quarta-feira, 28 de abril de 2010

Contra o paro xuvenil e a precariedade, traballo digno e na terra!

Desde Galiza Nova, consideramos preocupante a situación laboral da mocidade en Galiza, caracterizada polas elevadas taxas de paro e precariedade laboral que se teñen elevado nos últimos meses a consecuencia da actual crise económica.

Segundo a enquisa de poboación activa do terceiro trimestre do 2009, na Galiza temos unha taxa de paro do 43.7% entre a mocidade de 16 a 19 anos, que triplica a dos maiores de 25 anos. O que indica que é precisamente a mocidade o colectivo que primeiro, e con maior intensidade, padece os efectos da crise. A isto hai que sumarlle as condicións de precariedade daquelas mozas e mozos empregados (temporalidade, baixos salarios...) ou a daquelas/es que tiveron e teñen que emigrar cada ano para acceder a un posto de traballo fóra da nosa nación, Galiza.

Esta problemática estrutural, produto do actual sistema económico capitalista e da situación de dependencia que sofre Galiza, vese agravada no actual contexto de crise económica, cunhas consecuencias, que ademais de afectar ao conxunto da clase traballadora, están golpeando de xeito especialmente duro á mocidade: co incremento do paro, expedientes de regulación de emprego (ERE), propostas por parte da patronal para a reforma laboral destinadas ao abaratamento do despido e perda de dereitos. Con esta situación o futuro para a mocidade galega é incerto non só dende o punto de vista individual senón colectivo.

Mentres, o Psoe no goberno do Estado, ameázanos cunha nova reforma laboral que propón ampliar dos 21 aos 24 anos os contratos de formación, condenando a milleiras de mozas e mozos a condicións de traballo de miseria, sen tan sequera garantías laborais, ao mesmo tempo que propoñen potenciar o papel das ETT´s de xeito escandaloso, en detrimento dos servizos públicos de emprego. Do mesmo xeito o Psoe propón seguir coa política de bonificacións á contratación de xente nova, sen que se tiveran producido melloras no emprego xuvenil nos últimos anos e pola contra se tivesen despilfarrado millóns de cartos públicos.

Medidas que o único que perseguen é facer recaer as consecuencias da crise sobre as clases populares.Así mesmo, o Partido Popular na Xunta de Galiza, mira para outro lado e preocúpase de maquillar os datos sen poñer en marcha nin unha soa medida a nivel laboral para a mocidade neste ano de goberno.

Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, consideramos vital para Galiza e o futuro da xente nova, un cambio de rumbo nas actuais políticas sociais e económicas. Por iso aproveitamos todos os días do ano, pero especialmente o 1º de maio, día Internacional da clase traballadora, para reivindicar unhas condicións de traballo dignas ao igual que outras traballadoras traballadores en todo o mundo. Loitas que aquí na Galiza teñen nomes e apelidos: Tréves, Caramelo, Montoto, Metal, Alfageme,...e que son un exemplo de dignidade e compromiso para nós. Súmate a nós contra o paro xuvenil e a precariedade.

Loita por un traballo digno e na Terra!.

Acude á manifestación que terá lugar en Ferrol o 1 de maio. Sairá ás 12h do local da CIG (Avda. Esteiro).

Por un Eume sen peaxe!

O BNG de Cabanas, xunto co de Pontedeume, convoca para o vindeiro venres 30 de abril ás 20h unha concentración na rotonda de Cabanas, co obxetivo de reclamar a fin dos problemas de tráfico que caracterizan á ponte do Eume.

O BNG está a traballar arreo para que o Ministerio de Fomento retome a viablidade do enlace coa AP-9 en Vidreiro, o que daría unha solución definitiva ás retencións diarias de tráfico entre as dúas vilas eumesas.

Acude!

quinta-feira, 25 de março de 2010

Galiza Nova chama á mobilización masiva na defensa do naval

· A organización xuvenil do BNG amosou nun comunicado o seu 'apoio total' á mobilización convocada pola Plataforma Rumbo21

· A Dirección Nacional de Galiza Nova arroupará á comarca de Ferrolterra

Galiza Nova, organización das mocidades do BNG, vén de manifestar o seu apoio 'total e sen condicionantes' á mobilización convocada polo Plataforma Rumbo21.

'O sector naval é un dos focos máis importantes da nosa actividade industrial e unha peza clave no desenvolvemento social e económico da comarca de Ferrolterra' sinalou Iago Varela, Responsábel Comarcal de Galiza Nova. “Por iso, esiximos a volta á construción naval de Astano, para que as súas instalacións sirvan para construír, transformar e reparar barcos' engadiu.

Dende a organización nacionalista lembran que 'a defensa do naval é unha reivindicación histórica de Galiza Nova nesta comarca', polo que esta semana están a desenvolver unha intensa campaña informando sobre o seu posicionamento e repartindo pegatinas co lema “Ferrolterra ZP: Zona Puteada. Defendamos o sector naval'.

