quarta-feira, 23 de julho de 2008

Galiza Nova de Cabanas pregunta pola toponimia


Galiza Nova de Cabanas presentou onte no rexistro municipal un texto dirixido ao alcalde na que se preguntaba pola instalación da nova marquesiña que RENFE instalou no apeadoiro de Cabanas-Areal.

Nesa marquesiña de nova instalación, estase a empregar ilegalmente a toponimia en español, xa que tanto a Lei de Normalización Lingüística coma dous decretos aprobados posteriormente (pódese atopar máis información ao respecto clicando aquí) establecen que a a única forma legal da toponimia de Galiza é a galega.

Agardemos que o concello esixa ás autoridades competentes a reparación dese erro grave, asi como tamén que vele polo cumprimento da lei no ámbito toponímico

sexta-feira, 18 de julho de 2008

Iago Varela, novo Responsábel Comarcal de Galiza Nova

Galiza Nova, organización das mocidades do BNG, e organización maioritaria do nacionalismo xuvenil galego, presentou esta mañá no local comarcal do BNG de Ferrol ao novo Responsábel Comarcal de Galiza Nova, Iago Varela Martínez, un mozo de 22 anos de Cabanas, que foi elixido para desempeñar tal cargo na asemblea que a formación nacionalista celebrou o pasado luns.

Iago Varela, que estivo acompañado do Responsábel Comarcal de Organización, Marcos Sánchez, destacou o traballo de Galiza Nova na comarca na defensa do sector naval (Plan Ferrol, que supuña a volta de ASTANO á construcción naval civil).

A nivel local, Varela precisou que Galiza Nova conta na comarca con “presenza activa” en concellos coma Narón, Ferrol, As Pontes, Pontedeume, Cabanas, Cerdido e Cedeira, e engadiu “o obxectivo que nos marcamos, é o de seguir ampliando a nosa base social, para poder incidir en maior medida na vida política da comarca, en beneficio da mocidade”.

En palabras do novo Responsábel Comarcal, “O cambio no goberno galego supuxo unha renovación nas políticas xuvenís, que por primeira vez foron feitas con, e para a mocidade”. Varela pensa que “en Ferrolterra é preciso acadar unha maior implicación dos concellos na ampliación de espazos para uso xuvenil, na mellora do transporte inter e intramunicipal, nas políticas de lecer, nas participativas, etc.”.

Galiza Nova comeza pois unha nova etapa na comarca, que nun futuro inmediato vai estar marcado polo 20 aniversario da formación, motivo polo cal se organizarán distintas actividades (charlas, concertos...).

Os mozos do BNG informaron, asimesmo, da súa participación activa no Festigal e na manifestación do Día da Patria.

Podes escoitar unha parte das súas declaracións AQUÍ.

segunda-feira, 14 de julho de 2008

Galiza Nova pregunta polo estado dos parques infantís

Galiza Nova de Cabanas entregou hoxe no rexistro do Concello de Cabanas un escrito dirixido ao alcalde, o popular Germán Castrillón, no que se da conta do estado de abandono que sofren os distintos parques infantís do Concello.


Porén, dende Galiza Nova de Cabanas esíxese que se repare de inmediato os desperfectos, co fin de garantir a seguridade dos meniños que usan eses parques, así como tamén o establecemento de visitas periódicas de persoal laboral do concello, para velar pola limpeza e o bo estado das instalacións.





sexta-feira, 11 de julho de 2008

Festigal: 24 horas de música, tendencias e diversidade en Galiza

Dende Galiza Nova de Cabanas queremos facer especial fincapé no Festigal, que este ano volverá a tinguir as rúas compostelás de música, animación, conversas.. e moito máis!

Froito do esforzo levado a cabo por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre, a programación que terá lugar os días 24 e 25 de xullo no Campus Sur de Santiago é a seguinte:

-Concertos musicais

24 de xullo, dende as 23.00h: Nao, Caravan Palace, Lamatumbá e The International Noise Conspiration.

25 de xullo, dende as 21.00h: Victor Aneiros Band. Quempallou, Pablo Milanés e Berrogüetto.

-Zona xantar

Postos para xantar e cear ámbolos dous días, con oferta gastronómica variada

-Galería do Software Libre

Asociacións ao teu dispór os dous días para saber máis e resolver as túas dúbidas sobre software libre. Ademáis

25 de xullo ás 19.30h Presentación de AINFOVAC, programa de software libre de apio ao emprendemento feminino e ao desenvolvemento do rual, resultado do traballo de tres departamentos nacionalistas da Xunta: O Servizo Galego de Igualdade e Benestar, Medio Rural e Industria

-Galería de Ideas

Xoves 24..

