segunda-feira, 19 de maio de 2008

Campaña do galego en Cabanas

Galiza Nova de Cabanas e Pontedeume realizaron conxuntamente unha pegada de cartaces da campaña Por que lle tes medo ao galego? Atrévete! en ambas vilas, enmarcados na campaña de lingua que Galiza Nova está a levar a cabo por todo o País.

Ademais, complementouse a pegada co reparto de autocolantes e dípticos nos principais lugares de afluencia de mocidade de ambos concellos, así como tamén coa elaboración dun mural en Pontedeume co lema "Pontedeume en galego. Temos dereito".

Podedes ler o contido destes dípticos nunha entrada deste blogue anterior, clicando aquí.






sábado, 17 de maio de 2008

Poesía fronte á iñorancia

DEITADO FRENTE AO MAR

Lingua proletaria do meu pobo

eu faloa porque si, porque me gusta

porque me peta e quero e dame a gana

porque me sae de dentro, alá do fondo

dunha tristura aceda que me abrangue

ó ver tantos patufos desleigados,

pequenos mequetrefes sen raíces

que ó pór a garabata xa non saben

afirmarse no amor dos devanceiros,

fala-la fala nai,

a fala dos abós que temos mortos,

e ser, co rostro erguido,

mariñeiros, labregos da linguaxe,

remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta

e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo

unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,

non falo prós ruíns e poderosos,

non falo prós finchados,

non falo prós estupidos,

non falo prós valeiros,

que falo prós que aguantan rexamente

mentiras e inxusticias de cotío;

prós que súan e choranun pranto cotián de volvoretas,

de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas de

tódolos que sufren neste mundo.

E ti vives no mundo, terra miña,

berce da miña estirpe,

Galicia, doce mágoa das Españas,

deitada rente ó mar, ise camiño...

Longa noite de pedra - Celso Emilio Ferreiro

Blogues pola lingua

quinta-feira, 15 de maio de 2008

Acto do BNG de Cabanas polo Día das Letras


Como saberás, o sábado 17 celébrase o Día das Letras Galegas, que este ano vai adicado a Xosé María Álvarez Blázquez.

Para celebrar este día en honor ás nosas letras, o BNG de Cabanas celebrará un acto ás 12.00h diante da estatua de Rosalía de Castro, no colexio das Viñas. Para saber onde é fai clic aquí.

quarta-feira, 14 de maio de 2008

Está o galego en crise?

O xornal GZnación, co gallo da manifestación que convoca A Mesa para este domingo, reuniu nunha sala a Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, Loli Rodríguez Amoroso, Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas e a María Seoane, Presidenta de Novas Xeracións, para falar sobre a situación do galego

Podes escoita-las declaracións de Iria Aboi facendo clic aquí.

terça-feira, 13 de maio de 2008

Autobús comarcal á manifestación do domingo

Como saberás, este domingo celebrarase en Compostela o gran acto cívico Polo dereito a vivirmos en galego, que convoca A Mesa Pola Normalización Lingüística.

Para facilitar a asistencia á manifestación, establecerase un servizo de autobuses de balde dende tódalas comarcas do País.

En Ferrolterra, o autobús sairá ás 10.30 h do Teatro Jofre (Ferrol). Para máis información, deberedes chamar ao teléfono 981.364.058


sexta-feira, 9 de maio de 2008

A Nova Organización do Estudantado Galego

Mañá sábado, 10 de maio, celebrarase na cidade de A Coruña a Asemblea Nacional Constituínte da Nova Organización do Estudantado Galego.

Esta iniciativa nace a partires das organizacións estudantís CAF-CAEF e CAE, sumándose nunha soa forza o estudantado do ensino medio e o universitario, para acadar unha maior incidencia.

