domingo, 15 de novembro de 2009

Galiza Nova participa activamente da Plataforma a prol do ferrocarril na comarca

Galiza Nova vén de participar na constitucón da Plataforma a prol da modernización da infraestrutura e dos servizos ferroviarios, xurdida na nosa comarca para dar resposta ao desleixo do goberno español en materia ferroviaria.

A táboa reivindicativa inicial incluía as esixencias ao Ministerio de Fomento de executar as obras de duplicación da vía entre a Ponte das Cabras e a estación de Ferrol (xa comprometidas nos orzamentos deste ano) a licitación do tramo Ferrol-Betanzos, a reclamación do by pass para salvar a estación de Betanzos-Infesta ou os accesos ao porto interior e ao polígono do Río do Pozo, entre outras cuestións.

Dende Galiza Nova solicitamos a potenciación de novos servizos Ferrol-Santiago, nomeadamente nas fins de semana, cando hai máis movemento de estudantado, así como tamén a implantación do billete único tren/bus, o aumento das frecuencias Ferrol-A Coruña, o mantemento das paradas actuais en núcleos pequenos e a adecuación do tipo de tren ás horas de maior demanda.

Estas demandas non son novas para a nosa organización. O 26 de marzo de 2008 aprobábase por unanimidade no Concello de Cabanas unha moción que instaba a Xunta de Galiza a mellorar o transporte no concello.

quarta-feira, 14 de outubro de 2009

Galiza Nova QUERE GALEGO!

Galiza Nova de Cabanas, como non podería ser doutro xeito, participará o vindeiro domingo 18na manifestación que convoca a plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela.

Para facilitar a asistencia á mesma, haberá autobuses cara Santiago, que podes consultar clicando aquí.

Alén da manifestación, dende Queremos Galego proponse a seguinte Iniciativa Lexislativa Popular, que podes apoiar aquí:

Proposta de Iniciativa Lexislativa Popular
pola Garantía dos Dereitos Lingüísticos

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Estatuto de autonomía de Galicia estabelece no seu artigo 5.º que “a lingua propia de Galicia é o galego” e que “os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”. Para facer efectivos estes dereitos a lei sinala que “os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, acadando así que ninguén sexa “discriminado por causa da lingua”.

A pesar do sinalado nesta norma, a realidade é que a lingua propia do país continúa sen ter garantida a presenza mínima do seu recoñecemento de oficialidade hai tres décadas, situándose a súa posición pública e institucional lonxe do mandado estatutario. Así, está ausente de boa parte da documentación e sinalizacións públicas, o dereito a recibir atención neste idioma carece de garantías reais e o sistema educativo non só non garante as competencias lingüísticas suficientes en galego, senón que incide no abandono do galego por parte de moitas nenas e moitos nenos.

Para rematar con este incumprimento estatutario é necesario que o Goberno galego adopte medidas para romper con esta situación tan inxusta e avanzar na normalización. As galegas e os galegos teñen que ter garantido o dereito a poderen vivir con normalidade na súa lingua na súa terra, sen discriminacións de ningún tipo, como prevé o Estatuto de autonomía no art. 5.

A liberdade das persoas que integran a sociedade galega só poderá ser efectiva cando o Poder Público dispoña os medios no sistema educativo para que todos e todas coñezan axeitadamente o galego e a Administración estea en condicións de dispensar os seus servizos na nosa lingua.

A Administración debe cumprir ademais o deber de fomento do uso do galego na vida pública para que mediante a súa visualización a lingua propia acceda a ámbitos institucionais e privados dos que tradicionalmente estivo excluída, transmitindo a mensaxe á sociedade de que a nosa lingua é válida para calquera situación da vida diaria. Cúmprese así co deber constitucional previsto no art. 9.2. da Constitución española de crear as condicións para facer efectiva a igualdade das persoas, promovendo a lingua que está en condicións de desvantaxe social –como amosa a evolución dos Mapas sociolingüísticos elaborados pola Real Academia Galega–, fundamento das leis protectoras e fomentadoras do galego.

Estas medidas teñen que ir no camiño dos consensos acadados nestes anos, como a aprobación en 1996 da Declaración universal de dereitos lingüísticos, a ratificación en 2001 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, monitorizada polo Consello de Europa, e a aprobación en 2004 do Plan xeral de normalización da lingua galega.

TÍTULO ÚNICO

Artigo 1.- O Goberno galego, en cumprimento da obriga estabelecida no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, fará plenamente efectivos os dereitos das galegas e dos galegos a utilizaren o idioma propio do país.