... ás 13.00h "Centenario de Curros Enríquez", con María Xosé Bravo, Xosé Maneul Carril, Francisco Rodríguez, Marica Campo e Manuel Rei Romeu

... ás 17.00h "Neoliberalismo e crise: na procura de alternativas", con Eva Fuentes (xornalista de GZnación), Olaia Fernández Dávila, Xavier Vence e Gustavo Quilaqueo (Partido Nacionalista e Autonomista Mapuche)

... ás 19.30h "3 anos de Goberno, 3 anos de cambio transformador", con Ana Rodríguez (moderadora), Tareixa Táboas, Alfredo Suárez Canal e Antonio Sangiao (director de Xornal.com)

Venres 25...

... ás 18.00h "20 aniversario de Galiza Nova", con Bieito Lobeira, Martiño Santos, Antelo, Rubén Cela, Ana Pontón, Xosé E. Vicente e Iria Aboi

-Galería das Letras

Librarías: Andel do libro (Vigo), A palabra perduda (Santiago) e Pedreira (Santiago)

Editoriais: OQO, Rinoceronte, Urco, A Nosa Terra, Galaxia, Xerais de Galicia, Lonxa Cultural

Asinatura de libros polos autores/as ao remate da presentación. Rosa Aneiros e Teresa Moure asinarán os seus libros durante os dous días

Xoves 24...

... ás 11.00h Apertura

... ás 17.00h Presentación "Monográficos sobre diversidade funcional", da Revista Galega de pensamento feminista ANDAINA, con Estrela Vilaverde e Isabel Lodeir

... ás 17.45h Presentación do libro "Premio novela erótica" da Editorial Positivas

... ás 18.30 Recital de poesía

... ás 19.15h Presentación do "Atlas histórico de Galiza", da editora Ediçoes da Galiza, por Artur Alonso Novelle, Heitor Rodal e José Manuel Barboase e José Manuel G. Rivera

...ás 20.00h Presentación do libro "Cantos e fragmento de safo", tradución e Raúl Gómez Pato. Falará o propio Raúl e Francisco Macías.

... ás 20.45h Entrega de premios do "1º campionato Día da Patria Galega de Trivial.gz"

Venres 25...

... ás 16.30h Presentación do libro "Galiza na Unión. A porta Atlántica", de Camilo Nogueira na editorial Galaxia, con Suso de Toro e Camilo Nogueira

... ás 17:15h Presentación da edición en galego de "O segundo sexo" de Simone de Beauvoir na editorial Xerais de Galicia. Falará: Carmen Adán, Secretaria Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

... ás 18:00h Recital de poesía: Marta Dacosta, Paco Souto...

... ás 18:45h Presentación do libro "Os Grouchos" de Manuel Rivas con Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais de Galicia e Manuel Rivas, autor

... ás 19:30h Presentacion do "Decálogo que a língua galega precisa" da Fundación Bautista Álvarez. Falarán Bautista Álvarez, presidente da Fundación, Pilar García Negro, autora e Xoan Carlos Garrido, autor.

... ás 20:15h Presentación do libro "Os piratas da illa da Esperanza" na editorial Xerais de Galicia. Falará: X. H. Rivadulla Corcón, autor.

... ás 21:00h Presentación do libro "Os efectos do afundimento do Prestige" na editorial A Nosa Terra. Falarán:· Mª do Carme García- Negro, directora. Adolfo Carballo Penela e Carlos Sebastián Villasante.

-Galería de audiovisual

(Na Sala Nasa)

Xoves 24...

... ás 11.00h Apertura· TECENDO O FÍO DA MEMORIA (2006) (María Reimóndez Meilán), CICLO COMBINADO (2006) (Sabela Pernas Soto, Nuria Castro Prieto), AREA NOS OLLOS. A LOITA POR BALDAIO 30 ANOS DESPOIS (2007) (Iván Seoane Romero), A GUERRA DOS AVÓS (2007)(Oscar Galansky López), LOBOS SUCIOS (2006) (Felipe Rodríguez Lameiro), O MUNDO POLAS MANS (2006) (Placido Baranda Valeiras, Mónica Cortés), PÓ DE ESTRELAS (2007) (Alberte Pagán), COUSAS DO KULECHOV (2006) (Susana Rei Crespo), LONGO SENDEIRO DE PEDRA (2006)(Pablo Millán). LEO (2007) (Fernando Cortizo Rodríguez), HOMELESS, SEN TEITO (Diego Méndez Lamas), A REVOLTA DOS MOUSES (2007) (David Alejandro Gen), DON SEÑOR E O HOME DO SOÑO (2007)(Nacho Abia Carrera), 1977 (2007)(Peque Varela), BATA POR FORA (muller por dentro) (2007)(Claudia Brenlla López), ESQUECIDAS (2007) (Luqui Matthews), XAN, A DESPEDIDA (2007)(José Luis Martínez Díaz), PERVERSA LOLA (2007) (Sonia Méndez Alonso) e 1, 2, 3 RODANDO (Olaia Sendón)

