O vindeiro 7 de Xuño celébranse as eleccións Europeas. Para Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, estas son unhas eleccións moi importantes porque durante estes anos Galiza non estivo representada directamente, nunhas institucións onde se van tomar decisións fundamentais para o futuro do noso país. Queremos contar co teu apoio para facer que Galiza, a través da representación do BNG, teña voz e voto en Europa. Para que as galegas e galegos esteamos representados e poidamos defender unha Europa dos pobos e democrática, que recoñeza a diversidade nacional, cultural e lingüística. Para impulsar unha Europa social e xusta contraria ao modelo neoliberal que causou a actual crise económica e a reforma do ensino a través do Plan Boloña. Para defender os nosos sectores productivos (o agro, a pesca, o naval…) como xeradores de emprego e riqueza en Galiza. É por iso que precisamos do teu apoio ao BNG, para avanzar nas necesidades e aspiracións da xente nova: no dereito a un traballo digno na propia Terra, no dereito a un ensino público, galego e de calidade, no recoñecemento oficial do galego na UE… Por iso che pedimos o teu apoio: para que ti contes, para que Galiza conte!!
Se vas estar noutra localidade do Estado Español diferente de onde che corresponde votar, podes votar por correo:
1. Ata o 28 de maio, vai a calquera oficina de correos co Documento de Identidade, e cubre o modelo para solicitar o certificado de inscrición no censo electoral. O enderezo que indiques será a onde che envíen toda a documentación.
2. Do 18 ao 31 de maio, remitiranche a documentación para poder votar ao enderezo que indicaches (certificado de inscrición, papeletas e sobre electoral, enderezo da mesa onde che corresponde votar e folla explicativa de todo o proceso).
3. Con esta documentación elixe a papeleta de voto e introdúcea no sobre de votación, logo métea noutro sobre co enderezo da mesa electoral, xunto coa inscrición no censo.
4. Ata o 3 de xuño tes de prazo para enviala por correo certificado e urxente.
*TODO O PROCESO É DE BALDE.
*UNHA VEZ QUE SOLICITAS O VOTO POR CORREO (AÍNDA QUE DESPOIS DESISTAS) IMPIDE O VOTO PRESENCIAL NA MESA ELECTORAL O DÍA DAS ELECCIÓNS.
Nenhum comentário:
Postar um comentário