Artigo 2.- O Goberno galego garantirá que toda a sinaléctica, información e documentación administrativa que reciban os cidadáns e as cidadás en todos os ámbitos administrativos da Xunta, ou en calquera ámbito participado por ela, incluídas todas aquelas entidades xurídicas que prestan servizos dependentes daquela, estean en galego.

Artigo 3.- O Goberno galego garantirá que todos os seus servizos, e os de calquera entidade participada por el, incluídas todas aquelas que os prestan dependendo da Xunta, serán prestados en galego a todos os cidadáns e cidadás. O persoal das entidades dependentes da Xunta ha tomar a iniciativa dirixíndose e manténdose en galego cara ao público, coa excepción daquelas ou daqueles que soliciten seren atendidos en castelán. Así mesmo, todos os cargos públicos e os dos organismos e entes autonómicos, sociedades públicas e institucións dela dependentes farán uso público, tanto oral como escrito, de xeito sistemático, da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade.

Artigo 4.- O Goberno galego garantirá que o dereito a usar e recibir información, documentación etc na lingua propia do país non supoña ningún tipo de discriminación, demora na prestación do servizo ou deturpación lingüística por parte da Administración galega ou os seus representantes.

Artigo 5.- O Goberno galego adoptará as medidas necesarias para garantir o dereito a recibir o ensino en galego por parte de todo o alumnado ao menos nun 50% do horario escolar en cada curso en todas as etapas educativas, de acordo co sinalado no Plan xeral de normalización da lingua galega.

Disposición Transitoria.- O Goberno galego deberá adoptar cantas medidas sexan precisas para lle dar cumprimento ao disposto nos artigos 2 e 3 nun prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición Final.- A presente lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

domingo, 16 de agosto de 2009

Intervencións políticas no Día da Galiza Mártir

O pasado venres tivo lugar en Narón a homenaxe organizada por Galiza Nova para conmemorar o Día da Galiza Mártir.

Velahí as intervencións políticas:

Iago Varela, Responsábel Comarcal de Galiza Nova


Francisco Rodríguez, membro da Executiva Nacional do BNG

quinta-feira, 13 de agosto de 2009

Día da Galiza Mártir en Ferrolterra

Galiza Nova ten previsto un acto para mañá, venres 14 de agosto, ás 19.00h na rúa Alexandre Bóveda de Narón, para conmemorar o Día da Galiza Mártir.

O acto contará coas intervencións políticas de Iago Varela, Responsábel Comarcal de Galiza Nova e Francisco Rodríguez, Membro da Executiva Nacional do BNG.

Ademais, o poeta Henrique Rabuñal fará lectura duns versos e haberá unha ofrenda floral.

Ao remate do acto cantarase o himno galego acompañados de Manolo Doval.

Agardamos contar coa túa presenza!!

Como chegar:



Visualizar o mapa ampliado

quinta-feira, 23 de julho de 2009

Galiza Nova homenaxea a Rosalía e Castelao

Como vén sendo habitual, Galiza Nova celebrará o vindeiro 24 de xullo ás 17.30h no Panteón dos Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval (Compostela) unha homenaxe a Rosalía e Castelao.

Para lembralos, no acto leranse fragmentos das súa obra por parte de Anxo Angueira (profesor de lingua e literatura e escritor) Paula Carballeira (actriz), Carlos Blanco (actor) e Guadi Galego (artista e profesora da Central Folque).

Así mesmo tamén actuará o músico Miro Casabella e intervirán Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, e de Guillerme Vázquez, Portavoz Nacional do BNG.

Para rematar cantaremos o himno nacional acompañados de Iván Area e Pablo Carpintero.

Contamos coa túa asistencia!

segunda-feira, 13 de julho de 2009

Galiza Nova presenta ao novo responsábel local de Fene e as actividades do Festigal

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, presentou hoxe en rolda de prensa ao novo Responsábel Local de Galiza Nova en Fene, Alberto García, que estivo acompañado polo Responsábel Comarcal da organización, Iago Varela.

Na súa intervención, Alberto García fixo fincapé nos retos que Galiza Nova ten por diante no concello fenés, onde “non se está a dar unha resposta acaída ás necesidades da mocidade”. Segundo amosou o novo Responsábel Local, unha das primeiras demandas da organización xuvenil do BNG nesa localidade irá nese sentido, se ben precisou que tamén levarán a cabo actos lúdicos, como un concerto con bandas noveis.

“Estamos a cumprir as nosas espectativas de espallamento por toda a comarca” indicou Iago Varela, que se amosou satisfeito, xa que segundo afirmou “nos concellos onde Galiza Nova ten presenza, estase a defender á mocidade”.

Festigal

O Responsábel Comarcal, Iago Varela, tamén deu conta das actividades que se levarán a cabo no Festigal, o evento co que Galiza Nova celebra en Santiago o Día da Patria, entre as que destacan os concertos de varios grupos, os debates e as presentacións de libros.

“O Festigal segue a ser un referente da cultura galega e en galego” afirmou Varela, quen convidou a toda a mocidade da comarca a asistir

terça-feira, 7 de julho de 2009

Xa está aquí o Festigal 09!

Un ano máis, os vindeiros 24 e 25 de xullo Compostela será o cenario dunha nova edición do Festigal, organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre.

O Campus Sul da Universidade de Santiago será onde acampe o Festigal, que contará cunha zona de concertos, feira de asociacións, tendas, galerías artesanais, zona de xantar... e moito máis!

Entre as actuacións musicais, haberá dous concertos:

O 24 de xullo ás 23.00h actuarán Chámalle Xis (Galiza), Os John Deeres (Galiza), Som do Galpom (Galiza) e DJ Click Live (Franza).

O 25 de xullo a troula comezará a partires das 22.00h, coas actuacións de Descarga ao Vivo (Cuba/Galiza), Katembe Project (Angola), Os tres trebóns e amighos, a grande treboada (Galiza).

[Multimedia]: Vídeos musicais dos participantes nos concertos.

Chámalle Xis



Os John Deeres



Som do Galpom



DJ Click Live



Descarga ao Vivo



Os tres trebóns e amighos, a grande treboada






Alén das actuacións musicais...

Galería das Ideas: debates sobre O FUTURO DA MÚSICA GALEGA, a CRISE ECONÓMICA, o DEREITO AO ABORTO e A LINGUA GALEGA.

Galería das Letras:

Librarías e editoriais: Andel do Libro (Vigo), A palabra Perduda (Santiago), Pedreira (Santiago), OQO, Rinoceronte, Urco, A Nosa Terra, Galaxia.

Sinatura de libros e presentacións, entre outros:

"O natural e o político, de Teresa Moure.
"Nos camiños do entusiasmo", de Goretti Sanmartín.
"Una monarquía protegida por la censura", de Iñaki Anasagasti".
"A cociña de larpeiros", de Benigno Campos.
"Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro", de X. C. Garrido.
"Sobre o racismo lingüístico", da editorial Laiovento.
"O regreso de Ramón Lamote". Conversa con Paco Martin, Víctor F. Freixanes, Xosé A. Neira cruz e Xavier Senín.

Exposicións

"Crónicas da represión lingüística" Mostra gráfica e audiovisual de Xan Leira.

Galería audiovisual: programación continua de curtametraxes e documentais.

Galería do Software Libre

Galería da cultura tradicional

Galería infantil /espazo de animación

Galería artesanal

Feira de asociacións: postos con material de asociacións, ONGs e colectivos diversos.

Tendas

Zona de acampada de balde

Zona de xantar

[Máis información]: Festigal

quarta-feira, 10 de junho de 2009

Consulta da Xunta de Galiza sobre o galego no ensino

O venres 5 de Xuño, a Xunta de Galiza presentou a enquisa que se vai remitir ás familias dos 350.000 alumnos e alumnas escolarizados en Galiza nos niveis de educación infantil, primaria, secundaria e formación profesional e que en teoría ten como propósito inquirir a pais e nais sobre en que lingua prefiren que lles sexa impartido o ensino aos seus fillos e fillas.

Estudado o contido desta enquisa e analizadas as motivacións que levan ao Goberno galego a elaborala, o BNG ten que facer as seguintes valoracións:

1.- Estamos perante unha auténtica “consulta trampa”, inaceptábel quer na forma quer no fondo. Con ela non se pretende máis que dotar ao Goberno dunha coartada para xustificar unha política tracexada xa de antemán: o resultado do inquérito está predeterminado e terá como desenlace a derrogación do decreto sobre o uso do galego do ensino. O PP decidiu no seu día afastarse do consenso sobre o galego (Plano Galego de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego en 2004). Anunciou en campaña a derrogación do decreto e xa no goberno reiterou esa intención. A enquisa tenta lexitimar cun suposto manto de apoio social unha decisión de carácter político tomada antes de chegar ao Goberno e adoptada co único propósito de contentar os sectores máis extremistas do electorado do Partido Popular.