Galiza Nova estará presente na clausura do acto, que leva por lema "Organizando o estudantado de hoxe para a Galiza de mañá"

quinta-feira, 8 de maio de 2008

Actos previos á manifestación

A Asociación Cultural Medulio, co fin de impulsa-la asistencia á gran manifestación nacional en prol do galego do día 18 de maio en Compostela, realizará na vindeira semana os seguintes actos:


Luns, 12 de maio, ás 20.00h no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol: audiovisual O decálogo que a lingua precisa, caderno activo da Fundación Bautista Álvarez, coa intervención de Pilar García Negro, profesora da Universidade de A Coruña, especialista en sociolingüística e pedagoxía da lingua galega

Venres, 16 de maio ás 20.00h no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas de Ferrol: espectáculo poético-musical "Manuel Curros Enríquez: a lingua do futuro será o galego", a cargo do grupo de teatro da Asociación

sexta-feira, 2 de maio de 2008

Acto: a situación lingüística de Galiza

Dentro da campaña previa á gran manifestación nacional do vindeiro 18 de maio en Compostela, baixo o lema Polo dereito a vivirmos en galego, o vindeiro venres, 9 de maio ás 20.00h na Casa da Cultura de Neda, vai ter lugar un acto comarcal sobre a situación actual do idioma, no que intervirá o profesor e membro da Executiva Nacional, FRANCISCO RODRÍGUEZ.

Agardamos contar coa túa presenza!

Galiza Nova de Cabanas participa da manifestación do 1º de maio de Ferrol

Galiza Nova de Cabanas participou onte da manifestación convocada pola CIG en Ferrol, enmarcada dentro das celebracións polo Día Internacional da Clase Obreira.

Na mesma, repartíronse panfletos e autocolantes, co lema "A mocidade galega polo emprego digno!"

Podedes ver algunhas imaxes do acto clicando aquí

quinta-feira, 1 de maio de 2008

1º de maio. Día Internacional da Clase Traballadora

Un ano máis conmemoramos o 1º de maio, día do internacionalismo proletario. Unha data máis que importante na que recordamos as loitas de moitas e moitos traballadores en todo o mundo e tamén en Galiza por unhas condicións laborais dignas e na que tamén ollamos a situación na que nos atopamos actualmente.

Neste período estamos a asistir a unha das maiores crises económicas do sistema que está asfiiando a milleiros de pobos do mundo e que está a ter xa as súas consecuencias tamén no noso país.

Dende hai tempo en Galiza padecemos os salarios e as prestacións sociaais máis baixas de todo o Estado Esapñol, unahs condicións de traballo cada vez máis precarias e a carestía da vida vai en aumento. Esta situación especialmente negativa aín´da é máis dura entre as mozas e mozos galegos. Na Galiza seguimos tendo que falar a emigración de mozas e mozos na busca dunhas condicións laborais dignas, seguimos a padecer uns índices de paro, temporalidade e precariedade laboral alarmantes que se están a agravar coa situación económica actual. Así mesmo, continuamos sen visualizar un cambio de rumbo claro por parte da Consellaría de Emprego con propostas acaídas para mellorar as condicións de traballo das galegas e galegos esquecéndose dos indicadores que evidencian que a situación non é positiva e que pode empeorar moito máis.

Agora coa pantasma da crise como consecuencia dun modelo económico baseado no incremento dos beneficios dunhs poucos a costa das e dos traballadores, fortemente especulativo (burbulla inmobiliaria, expansión do sector servizos, ... ) preténdeseos aplicar inda máis "flexibilidade" ou precariedade laboral e aínda máis "contención salariall", ou o que é o mesmo: ningunha mellora ou incremento salarial.

Por todo isto, dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, defendemos unhas condicións laborais dignas para as mozas e mozos e para a clase traballadora no seu conxunto e cremos que debe haber unha reorientación tanto nas políticas económicas do goberno do Estado Español como nas que aplica a Consellaría de traballo en Galiza.

Neste sentido, dende Galiza Nova estamos dispostos a ofrecer alternativas a esta situación para que as mozas e mozos galegos melloremos as nosas condicións de traballo, e para isto precisamos tamén da túa axuda. Por todo isto, animámoste a que te sumes a nós. Porunhas condicións laborais dignas para a mocidade galega