-Galería de Cultura Tradicional

Espazo da cultura tradicional. Asociación de gaiteiros galegos.

Xoves 24...

... ás 11:00h Apertura: Mostra de Instrumentos Tradicionais, Mostra de Traxes Tradicionais, Mostra do 20 aniversario da AGG, Mostra de Xoguetes Tradicionais Galegos

... ás 13:00h Actuación de Tinta Femia

... ás 15:00h Actuación de Tinta Femia

... ás 17:00h OBRADOIROS: Xoguetes Tradicionais, Construción de Xoguetes Sonoros

... ás 19:00h OBRADOIRO Xogos de Baile Tradicional

... ás 20:00h Música tradicional

... ás 21:00h Peche do Espazo da Cultura Tradicional

Venres 25

... ás 13:00h Actuación de "A Requinta da Laxeira"

... ás 15:00h Apertura: Mostra de Instrumentos Tradicionais, Mostra de Traxes Tradicionais, Mostra do 20 aniversario da AGG, Mostra de Xoguetes Tradicionais Galegos

... ás 15:00h Actuación de A Requinta da Laxeira

... ás 17:00h OBRADOIROS: Xoguetes Tradicionais, Construción de Instrumentos Vexetais

... ás 18:30h Exhibición de Loita Galega

... ás 19:00h OBRADOIRO Iniciación ao baile tradicional

... ás 20:00h Música tradicional

... ás 21:00h Peche


-Asociacións, Artesanía e Tendas

Feira de Asociacións

Postos con material de asociacións, ONGs e colectivos diversos: Maarcha Mundial das Mulleres, Comités Novas de Galiza, Igadi, Movemento polos Dereitos Civís, Isca, Movemento Pola Base, Fundación Federico Engels, CIG, FORGA, AS-PG, A Mesa pola Normalización Lingüística, Fundación Vía Galego, Fundación Bautísta Álvarez, GZnación, EMUGA, BNG, Galiza Nova, Fundación Galiza Sempre, Foro Social Galego

Galería Artesanal. Exposición e venda de artesanía galega. Produtos galegos. Oficios e instrumentos tradicionais.

· María Carmen Oca Aguiar:Coiro

· Eduardo Escalante Ruíz: Óso

· Laura Perez Quintiana: Vidro fundido

· Marilene: Artesanía do Brasil

·Puntosalvo: Prendas de punto e complementos

· Moncho Sánchez: Prata

· Gal: Artesanía do Brasil

· Cristina García Vieiro: Coiro, sementes macramé, ganchillo

· Martín Morales: Madeira

· Claudio García: Material reciclado, lámparas

· Elena Ferro: Zocos e coiro

· Iago Canda: Prata e macramé

· Santi Bernárdez

· Mónica Martínez del Valle

· tendagaliza.com: Obradoiro Trebopala, Museo do Coiro de Allariz

· Raquel Patiño: Coiro

· Marta Gómez Ocampo: Artesanía ecolóxica

· Cristina Castro Lorenzo: Coiro, malabares, xogos chinos, licor caseiro

· Maica Novo: Roupa de seda da India

· Óscar Montoya Álvarez: Prata

· Patapún: Roupa teñida


-Maxia

Xoves 24...

... ás 21:30h Espectáculo de Maxia: Magos no País das Marabillas

Venres 25...

... ás 20:30h Espectáculo de Maxia: Magos no País das Marabillas

-Exposicións permanentes

24 e 25 de Xullo.

O Himno, os tempos son chegados

Curros Enríquez, Nación, Liberdade e Progreso.

Mantente á última en http://www.festigal.com/

sexta-feira, 4 de julho de 2008

Festigal'08

O Festigal 2008 xa está a chamar ás nosas portas, e este ano ven chegar cun cartel de impresión!