2.- A consulta, que é de carácter voluntario, carece da menor fiabilidade, tanto por como están enunciadas as preguntas como polo feito de que será a Administración, controlada politicamente polo Partido Popular, quen custodie todo o proceso de recolla dos datos. Non existen suficientes garantías de que os resultados non poden ser mesmo manipulados se non fosen do agrado do partido no goberno.

3.- Coa enquisa vaise criar unha tensión innecesaria nos centros de ensino e na propia sociedade galega, innecesaria porque, sexa cal for o resultado do inquérito, o Goberno xa ten anunciado que vai derrogar o decreto nun sentido claramente contrario ao uso da lingua galega no ensino.

4.- Tal e como están enunciadas as preguntas da consulta, todo o máis que poderían demandar os sectores favorábeis ao galego no ensino sería que se mantivese o galego como lingua na que se imparten as materias troncais. En ningún caso se pregunta ás familias se serían partidarias de que o conxunto das materias, e non só as troncais, se impartisen en galego.

Isto significa que coa enquisa os sectores favorábeis á españolización do ensino si poden conseguir avances a respecto da situación actual -reducir a presenza do galego nas troncais-, mentres que aqueles que son partidarios de avanzar na galeguización só poden aspirar a que, como moito, se manteña o actual statu quo, que vén consagrado precisamente polo decreto que o Goberno anunciou que vai derrogar.

5.- O mesmo Goberno que fai proclamas populistas e demagóxicas en favor da austeridade e o control do gasto público vai dilapidar 200.000 euros na realización desta “consulta trampa”, un dispendio impresentábel no actual contexto de precariedade de medios humanos e materiais que caracteriza a situación do ensino público en Galiza.

6.- Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.

7.- Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes ás que expresamos a continuación:

1.-Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.

2.-Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.

3.-Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

segunda-feira, 1 de junho de 2009

Galiza Nova chama á mocidade da comarca a votar “masivamente” ao BNG


Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, fixo hoxe un chamamento a toda a mocidade da comarca para que acudan ás urnas o próximo domingo a votar polo BNG por ser "a única alternativa para que Galiza conte en Europa".

Iago Varela, Responsábel Comarcal de Galiza Nova explicou que "o tempo deu á razón ao nacionalismo galego, que dende sempre criticou o fracaso do actual modelo económico e social da Unión Europea".

Neste sentido, dende Galiza Nova cren que é preciso apostar por políticas que non degraden as condicións laborais das traballadoras e traballadores e que defendan os servizos públicos, como o ensino ou a sanidade.

En palabras do Responsábel Comarcal, "O BNG traballará a prol dunha política antagónica á mercantilización e elitización da universidade pública que supón a implantación do Plan Boloña, así como tamén para que os nosos estaleiros volvan construír barcos".

"A única alternativa para avanzar en dereitos e na creación dun novo modelo social e económico alternativo ao neoliberal é a lista encabezada por Ana Miranda", sentencia Varela.

sábado, 30 de maio de 2009

Para que Galiza conte, para que a mocidade conte! Vota BNG



O próximo 7 de Xuño celébranse unhas eleccións moi importantes para o futuro das galegas e galegos.

As eleccións europeas determinan as políticas que se van a aplicar en nacións como Galiza e que teñen consecuencias visíbeis na nosa vida diaria. A partir das eleccións de 2004, o BNG non tivo presenza a nivel europeo e Galiza deixou de estar representada directamente nas institucións europeas.

Agora temos a oportunidade de ter voz e voto en Europa a través do BNG porque só así garantimos a defensa dos intereses de Galiza e a aposta por unha Europa dos pobos, social e democrática.

POR UNHA EUROPA DOS POBOS, GALIZA UNHA NACIÓN EUROPEA.

O nacionalismo galego defede o pleno recoñecimento de Galiza como nación nun Estado Español plurinacional, pluricultural e plurilingüe e aposta tamén no seo da UE, polo recoñecemento da identidade política, cultural e lingüística do noso país, así como das outras nacións e pobos de Europa.

O modelo de construción europea ten servido para ignorar as nacións sen Estado como a nosa e para impedirnos o desenvolvimento das nosas potencialidades, respondendo unicamente aos dictames do capital transnacional a través dos grandes Estados europeos.

Despois do fracaso do Tratado Constitucional (co “non” de Francia e Holanda) e da súa nova versión co tratado de Lisboa (rexeitado por Irlanda) é necesario un modelo alternativo como o que defende o BNG. Un modelo democrático que aposte polo recoñecemento de todas as nacións e pobos de Europa en pé de igualdade, así como das culturas e linguas que como o galego aínda non teñen o recoñecemento oficial no seo da UE.

