quinta-feira, 8 de janeiro de 2009

Convención Electoral do BNG

O vindeiro sábado 17 de xaneiro ás 18 horas no Pavillón do Restollal de Santiago de Compostela terá lugar a Convención Electoral Nacional do BNG.

Neste acto, o Bloque Nacionalista Galego presentará á sociedade a súa candidatura ás Eleccións Autonómicas 2009.



Visualizar o mapa ampliado

Concentración en solidaridade co pobo palestino

Galiza Nova, xunto con outras moitas organizacións, participará mañá na concentración que baixo o lema "Deteñamos o terrorismo sionista" servirá para amosar a nosa solidaridade co pobo palestino.

Dita concentración terá lugar ás 20.00h diande do edificio da Xunta de Galiza de Ferrol. Agardamos contar coa túa presenza!

segunda-feira, 5 de janeiro de 2009

Resolución da Asemblea Comarcal do BNG de Ferrolterra



Perante a situación que está a sofrer o pobo palestino – nomeadamente na franxa de Gaza – nos últimos días, a Asemblea Comarcal do BNG quere expresar públicamente:

1.- O rexeitamento rotundo aos bombardeos levados a cabo por parte do exército de Israel – neste momento con perto de 500 mortos nas últimas accións – e que veñen a evindenciar que o colofón á blocaxe perpetrada polo Estado de Israel contra o pobo de Gaza constitúe verdadeiramente un crime de guerra.

2.- Reiteramos – como así se fixo xá por medio da correspondente iniciativa parlamentar – a petición de que o Estado Español suspenda as relacións diplomáticas e económicas co Estado de Israel ata que non se poña fin á agresión militar e blocaxe que o mesmo está a perpetrar na franxa de Gaza.

3.- Solicitamos, asimesmo, que o Estado Español inste oficialmente ao cumprimento das reiteradas resolucións da ONU relativas á retirada israelí dos territorios ocupados; ao tempo que se demande, no marco das Nacións Unidas, o envío inmediato dunha misión de observación e interposición co fin de garantir a fin da blocaxe e da agresión militar.

4.- A Asemblea Comarcal do BNG resolve, en liña cos apartados anteriores, remitir sendos escritos de condena da situación ao Presidente do Goberno Español, Ministerio de Asuntos Exteriores e Embaixada de Israel; ao tempo que transmitir a solidariedade e apoio á representación do pobo de Palestina en Galiza.

terça-feira, 30 de dezembro de 2008

Galiza Nova denuncia a pasividade e a despreocupación polo Río Chamoselo



A organización xuvenil do BNG asegura que non existen solucións a curto prazo para o río

A pesares de que os informes encargados en 2007 polo BNG advertían da mala situación do río, co cambio de goberno municipal de As Pontes estes resultados foron iñorados.

Pouco tempo despois, os pescadores de Caaveiro denunciaron a morte de reos no Eume debido a un baixo Ph que os devanditos informes xa recollían e que aínda hoxe continúa. Perante esta situación, os únicos interesados no ámbito político son as formacións nacionalistas, que comezan a denunciar dende o primeiro momento esta situación.

O deputado Blanco Parga rexistrou no Parlamento preguntas para o Conselleiro de Media Ambiente, e Galiza Nova organizou en As Pontes unha charla sobre a problemática á que só asistiu ADEGA, refusando participar as Consellarías de Medio Ambiente e Política Territorial, convidades ao acto e directamente implicadas no desastre ecolóxico.

Dende Galiza Nova aseguran que "seguimos a reiterar a nosa preocupación pola situación dos ríos afectados e esiximos aos responsábeis medidas eficaces para recuperar o máis axiña posíbel todo aquilo que se perdeu por mor da deixadez".

Para a formación nacionalista "é importante que exista un equilibrio entre o desenvolvemento e progreso e a conservación e respecto polo noso medio natural".

"Por moita inauguración que fixera a Conselleira de Política Territorial, cremos que non pode presumir de autovía" aseguran dende Galiza Nova.

domingo, 28 de dezembro de 2008

Éxito do I Campionato de Futbolín Unha Nación Unha Selección!

O I Campionato de Futbolín do Eume organizado polas asembleas locais de Galiza Nova en Cabanas e Pontedeume, que tivo lugar o pasado venres no bar El Griego foi todo un éxito.

Un total de 16 parellas participaron deste campionato, pero foron máis as que quixeron inscribirse a última hora, ás que non puidemos acoller por razóns de organización.

Dado o éxito e interese mostrado pola mocidade dos arredores, o vindeiro ano celebrarase unha nova edición na que teremos en conta estas peculiaridades para que todo o mundo que quixer poida participar.