Entre os artistas que este ano se darán cita no Campus Sur de Santiago estarán

Xoves 24

Nao

Caravan Palace

Lamatumbá

The Internationali Noise Conspiracy

Venres 25

Victor Aneiros Band

Pablo Milanés

Berrogüetto

A festa xa comeza!

segunda-feira, 30 de junho de 2008

Galiza Nova participa nos actos do Día do Orgullo LGTB'08

Galiza Nova estavo este sábado na manifestación que percorreu as rúas da capital de Galiza con motivo do día do orgullo LGTB 08.

Esta manifestación que saiu ás 18:00h da alameda compostelana estivo convocada pola federación Aturuxo que agrupa ás diferentes organizacións de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais de Galiza.

Ademais desta manifestación tamén houbo ás 13:00 un Maripicnic-Foliada no Parque de Belvis (Barrio de S. Pedro) e ao remate da manifestación ás 22:30 unha festa concerto na Praza da Quintana con Alive, Opperetta Mix, La Kinky Beat.

sexta-feira, 27 de junho de 2008

Posición do BNG ante o Tratado de Lisboa



Falouse moito estes días do Tratado de Lisboa. Dende Galiza Nova de Cabanas queremos facervos chegar as razóns do NON do BNG a dito tratado:

A) CUESTIÓNS PREVIAS:

As Cortes Xerais do Estado debaten o Tratado de Lisboa, asinado na capital portuguesa o 13 de decembro de 2007 polos Xefes de Estado ou de Goberno dos 27 estados membros da Unión. Este Documento modifica o Tratado da Unión Europea e o Tratado Constitucional da Unión Europea.

Este proceso realizado exclusivamente pola vía parlamentar, é froito dun acordo adoptado durante a Presidencia Alemana co que se pretende retomar a mal chamada “Constitución” Europea.

Ante este debate o BNG defende, en coherencia coas resolucións adoptadas na XI Asemblea Nacional (2003) e no Programa para as eleccións ao Parlamento Europeo (2004), unha posición, tendo en conta o contido do Tratado, contraria á ratificación do mesmo.ç

B) AS RAZÓNS DA OPOSICIÓN DO BNG Á RATIFICACIÓN DO TRATADO:

1. O deficit democrático

O procedemento seguido escapando do referendo, en base a diversos pretextos, revela o medo ao sentido de voto dos cidadáns europeos. Saben que o contido do “Tratado de Lisboa” é a copia da referida constitución europea, á que mudaron o nome para tentar de enganar á poboación europea, o que representa un auténtico fraude político.

No que atinxe á arquitectura institucional, o Tratado de Lisboa reforza os poderes da Comisión (o executivo da UE) en detrimento do Parlamento.

O empobrecemento da democracia tamén é visíbel na Carta dos Dereitos Fundamentais, máis restrinxida, aínda, que a estabelecida no Tratado Constitucional.

2. O deficit de soberanía: O esquecemento da europa dos pobos

O “Tratado de Lisboa”, esixe o respecto á “integridade territorial” de cada Estado, polo que a a plasmación práctica do dereito de autodeterminación queda impedido.

O “Comité das Rexións” ao sumo non pasa dunha cifra de “representantes rexionais” que expresan o peso político dos estados membros da Unión sen atender a articulación territorial e institucional de cada un deles conforme a criterios dunha mínima democracia.

O Tratado de Lisboa consolida unha estructura de poder baseada na combinatoria de estados xerarquizados, coa mudanza no procedemento de adopción de moitas decisións, que lle outorga aos estados centrais un papel determinante.

O proceso de construción da UE é a concreción en Europa da dialéctica mundialización-rexionalización, antitética ás formulacións do nacionalismo galego.

O Tratado de Lisboa representa un paso atrás no recoñecemento na esfera internacional da lingua galega. As únicas linguas oficiais son as dos estados, estabelecéndose unha división ou xerarquización entre as mesmas atendendo unicamente a criterios políticos administrativos. Isto é, o elemento para determinar a visibilidade dunha lingua é o Estado; é dicir, o corsé estatal determina a existencia ou non dun idioma.

3. Unha política económica ao servizo do capital

No contido do Tratado institucionalizase a Estratexia de Lisboa e o Pacto de Estabilidade insistindo nas políticas que están a ser practicadas, con consecuencias xa coñecidas: recortes nos salarios reais e nas pensións, menores investimentos nos servizos públicos e maiores ganancias para os grupos económicos.

