sexta-feira, 28 de março de 2008

Esta é a vosa casa: pasade

Benvidas e benvidos a este novo espazo na rede!


Resúltanos enormemente grato darvos a benvida a este recuncho da rede, que nace co propósito de facer chegar a toda a xuventude en xeral, e á do concello de Cabanas en particular, toda a información sobre as nosas actividades e iniciativas, así como tamén sobre outras cuestións que poidan ser de interese para a mocidade.

De seguro, moitos de vós xa coñecedes o que é Galiza Nova, pero por se acaso alguén se despista, recordarvos que Galiza Nova é a organización da mocidade do Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Galiza Nova é unha organización ampla, plural e democrática, que adopta as súas decisións tras un amplo proceso de debate aberto a toda a militancia. O noso funcionamento, baséase no asemblearismo, estructurándonos en agrupacións locais e comarcais.

O máximo órgano de goberno é a Asemblea Nacional, que se celebra cada dous anos, e á que ten direito a asistir toda a afiliación.

Reivindicamos unha Galiza soberana, aspiramos a unha sociedade cualitativamente distinta, que supere as inxustizas da actual, e onde a igualdade e a democracia sexan reais. Queremos garantir unha mellora nas condicións de vida e benestar social para a mocidade e para o conxunto das galegas e dos galegos.

Defendemos que as relacións entre as diferetes nacións do mundo se fundamenten na igualdade e solidariedade internacionalista. Unha política anti-imperialista é o garante dun futuro mellor para a humanidade. Por todo o dito é o momento de que todos e todas botemos unha man a esta importante tarefa.

Tal e como se expresa no título desta primeira entrada, esta é a vosa casa. Animámosvos a participar activamente aportando suxerencias e facéndonos chegar as vosas inquedanzas, para lograr que Cabanas avance.

Adiante!

Nenhum comentário: