Galiza Nova ven de pór en marcha unha campaña a nível nacional sobre o galego, baixo o lema: "Por que lle tes medo ao galego? Atrévete!"
Un ano máis chega o día das Letras Galegas e moitas institucións, medios de comunicación e mesmo a nível social, económico, político e cultural e moitos e moitas lembran que en Galiza existe unha lingua propia e deciden adicarlle un espazo, tratándoa coma unha reliquia que non merece máis ca unha mención nese día nos medios de comunicación ou noutros ámbitos de onde fica totalmente ausente o resto do ano.
Que pasa coas lectoras e lectores galegofalantes que temos dereito á información na lingua de noso? Que pasa cando queremos estudar en galego? Que pasa cando queremos ver cinema en galego? Que pasa cando uns pais queren educar ás súas fillas e fillos na lingua propia? Que pasa cando calquera de nós quere dirixirse na nosa lingua á administración galega ou estatal con sede en Galiza?
Estas preguntas son o exemplo de que a día de hoxe vivimos nun país no que non se garante o dereito a poder desenvolver a nosa vida integramente e con naturalidade en galego. A raquítica lexislación a respecto da lingua fica totalmente incumprida na maioría dos casos e as e os galegofalantes vense desprezados e obrigados a esixir o respecto polos nosos dereitos lingüísticos ou a facer uso do español para axilizar determinados trámites coma un casamento, a realización de exames sen opción en galego para traballar en empresas coma Correos...
Por moito que na Carta Europea das Linguas ou na Constitución Española se recolle que ningunha persoa será discriminada por razón de lingua o certo é que tódolos días no noso país coñecemos casos de discriminación polo uso do galego. Malia que nos últimos naos se tivese avanzado na aprobación de leis que camiñaran cara a normalización do noso idioma a realidade é que son poucos os mecanismos que se veñan articulado para que se leven á práctica e é pouca a vontade política de quen ten a responsabilidade de efectivizalas e velar polo seu cumprimento. Despois do cambio de goberno na Xunta do Partido Popular seguimos sen visualizar un compromiso claro de non repetir os erros da anterior política lingüística pro parte do PSOE na Dirección Xeral de Política Lingüística que é o departamento competente para impulsa-la normalización do galego. Consideramos que a aprobación de decretos como o Decreto do uso da lingua galega no ensino 124/2007 son positivos pero non son suficientes, pois o cumprimento de que no ensino secundario se imparta como mínimo a metade do horario lectivo en galego dista moito de ser realidade na práctica totalidade dos centros de ensino. Medidas como a creación das Galescolas para a escolarización en galego de nenas e nenos de 0-3 anos ou outras iniciativas impulsadas polo BNG deben ser o camiño a seguir para o impulso do galego dende as administracións públicas.
Dende Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, sempre defendimos o nosos dereito a poder desenvolve-la nosa vida en galego e reivindicamos o dereito de todas e todos os galegos a utiliza-la nosa lingua en calquera ámbito sen ningunha traba ou discriminación, no ensino, no lecer, no traballo, no deporte, nos medios de comunicación, na rede... Por iso, convidámoste a que participes connosco deste obxectivo porque o mellor xeito de contribuír á normalización da nosa lingua a nível colectivo é tamén o compromiso de cada un de nós a nível individual durante tódolos días do ano, utilizando o glaego de xeito consciente e esixindo o cumprimento da lexislación para a súa normalización. Xa que logo, animámoste a que te sumes a nós.
Atrévete coa nosa lingua. Na Galiza, sempre en galego!
Domingo 18: MANIFESTACIÓN
Polo dereito a vivirmos en galego
12.00h na Alameda de Santiago
Nenhum comentário:
Postar um comentário