A día de hoxe na nosa nación, o galego, a nosa lingua propia, vive unha situación de desigualdade a nível público e social, de perda de falantes xeración tras xeración e de discriminación das e dos galegofalantes cando queren exercer o seu dereito básico a poder desenvolver a súa vida integrametne e con naturalidade en galego.
Froito dos intentos de avanzo na normalización da nosa lingua que impulsou o BNG durante a súa participación do goberno da Xunta, determinados grupos sociais minoritarios, apoiados dende sectores do poder, teñen lanzado a idea, nos últimos meses, de que en Galiza se estaba a vivir unha situación de "imposición del gallego" que nada se corresponde coa realidade.
Onde están as películas en galego nas salas de cinema? Onde están os videoxogos en galego? Canta prensa diaria podemos ler en galego? Cantas emisoras de música para xente nova podemos escoitar onde as e os locutores falen galego? Por que non temos dereito a recibir un ensino en galego e aprender a nosa lingua? A resposta a calquera destas preguntas mostra a situación real e evidencia que minten os que non recoñecen que é o galego o que vive unha situación de indefensión e marxinación.
Mais temos que denunciar tamén que o PP, que durante este tempo estivo dando cobertura a estes grupos antigalegos, pretenda a través do goberno da Xunta de Galiza retroceder na normalización do galego e eliminar as medidas que procuraban un avanzo nos usos da lingua, en concreto en ámbitos coma o ensino. É por iso que as mozas e mozos galegos nos opoñemos a estes ataques contra o galego e defendemos o dereito que temos de recibir un ensino na lingua propia de Galiza. Así mesmo, apostamos pola posta en marcha de novas medidas para o avanzo da lingua galega, ademais de no ámbito educativo, en sectores tan importantes coma os servizos públicos, os medios de comunicación, o lecer e as novas tecnoloxías... e chamamos a toda a sociedade e, especialmente á mocidade, a mobilizarnos contras as agresións ao galego, porque non son máis que unha agresión cara a nosa nación, cara todas e todos os galegos e o que nos une. É por iso que necesitamos o teu compromiso para frealos e que non esmaguen a nosa lingua: defende con nós o idioma que nos une!
[Descarga]: Clic aquí para baixar o panfleto da campaña
Nenhum comentário:
Postar um comentário