'Facemos un chamamento á mocidade da comarca a participar masivamente na manifestación do sábado', concluíu Iago Varela, quen lembrou a participación no acto da Dirección Nacional de Galiza Nova, encabezada pola Secretaria Xeral, Iria Aboi.

domingo, 14 de março de 2010

Concentración de urxencia: luns 15 de marzo

Ante a presentación do novo Decreto que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza quere impór, eliminando o anterior Decreto aprobado polo bipartito, dende Galiza Nova chamamos a toda a mocidade a participar da concentración que terá lugar mañá luns 15 de marzo ás 20.00h diante do edificio da Xunta de Galiza, en Ferrol

domingo, 17 de janeiro de 2010

Galiza Nova participou onte da pegada de Queremos Galego en Ferrol

Galiza Nova participou onte diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Ferrol dunha pegada conxunta das diferentes organizacións xuvenís e estudantís que formamos parte da Plataforma Queremos Galego. O obxetivo deste acto foi animar á sociedade en xeral e nomeadamente ao estudantado, a secundar a folga prevista para o vindeiro xoves 21 de xaneiro.

"Estamos hoxe aquí organizacións diversas no ideolóxico, mais unidas por unha causa común: a defensa do galego fronte aos ataques que está a sufrir do PP ao fronte da Xunta de Galiza".
Entre os participantes, estiveron presentes Iago Varela, Responsábel Comarcal de Galiza Nova, Alberto García, Responsábel Local de Galiza Nova en Fene, Mateo Verdeal, Responsábel dos Comités en Ferrol, Xiana Rico, Responsábel da Mocidade pola Normalización Lingüística, Carlos Outeiro, Voceiro da Plataforma Queremos Galego na comarca e Julian Reina, Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Ferrol.

Ademais, Galiza Nova distribuiu material da campaña propia "Nas aulas da Galiza, queremos galego" por diferentes centros de ensino da comarca e despregou varias faixas animando ao estudantado a participar da manifestación que terá lugar en Compostela o 21 de xaneiro ás 11.30h.


Galiza Nova participará nun debate sobre o borrador do Decreto en Ferrol

Galiza Nova participará este martes 19 de xaneiro ás 16.15h nun debate no IES Concepción Arenal de Ferrol sobre o borrador do novo Decreto do ensino.

Este borrador, presentado polo goberno de Núñez Feijóo o pasado 30 de decembro, pretende reducir a presenza do galego no ensino, escenificando o maior retroceso de toda a democracia no que ten a ver coa normalización da nosa lingua.

Marcos Loureiro, Vicerresponsábel Comarcal de Galiza Nova, debatirá con María Torres, Secretaria Xeral de Xuventudes Socialistas e Javier Acosta, Presidente de Novas Xeracións de Narón

sábado, 16 de janeiro de 2010

Pegada de cartaces diante da Xunta

Hoxe, sábado 16 de xaneiro ás 17h, está previsto unha pegada de carteis da Plataforma Queremos Galego chamando á folga diante do edificio da Xunta de Galiza de Ferrol.

No acto participarán Iago Varela, Responsábel Comarcal de Galiza Nova, Mateo Verdeal, Responsábel dos Comités en Ferrol, Xiana Rico, Responsábel da Mocidade pola Normalización Lingüística, Carlos Outeiro, Voceiro da Plataforma Queremos Galego e Julián Reina, Secretario Xeral de Xuventudes Socialistas en Ferrol.

quinta-feira, 14 de janeiro de 2010

Nas aulas da Galiza, queremos galego!

Baixo o lema Nas aulas de Galiza, queremos galego, Galiza Nova está a distribuír material por toda a comarca e nomeadamente no Concello de Cabanas chamando á folga no ensino convocada para o vindeiro xoves 21 de xaneiro pola Plataforma Queremos Galego.

O propio día 21 está convocada unha manifestación nacional na defesa da lingua e contra o decretazo do PP. Será ás 11.30h da mañá e partirá da Alameda de Compostela.

Haberá autobuses dende a comarca para asistir ao acto en Santiago. Haberá un que sairá dende o Teatro Jofre de Ferrol ás 10h (chamar ao 981.358.750) e outro que cubrirá a zona As Pontes-Cabanas-Pontedeume (chamar ao 981.451.510).

segunda-feira, 4 de janeiro de 2010

Novos blogues locais

As compañeiras e compañeiros de Galiza Nova nas localidades de Valdoviño e Ferrol veñen de pór en marcha sendos blogues nas que nos manterán informados de todo o que ten a ver coa nosa organización en ditos concellos.

Podes visitalos nos seguintes enderezos:

- http://galizanovaferrol.blogspot.com
- http://galizanovavaldovinho.blogspot.com