Só a través da participación de Galiza con voz propia e voto en Europa nos foros onde se traten as cuestións que nos afectan directamente, conseguiremos que Galiza conte e que os intereses e necesidades das galegas e galegos, especialmente as e os máis novos, estean defendidos.

O NACIONALISMO ALTERNATIVA AO MODELO ECONÓMICO NEOLIBERAL DA CRISE E DE BOLOÑA.

O nacionalismo galego sempre se manifestou contrario ao modelo económico e social da Unión Europea. Este modelo neoliberal sistemáticamente negou as nosas capacidades productivas, desmantelou os servizos públicos básicos e afondou na desregularización e a perda de dereitos das traballadoras e traballadores, especialmente na mocidade sufrindo hoxe as maiores taxas de precariedade, de baixos salarios e de paro en Galiza.

Para o BNG a crise económica que padecemos é consecuencia deste modelo tan negativo e por iso cremos que son necesarias políticas que non degraden as condicións laborais (como o intento de aprobar a Directiva do tempo de Traballo que pretendía ampliar a xornada laboral ás 65h semanais) así como políticas que defendan servizos públicos tan elementais como o ensino.

Nese sentido o BNG pulará por unha política univesitaria baseada na consideración da universidade como un servizo público e no dereito que temos como pobo a definirmos o noso sistema educativo en función das nosas condicións e necesidades, unha política antagónica á mercantilización, elitización, uniformización e españolización da universidade galega que supón o actual modelo do Plan Boloña.

Dende Galiza Nova tamén consideramos que é necesario o recoñecemento pleno do dereito da mocidade a traballar, estudar e vivir en Galiza, para combater a emigración xuvenil, mudando a actual consideración positiva da mobilidade xeográfica, que non é máis que emigración encuberta.

Así mesmo, dende o BNG defenderemos o noso dereito a desenvolver as nosas potencialidades nos sectores productivos básicos como creadores de riqueza e de emprego en concreto para moita xente nova. Galiza é un país con grandes potencialidades no sector pesqueiro, no sector agro-gandeiro ou no sector industrial, mais sempre se nos limitou a nosa capacidade productiva, desmantelando os piares básicos da economía galega.

Por parte do nacionalismo galego sempre acreditamos na capacidade productiva do país e por iso agora temos a oportunidade a través da presenza do BNG no Parlamento Europeo de que as galegas e galegos defendamos os nosos intereses.

A DEFENSA DA PAZ, DO ANTIIMPERIALISMO E DOS DEREITOS E LIBERDADES DEMOCRÁTICAS.

Durante os últimos anos determinadas políticas impulsadas pola Unión Europea significaron unha clara involución democrática a respecto dos dereitos e liberdades. O nacionalismo apostará pola defensa das liberdades e a xustiza social especialmente no que se refire a extensión e recoñecemento de dereitos individuais e colectivos nos diferentes pobos de Europa.

Dende Galiza Nova consideramos necesario o recoñecemento da interrupción do embarazo libre e gratuíta, o respecto polas diferentes opcións sexuais, a derogación da Directiva de Retorno que establece criterios de expulsión e retención de inmigrantes e o impulso da laicidade nas nacións de Europa, entre outras cuestións.

Así mesmo o nacionalismo defenderá, como sempre fixo, unha política contraria ao imperialismo e o sometemento, expolio e ocupación dos pobos. Galiza Nova solidarizouse e mobilizouse, como tamén fixo o BNG, en contra da guerra no Iraque, do envío de tropas españolas a Afganistán, do exterminio do pobo Palestiniano por parte do Estado de Israel, entre outros, e consecuentemente en Europa defenderemos un modelo de relacións internacionais en pé de igualdade entre todos os pobos do mundo, baseado na xustiza e na soberanía política das nacións que como Galiza reclaman o dereito a poder decidir libremente o seu futuro.

Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, queremos que te sumes a nós para conseguir que Galiza estea representada en Europa. Sabemos que a través do presenza do nacionalismo galego avanzaremos na defensa dos intereses das mozas e mozos, no avance de dereitos, na construcción dun modelo social e económico altenativo ao neoliberal e no recoñecimento do que somos, unha nación con dereito a decidir.

Por iso convidámoste a que o próximo 7 de xuño, te sumes a nós para que Galiza estea en Europa. Para que non decidan por nós. Para sermos protagonistas. As mozas e mozos deste país somos decisivos para que Galiza avance a través do noso voto ao BNG e por iso temos que mobilizarnos para as vindeiras eleccións.

Para que ti contes, para que Galiza conte!

Non faltes e vota BNG!