Por outra banda, convén lembrar que, mália o que digan os defensores da UE, Galiza non recibiu tantos fondos europeos. Do total de recursos comunitarios destinados ao Estado Español, entre 1986 e 2006, a porcentaxe galega non pasou do 6%, inferior ao seu peso poboacional no conxunto do Estado.

O “Tratado de Lisboa” vai fixar competencias exclusivas ou compartidas cos Estados, socavando a capacidade de planificar ou intervir na economía pola diferentes nacións ou estados, o que fará inviábel que se poida enfrentar unha situación como a da actual crise económica ao servizo dos pobos e da maiorías sociais.

O Tratado vai deixar en mans da Comisión a política enerxética, a de transporte e a comercial común, o que afondará nas desigualdades rexionais no espazo comunitario.

4. Un retroceso nos dereitos sociais

O “Tratado de Lisboa” significa un novo avance no ataque aos dereitos laborais, poñendo en cuestión o despedimento sen causa xusta, a negociación colectiva ou a limitación horaria da xornada laboral, da que é claro exemplo a directiva que promove a ampliación da xornada laboral semanal a 65 horas.

O dereito ao traballo e ao emprego non existen, simplemente aparece o “dereito a traballar”. O dereito á protección social é substituído por un mero “dereito de acceso ás prestacións da seguranza social e aos servizos sociais”.

Por outra banda, o Tratado non recoñece o dereito ao aborto e á anticoncepción.

Así mesmo, a UE sitúase á cabeza do mundo en represión en materia de inmigración nunha dirección contraria aos dereitos humanos.

5. A concepción dunha europa subalterna

O Tratado de Lisboa non deixa dúbidas sobre a natureza do modelo europeo e do seu carácter subalterno e complementario ao bloque norteamericano, actuando como unha mera sucursal do proxecto político estadounidense.

Un exemplo palpábel deste papel subalterno é a nova formulación que se fixa en Lisboa, que estabelece que a Organización do Tratado do Atlántico Norte “para os Estados que son membros desta organización, continúa a ser o fundamento da súa defensa colectiva e a instancia apropiada para a concretizar”.

C) A POSICIÓN DO BNG: A DEFENSA DUN MODELO DE CONSTRUCIÓN EUROPEA ALTERNATIVO.

En coherencia co seu programa estratéxico e o seu proxecto nacional, o BNG propugna unha Unión Europea defensora dunha política que preserve a democracia, a economía sustentábel como obxectivo, a sociedade do benestar como elemento de xustiza social e a relación en pe de igualdade entre os gobernos nacionais como expresión das demandas dos pobos. Unha democracia que afortale a capacidade de control e impulso das institucións elixidas democraticamente, respectando as competencias dos Parlamentos nacionais, entre eles o Parlamento de Galiza, incrementando a transparencia na toma de decisións, e corrixindo o déficit democrático existente nas institucións da Unión Europea.

O BNG defende unha Unión Europea participativa, plenamente democrática, baseada na integración e non na exclusión, como conxunto e suma das identidades nacionais e do respecto á pluralidade económica, cultural e lingüística. Unha Unión Europea dotada de mecanismos e garantías de participación política, baseada na paz, na defensa do medio ambiente e no dereito ao traballo digno. Unha Unión Europea dos pobos, na que se recoñezan os dereitos de Galiza como nación. Unha Unión Europea política, social e cultural, e non só económica e monetaria.

En síntese, é hora de mudar o curso do proceso europeo, de pór a economía ao servizo das persoas, de atopar un encadre no continente para as nacións sen estado, de artellar estratexias que contribúan a construír un mundo multipolar, de espertar esperanzas. Non se trata dunha mera construción doutrinal. Ao pobo galego, á maioría social de Europa e do mundo, vailles a vida nisto, por todo isto, o BNG non pode apoiar a ratificación do Tratado de Lisboa porque non contribúe á construcción desa Europa pola que traballamos.

domingo, 15 de junho de 2008

Acto: Cremos no noso Pais


O BNG de Cabanas celebrará o vindeiro venres 20 de xuño ás 20.00h no Hotel Sarga un acto enmarcado dentro da campaña que o Bloque Nacionalista Galego está a levar a cabo a nível nacional.

No acto de Cabanas, participarán Xosé Manuel Sardiña, Voceiro do Grupo Municipal do BNG no Concello de Cabanas, Ana Rúa, Directora Xeral de Comercio e Alberte Ansede, Secretario de Organización na Executiva do BNG.

Agardámoste!

domingo, 1 de junho de 2008