Resultados

As parellas foron divididas mediante sorteo en catro grupos de catro parellas cada un. Clasificouse a primeira de cada grupo tras xogar unha liga. Os catro clasificados loitaron polo primeiro posto mediante eliminatorias.

Os vencedodres desta edición foron Iago Castro e Fran Iglesias. O segundo posto copáronno Raúl Calvo e Luís Tenreiro. En terceiro lugar quedaron Carlos Cernadas e Damián Amado.

As tres parellas foron agasalladas con 2 entradas para o partido Galiza-Irán. Ademais os terceiros clasificados levaron 2 fundas de móbil. A segunda e a primeira parella levaron tamén 2 camisolas e, esta última, un trofeo.

Podes descargar na seguinte ligazón todos os resultados do I Campionato de Futbolín do Eume "Unha Nación, Unha Selección": CLIC AQUÍ

quinta-feira, 25 de dezembro de 2008

XX anos de Galiza Nova en exposición



Mañá, venres 26 de decembro ás 17.30h na Casa da Mocidade de Narón terá lugar a inauguración da exposición conmemorativa dos XX anos de Galiza Nova, acto que contará coa presenza de Pablo Villamar, vicepresidente da Deputación de A Coruña.

A exposición permanecerá na propia Casa da Mocidade de Narón entre os días 26 e 29 de decembro no horario habitual de apertura do centro

segunda-feira, 15 de dezembro de 2008

Anótate no I Campionato de Futbolín "Unha Nación Unha Selección!"



Galiza Nova Cabanas, en colaboración cos compañeiros e compañeiras de Pontedeume, organiza o venres 26 de decembro ás 20:00 horas no bar “El Griego de Pontedeumeo I Campionato de Futbolín “Unha Nación, unha selección!”.

O motivo deste campionato é ben sinxelo, non é outro que o de reclamarmos o dereito para que a selección da nosa nación, Galiza, poida competir a nível internacional, é dicir, nas competicións que organiza a FIFA, nin máis nin menos do que outras seleccións de nacións e rexións sen Estado, coma Gales, Escocia ou as Illas Féroe. Máis aínda, cando a imposibilidade xurídica non é insalvábel. A FIFA admitirá á nosa selección só con que a Federación Española de Fútbol levante o veto á participación das seleccións das nacións que hoxe configuran o Estado nas súas competicións.

Deste xeito, só unha decisión federativa da RFEF, nada máis (e nada menos) separa á nosa selección de competir no mundo, mais tamén nos separan os rexos mecanismos centralistas que o Estado Español engraxa cada día.

Por iso, e para visibilizar a nosa posición que mellor que facelo dunha forma lúdica e cun invento galego: o futbolín, do gran Alexandre de Fisterra.

QUEN PODE PARTICIPAR?

Pode participar calquera persoa que así o desexar, sen límite de idade. Alén diso, a composición das parellas é libre, é dicir, os membros poderán ser dun mesmo sexo ou mixtas.

COMO ANOTAR A MIÑA PARELLA?

Podes anotar a túa parella mandando un correo electrónico ás seguintes direccións:

galizanovacabanas@gmail.com ou gznovapontedeume@gmail.com

onde deben constar os seguintes datos:

- Nome e Apelidos de cada membro da parella
- Un número de teléfono
- Unha dirección de correo electrónico

Tamén podes anotar a túa parella chamando a un dos seguintes teléfonos:

690 384 294 ou 654 666 558.

Os 2 euros que custa a inscrición será entregada o mesmo día do Campionato.

QUE PREMIOS HAI?

1º Premio:

1 trofeo acreditativo de seren os vencedores do Campionato
2 entradas para o encontro da selección galega en Riazor
2 camisolas


2º Premio:

2 entradas para o encontro da selección galega en Riazor
2 camisolas

3º Premio:

2 entradas para o encontro da selección galega en Riazor
2 fundas “Galiza” para o móbil

Alén diso, haberá un agasallo para todos os participantes.

Sen máis, desde Galiza Nova de Cabanas e Pontedeume agardamos que te sumes a participar deste I Campionato de Futbolín “Unha Nación, unha selección!” para reclamarmos así os lexítimos dereitos da nosa Selección.

Vémonos o venres 26 de decembro ás 20:00 horas no bar “El Griego”!

quarta-feira, 3 de dezembro de 2008

Galiza Nova de Cabanas manifesta a súa condena e repulsa polo asasinato de Ignacio Uría a mans de ETA

Galiza Nova de Cabanas quere expresar neste comunicado “a súa máis enéxica condena e repulsa perante o crime do empresario basco Ignacio Uría, asesinado a tiros este mediodía por dous presuntos terroristas de ETA na localidade guipuzcoana de Azpeitia.

Galiza Nova transmite as súas condolencias e a súa solidariedade aos familiares da vítima de ETA nestes difíceis e duros momentos.

A formación nacionalista manifesta a súa repulsa ante os actos terroristas que anulan a vida, “unha violencia que repugna a conciencia democrática e pacifista do pobo galego”.

Ademáis, os nacionalistas galegos apelan á unidade democrática porque “máis que nunca se precisa da fortaleza e da unidade de todas as forzas políticas con representación nas Cortes do Estado como o instrumento fundamental para derrotar o terrorismo”.

Galiza Nova chama á unidade política entre todos os demócratas fronte a barbarie terrorista que atenta contra o dereito máis fundamental que temos os seres humanos, o dereito á propia vida.

sexta-feira, 14 de novembro de 2008

26 de novembro, folga estudantil: PAREMOS AS AGRESIÓNS CONTRA O GALEGO

Hai dous anos xa houbo un paro xeral nos institutos para reivindicarlle á Consellaría de Educación que tomase medidas en defensa do galego no ensino. O éxito desa folga, coa participación de máis de 60.000 estudantes segundo datos oficiais, foi fundamental para que a Consellaría de Educación tivese que elaborar unha nova norma de galeguización do ensino, o decreto 124/2007.

Comezado un novo curso, vemos con preocupación como se esfarelan as boas expectativas que había sobre a aplicación deste decreto. A realidade é que:

  • Na maior parte dos centros non se cumpre coa lexislación;
  • a Consellaría de Educación aínda non fixo públicos datos nin avaliacións reais sobre o grao de aplicación do decreto no curso pasado (malia o propio decreto indicar que ten que facerse);
  • seguen sen pórse en funcionamento as medidas e os medios demandados desde a comunidade educativa.

Todos os adiantos experimentados pola nosa lingua foron sempre froito da reivindicación, moitas veces protagonizada pola xente nova. Visto que é a saída que nos deixan, dende Galiza Nova, a Mocidade pola Normalización Lingüística e os Comités facemos un chamamento a parar as aulas o vindeiro 26 de novembro. Pararemos a inactividade da Consellaría de Educación. Pararemos as agresións ao idioma de Galiza.

Preocúpanos moito tamén a vaga de declaracións e accións contra a lingua do país que se están producindo case a diario desde os sectores máis reaccionarios. Teledirixidos por poderosos grupos económicos, políticos e mediáticos de fóra de Galiza, din defender cinicamente o “bilingüismo” e a “liberdade” cando na realidade só pretenden seguir marxinando o noso idioma, mantelo desamparado e, finalmente, facelo desaparecer.

Pararemos os institutos para dicirlle a eses grupos que os estudantes de Galiza defendemos o noso idioma. Falemos castelán ou falemos galego, queremos que se tomen medidas de apoio a un vínculo que nos une como galegas e galegos, que é unha riqueza común e un patrimonio para a humanidade.

Contra estes ataques que nos queren negar a voz e os dereitos tamén é necesario que nos movamos. Digámoslles que a inmensa maioría das galegas e dos galegos desexamos para o galego o mellor dos futuros. Porque garantir o futuro da nosa lingua é garantirmos o noso propio futuro.

segunda-feira, 3 de novembro de 2008

Galiza Nova mobilizarase coa CIG contra a crise

Galiza Nova que durante os seus vinte anos de existencia sempre defendeu a necesidade do cambio do actual modelo socioeconómico por outro máis xusto amosa o seu apoio á campaña posta en marcha pola CIG para denunciar aos responsábeis da actual situación da crise económica e as nefastas repercusións que as medidas tomadas polo goberno do Estado terán sobre as traballadoras e traballadores. Neste sentido Galiza Nova tamén secundará as manifestacións convocadas o 13 de novembro pola CIG en diferentes puntos do país. Vai a ler máis:

A Mariña: Saída ás 19:30 da Praza Maior de Viveiro
A Coruña: Saída ás 20:00 horas da Praza da Palloza.
Ferrol: Saída ás 19:30 da Avenida de Esteiro, diante do sindicato.
Lugo: Saída ás 20:00 h da Ronda da Muralla, diante do sindicato.
Ourense: Saída, ás 20:00 h do pavillón dos Remedios.
Pontevedra: Saída ás 20:30 h da Praza da ferrería.
Santiago: Saída ás 20:00 h da Praza Roxa.
Vigo: Saída ás 20:00 da Vía Norte.