, o mantemento das paradas actuais en núcleos pequenos e a adecuación do tipo de tren ás horas de maior demanda.
Estas demandas non son novas para a nosa organización. O 26 de marzo de 2008 aprobábase por unanimidade no Concello de Cabanas unha moción que instaba a Xunta de Galiza a mellorar o transporte no concello.