sexta-feira, 28 de março de 2008

Galiza Nova pregunta pola aula de informática da Escola Laica

Galiza Nova pregunta sobre o peche da aula de informática da Escola Laica

A organización nacionalista faise eco do malestar da mocidade cabanesa ante o peche da aula de informática polo goberno do PP

Galiza Nova vén de trasladarlle ao BNG de Cabanas as queixas das mozas e mozos do Concello en relación co peche inxustificábel da Aula de Informática ao uso público coa que conta o Concello, xa que deixa sen os servizos de Internet e de equipos informáticos á mocidade cabanesa. Estes recursos achegounos a Deputación Provincial da Coruña a través dunha subvención hai dúas lexislaturas, nun proxecto de "Alfabetización Dixital", iniciativa que ten como obxectivo a achega das novas tecnoloxías a tódolos cidadáns por igual.

Iago Varela, representante de Galiza Nova, pensa que "Situados de pleno no mundo dixital, o acceso a Internet ten que ser un dereito universal, e non só un privilexio ao alcance duns poucos". Recorda ademais, que "nun Concello no que a implantación da banda ancha é moi limitada, o peche dun ponto de acceso á rede supón que a mocidade teña que pagar ou usar os servizos doutras localidades do contorno".

Malia que se anuncie na páxina web do local (http://escolalaica.concellodecabanas.com) que "Todo o que se achegue as nosas instalacións pode ter acceso a internet a través dos equipos cos que contamos", a realidade afástase desa información, xa que o Concello non conta con persoal para permitir o acceso libre á aula de informática fóra dos cursos programados.

O Grupo municipal do BNG, a través do seu portavoz, Xosé Manuel Pérez Sardiña, valora positivamente esta demanda social achegada por Galiza Nova xa que se trata dun servizo básico que na pasada lexislatura foi aproveitado pola veciñanza de Cabanas para ampliar os seus coñecementos informáticos, buscar emprego, realizar traballos académicos e consultar sobre información diversa. Sardiña di que "o goberno do Partido Popular practica a 'política do peche' e do recorte de servizos demandados pola poboación, estamos ante un novo despilfarro e estrago dos recursos achegados pola Deputación". O portavoz municipal do BNG coida que o PP improvisou nos orzamentos de 2008, posto que non prevé persoal para a atención permanente da aula fóra das actividades docentes e non tivo en conta que "a difusión das novas tecnoloxías é fundamental nos tempos de hoxe". Recalcou ademais que "resulta prioritario para o BNG atender a xusta demanda da sociedade e propoñer a apertura da Escola Laica ao público".

Nenhum comentário: